Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
A VER | Luces

As mortes de escritor

Pintores, escultores, cineastas, músicos, intérpretes, coreógrafos... son artistas que, malia teren público, non ocupan na sociedade o lugar que lles corresponde aos escritores. Escritores e escritoras son pais da patria, fundadores de nacións ás veces e estandartes nacionais veces abondas. Adoito vese a xefes de Estado e gobernantes en cerimonias fúnebres por algún escritor: vímolo na ocasión do enterramento de Camilo José Cela, hai uns días no pasamento de Miguel Delibes e agora no do José Saramago. Escritores ben distintos no seu perfil político e literario, non obstante tiñan en común ese carácter de persoa e obra, "groria nacional".

Delibes en vida non ocupou un lugar central na vida pública, quer polos anos e a saúde, quer polo carácter ou por convicción particular. Cela e Saramago, pola contra, exerceron cada un ao seu xeito un papel público de modo consciente. Valoramos moito na obra de Cela, e o importante dun escritor para os lectores son os libros que nos lega. Endebén, xa que el ocupou voluntariamente espazo na vida pública temos dereito a xulgar o papel que desenvolveu, diría que básicamente foi o dun estéril ególatra. E o papel xogado por Saramago? Vemos estes días que hai un importante sector social que ve na súa figura un referente humano, unha encarnación coherente das ideas historicamente tradicionais da esquerda ou que admiran e respectan a súa conducta como a dun líder moral. Gustarán ou non esas ideas e desa conduta, mais ese é parte do seu legado. Naturalmente tamén están, aínda que non teñen aparecido en primeiro plano, os admiradores que lembran a súa obra literaria.

Os restos de Cela mesmo foron cargados no lombo de ministros do Goberno dun Estado. Era un escritor que tiña unha obra sometida a discusión aínda que en conxunto aceptada por todos como valiosa. O caso de Saramago foi até agora único. A súa morte foi lamentada por gobernantes de dous Estados; contrariamente á de Cela, a súa obra non estaba sometida a discusión. Tamén hai no seu caso algo específico, a súa obra anterior ao Nóbel foi valorada xustamente pola crítica, pola contra pódese dicir que nos últimos anos o seu carimbo ideolóxico era tan forte, mesmo na súa obra, que os seus libros foron máis obxecto de discusión ideolóxica que literaria.

A realidade de todo escritor é que coa súa obra busca conseguir un efecto no lector e dese modo conseguir algo del, o recoñecemento. Os escritores conseguen o beneficio pretendido cando a súa obra é lida e recoñecida; se non gañan a súa aposta perden os seus traballos, con todo se gañan o gaño é enorme. Se na vez de diñeiro se medise en recoñecemento persoal e social non era nada mal negocio o ser escritor. O que fai logo cada un con ese recoñecemento, con ese capital que recibe da sociedade, varía dunha persoa a outra. Delibes seguramente entendeu que coa súa obra xa ofrecía aos demais o mellor de si, e que nos libros subxacían unha ética e unha visión moral do mundo. Cela demostrou gran talento literario e toda a súa presenza pública foi destinada exclusivamente a que se lle recoñecese (cando opinou sobre asuntos colectivos fíxoo apoiando á dereita, que era o seu lugar natural). E Saramago coidou que coa súa autoridade artística podía e debía afirmar públicamente as súas ideas e causas. No pasamento de Cela lembrouse o seu premio e as súas andanzas, no de Delibes as personaxes dos seus libros, o seu mundo literario que reflectía a súa sociedade urbana e paisana, no de Saramago lembráronse as súas ideas e as ideas que aparecían nos seus libros.

Actuaron mal, actuaron ben? Cada un seguiu a súa natureza.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 25 de junio de 2010