O mundo perdido de Camilo Gonsar
Galaxia reedita 'Desfeita', a novela do sarriao sobre a destrución das vilas
Unha mesa de mármore para esfolicar turistas modernos, lumes que non se sufocan ou promesas de "platillos volantes". Son algúns dos sucesos fortes dos que se vale Camilo Gonsar (Sarria, 1931-Vigo, 2008) para retratar o que puidera ser un "autoxenocidio inconsciente e vexetal" do país, e que acaba sendo unha novela sobre a imposibilidade da memoria. Desfeita (Premio Nacional en 1983), agora reeditada por Galaxia na súa Biblioteca Camilo Gonsar (sen a engádega do subtítulo semirreportaxe, suprimida polo autor na edición de 1987, aínda en Xerais) volve pór o aceno na escasa raizame -sobre todo naquela altura- da narrativa con traballo de campo.
En Desfeita, o xornalista narrador chega a unha vila para investigar un asasinato de 1936, esquece o magnetófono e ninguén lle quere contar nada. O relato liñal das súas entrevistas cos personaxes do lugar, coas súas anécdotas e acenos, si lle dan para reconstruír un tempo e un espazo. Cheo de estafermos e casas co ladrillo ao aire, bares híbridos e emigrantes retornados, "accidentes lingüísticos" e labregos afastados violentamente do ideal vilego polo franquismo, que sancionaba ata o renxer dos carros. "Como se había vinte e tantos anos cada propietario estivese en bárbaro e palurdo desaxuste co seu medio natural e histórico", di o narrador, dividindo entre paisaxe e terra.
Darriba: "Gonsar aproveita o seu coñecemento da realidade local"
"Na literatura galega, confúndese a realidade co realismo", di Franco
A vila é Sarria e o narrador é Camilo Gonsar, anque non fixese traballo xornalístico á maneira de Cid Cabido n'Unha historia que non vou contar (Xerais, 2009). A difusión da obra foi escasa no seu día, pero houbo xente á que lle pareceu dabondo. Na presentación do libro no lugar dos feitos non estivo Gonsar, que mandou escrito remarcando o carácter ficcional da novela, sen omitir a súa "realidade": "Se entendemos que é crítica unha obra na que se pretende destacar a distancia entre unha situación vixente e unha situación desexada, entón a miña é unha obra crítica. Non é unha obra de literatura fantástica, hoxe tan de moda, como hai tempo o estivo a literatura comprometida".
Nese humor de Gonsar -kafkiano tamén para o destaque da diglosia, xa presente nos contos de Arredor do non-, como na aparente febleza narrativa das súas novelas, ve Manuel Darriba "o que se agocha, que é outra vez unha ollada aos grandes enigmas da existencia". Para o escritor e xornalista sarriao, Gonsar aproveita o seu coñecemento da realidade local, "mais el é un cronista da condición humana". "Se algo afecta a súa literatura", di o autor de Experimentos coa mentira (Galaxia, 2005), "é o descoñecemento".
"Quizais Desfeita non achegou o que debía porque nin cundiu o exemplo no seu momento nin tampouco cundiu agora", opina Camilo Franco, falando dos materiais do real na literatura galega. Se non é tradición traballar con eles, di o ourensán, "pode ter que ver con que os escritores sono a tempo parcial e iso require dunha adicación sen retorno seguro, nin no económico nin no artístico, pero tamén pode ser que a realidade estea moi mal valorada no país". "Confúndese moito co realismo". Na omisión do subtítulo semirreportaxe na edición definitiva da obra, por vontade de Gonsar, o tamén xornalista e escritor Camilo Franco só se pregunta "por que a puxo de primeiras, cando non lle facía ningunha falta".
Deixando á parte cómo partillou Gonsar ficción e realidade, é nas posibilidades do real que se ofrecen en Desfeita -"se o que está en decadencia quedou esmagado, tamén as metas foron arrasadas"- onde sitúa Xesús González Gómez unha posible perspectiva crítica. Se Manuel Forcadela poñía Cara a Times Square como "cumio e final" da nova narrativa, o recente autor de Dicionario de surrealismo e de surrealistas sinala que Desfeita "acaba por matar finalmente a Nova Narrativa Galega, como quen din 'é hora de escribir doutro xeito".
A este respecto, González Gómez non é demasiado optimista. "Aquí aínda estamos na narrativa étnica. A literatura galega estána matando entre os que ven un xenio en cada esquina e os departamentos de galego das universidades, que debían desaparecer de vez", di, recordando o Julien Gracq de Por que a literatura respira mal: "Non pode ser que a vangarda a movan os peóns". A centralidade de Desfeita n'As novelas da memoria, o ensaio do estadounidense John Thompson sobre a representación da historia da Guerra Civil na narrativa galega, parécelle "demencial" pola súa efusión histórica. "Desfeita é unha novela total, no sentido lukácsián, sobre a destrución das vilas galegas", resume. "A Guerra Civil só se trata a través das mensaxes cifradas dos subalternos, e os subalternos non falan porque teñen medo".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.