_
_
_
_
Reportaje:Luces

A viaxe ao Sur de Siniestro Total

Os vigueses rexistran en Texas 'Country & Western', a súa "visión delirante de Galicia"

O décimo terceiro elepé en estudio de Siniestro Total chámase Country & Western, foi gravado en Houston (Texas), publicarase á volta do verán e, por suposto, nada ten que ver coa música country. "O disco naceu dun chiste", explícase Julián Hernández (Madrid, 1960), actual xefe da banda e membro da mesma dende que, contra 1981, inventaran o punk con retranca. "Lembramos que nos faltaba facer un disco de country", sorrí, "e como Galicia é un país e está no oeste, Country & Western". Para materializalo, viaxaron ao sur estadounidense, onde o seu produtor dos últimos 17 anos rexenta unha mesa de mesturas propiedade de Billy Gibbons.

De 15 días durante febreiro deste ano no Estado da estrela solitaria, Siniestro Total regresaron cun tratado "delirante" sobre o seu país natal. "Canto máis lonxe imos gravar, máis falamos de Galicia", apunta Hernández. Pero, ao que parece, sen rastro das sonoridades cowboy. "O country foi a desculpa, pero neste disco hai o mesmo de sempre", sinala, e concreta: "Sempre se nos acusou de que fixemos punk, blues, heavy metal... ben, é unha acusación fundada". O rock tamizado de funk ou o r&b vía Dr. Feelgood co que Siniestro se reiventaron tras o sarampelo punkoide tamén fan parte da beberaxe.

"Hai cancións en galego e en inglés, é polo 'decretazo", ironiza Hernández
"Sempre estivemos en terra ignota, nin éxito nin fracaso, nin 'indie' nin 'major"

En Country & Western haberá cancións en castelán, como adoito, pero tamén en galego e en inglés. "É que nos adiantamos ao decretazo, tivemos unha visión previa", expón irónico, "xa nos pasou máis veces: cando escribimos sobre algo, acaba por acontecer". Confirmar o carácter visionario da lírica siniestra correspóndelle, a finais deste mes, ao single adianto do elepé. Formato vinilo e tiraxe reducida, Julián Hernández despeza cara a e cara b: "The very first one é como Johnny Cash no frenopático, mentres na outra face vai La paz mundial. Trata sobre un superheroe sen vontade de salvar o mundo, máis ben todo o contrario...". Cinco anos logo da súa anterior incursión en estudio, Siniestro Total deitan luz sobre unha obra "máis variada, máis luminosa e tamén máis cabrona que Popular, democrático e científico, un disco máis escuro e tristón".

Toda esta filosofía nacional galaica foi artellada en Vigo -"dende maio de 2009 xa gravamos algunhas cousas"- pero transformada en acetatos en Texas. "Joe Hardy, con quen traballamos dende 1993 [no Made in Japan, último disco con Miguel Costas na formación], dirixe alí un estudio propiedade de Billy Gibbons, o guitarrista de ZZ Top", comenta. A disposición de Hernández, Javier Soto, Ángel González, Jorge Beltrán e Oscar Avendaño, os actuais Siniestro Total, a colección completa de guitarras de Gibbons "e amplis nos que fuchicar".

Dezasete anos de operacións conxuntas provocaron unha ausencia de corrección política nas relacións entre produtor e banda que os músicos agradecen. "É o problema da amizade, que falta a educación", di Julián Hernández, "pero iso está ben á hora de gravarmos, porque como grupo temos certa tendencia a írmonos polos cerros de Úbeda".

Os estudios do barbudo de ZZ Top non foi o único que Siniestro Total aproveitaron da súa viaxe a Houston (Texas). No porto de Galvestone, golfo de México, detectaron semellanzas con Nova Orleans e avistaron as plataformas petrolíferas que arestora ameazan Louisiana. No rural, conta un entusiasmado Hernández, a paisaxe viraba "nun tebeo, cos extractores de petróleo picando como paxaros; parecía Lucky Luke". Con todo, nun territorio equivalente a dúas veces a Península Ibérica, foi Austin o epicentro da expedición.

Na capital oficial e ao tempo musical de Texas, os cinco siniestros exploraron a vida nocturna e os tabernáculos blues e country. "Hai unha lenda local que asegura que, ao final da noite, as mulleres do lugar erguen a camiseta e amosan as tetas", anota, serio: "É verdade". Xusto nese momento, rememora Hernández, "a policía despexou a rúa a hostia limpa". Quedoulles por visitar, admite, "o oeste puro e duro, o deserto con cactus e cabezas de vaca".

Country & Western colocarase nas expendedurías de discos en setembro. Sobre a cacarexada crise da industria musical, Julián Hernández só pode prescribir "un retorno ao pasado". "A reconversión industrial só pode ser unha volta atrás, superar o espellismo provocado polo cedé", considera. Que Mecano chegasen a vender un millón de discos non fai sentido para Hernández. "O noso primeiro traballo longo [¿Cuándo se come aquí?, 1982] foi un rebentón de vendas: 10.000 ou 15.000 exemplares; agora estase volvendo a esas cifras". E o pasado tamén volve en cuestión de formatos: Country & Western aparecerá en vinilo, "así foi concibido dende o inicio, con dúas caras". Pero esa "apocalipse" industrial da que falan as corporacións do lecer tampouco golpea de cheo á banda viguesa. "Nós sempre estivemos en terra de ninguén, non tivemos éxitos nin fracasos, non somos indies nin estamos nunha major", resígnase divertido Hernández, "habitamos unha especie de territorio ignoto".

Ese é o terreo que, en 1981, pisaron destemidos unha cuadrilla de punkis na que, daquela, formaban ademais Germán Coppini ou Miguel Costas. Agora que mesmo Radio Océano, os atlantistas coruñeses que deron a réplica a Siniestro investidos dos primeiros Joy Division, se xuntaron nun concerto homenaxe no que participou Hernánendez, ver aos autores orixinais de Ayatolah non entra nas previsións de Hernández. "Non funcionaría e Alberto Torrado, o baixista, négase en redondo. O grupo segue en activo e cun proxecto moi concreto", afirma cunha miga de cansanzo ante o interrogante, "por suposto mantendo a historia, pero dende a óptica de 2010. Amais, hai moito tempo que non toco a batería". Julián Hernández facía parte da sección rítmica dos primeiros Siniestro Total.

Porque cando Hernández fala de que "o pasado é moito máis grande que o presente" non se refire a morriña do 77. Fala da súa dieta musical, esa que se compón de "blues desgonzado estilo Black Keys, os Fun Lovin' Criminals e rollo viejuno, Buddy Holly, por caso". "Non escoito o que se supón que debo escoitar", conclúe divertido.

Novedades Carminha no Obradoiro

Cando hai dous anos Novedades Carminha irromperon na paisaxe cun casete, Grandes éxitos, os primeiros Siniestro Total foron invocados en cada recensión. En 2009 colocaron na rúa Te vas con cualquiera, un elepé no que facían patente o seu amor polas músicas de gasolineira e o horterismo dandy. Estes días volven á carga co epé Sinceramente Carminha, tres cancións en castelán e unha versión en inglés. "Cantamos en español porque cantar en galego é de fachas", espeta Carlos Pereiro, Carlangas, guitarra e voz do trío. O baixista Adrián Díaz Bóveda, Jarri engade que el, pola súa banda, é fan de Beiras. "Pono aí".

Para Sinceramente Carminha, o son da banda adelgazou até bordear o power pop. Co primeiro álbum de The Cure no horizonte, Carlangas afirma que hoxe non asinaría o disco. Non se sabe se fala ou non en serio de tres cancións propias e unha versión de Stay Pretty, banda de garaxe compostelá activa a comezos de década e na que tocaba o baixista de The Homens. "Pero que non vaian pensar que se trata dunha obra de arte", advirte Carlangas, "o mellor é a portada de Rubén Domínguez". Con Domínguez, autor por exemplo da capa do último Triángulo de Amor Bizarro, gravarán un clip na Praza do Obradoiro.

Sinceramente Carminha enfrentouse onte ao público por vez primeira na sala Moon de Santiago, canda Metralletas Lecheras. Esta noite, Novedades Carminha toca no Badulaque, de Ordes, acompañado de Agorafobia e mañá farao, con Lovercans, en La Iguana, de Vigo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_