_
_
_
_
Reportaje:Luces

Volven os 80

Ensaios, reedicións e novas obras reivindican a promoción da Autonomía

Arrépoñense contra a tópica dominante. Non se consideran, en xeral, culturalistas. Tampouco admiten o abandono da política no poema que lles pendurou a crítica. Non consignan programa estético común e esfórzanse e subliñar a variedade dos autores catalogados baixo a etiqueta dos 80. "É evidente que naqueles días a poesía entraba nunha fase complexa", sinala o poeta Xavier Seoane (A Coruña, 1964), "xusto despois da crise que afectara ao realismo. Pero o único que compartiamos era a necesidade de crear un discurso novo". Unha tríade de ensaios, colocados nas librarías por Espiral Maior, e á que sucederán volumes asinados por Luciano Rodríguez e Arturo Casas, repasan as achegas á literatura da promoción poética da Autonomía. Amais, reedicións e novas propostas confirman a vitalidade editorial dos autores nados de 1945 a 1960.

"Compartimos a necesidade de crear un discurso novo", di Xavier Seoane
Fernán Vello bota en falta "ensaio sobre a poesía contemporánea"
"A poesía de Luz Pozo ou Garcés non encaixa no esquema crítico"
Foron o último grupo de poetas educados na escola franquista

"Alguén pode pensar que hai unha estratexia de reivindicación na publicación dos tres títulos a un tempo, pero foi accidental", afirma o poeta e editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958). Refírese a Bos Tempos para a lírica, de Xavier Rodríguez Baixeras, Sete leccións de poesía, de Manuel Forcadela, e Espazos do poema, de Xosé María Álvarez Cáccamo, en que os tres poetas, dende diferentes ópticas, realizan asexos da poesía da súa xeración. Mais entre a lectura sentimental de Baixeras, o "rigor teórico" de Forcadela e o "criticismo literario puro" de Cáccamo non existen máis coincidencias que o obxecto de estudo. "Pretendo, como editor, ofrecer materiais para que se produza coñecemento e debate", sinala Fernán Vello. Ao seu ver, trátase de cubrir a carencia de pensamento sobre a poesía contemporánea en Galicia.

Nesa categoría, a de poesía contemporánea, atópase precisamente o traballo en verso do propio editor. A da literatura lírica que, segundo repiten manuais e libros de texto, xorde de Con pólvora e magnolias e o Cunqueiro serodio e presume de culturalista, decadente ou barroquizante. "Eu coido que a ruptura foi sobre todo política, institucional", apunta Fernán Vello, "aparecen os premios e as editoriais. Unha colección como Leliadoura tamén resultou importante". E malia a que non admite un humus estilístico homoxéneo, si fala do impacto colectivo dun libro. "Cando apareceu Herba aquí ou acolá, de Ávaro Cunqueiro", lembra, "é certo que todo o mundo falaba del". O derradeiro poemario do mindoniense recolleu composicións espalladas, algunhas inéditas, con ambiente de acabamento e tempus fugit, inzado de referencias ao Quattrocento e aos mitos clásicos. Para o cuño poético de Méndez Ferrín, este Cunqueiro foi determinante.

"Hai unha enorme cantidade de tópicos sobre a poesía dos 80 que provocan falta de análise", opina Xavier Seoane, que vén de editar 25 anos de aforismos en A rocha imantada (Laiovento). Activo no núcleo coruñés dos 80, e cunha poesía na que Baixeras recoñece "o celme dunha xeración poética no seu momento clave", Seoane amósase extremadamente severo con determinados construtos da crítica. "Aquí non houbo pedra fundacional ningunha", afirma en referencia á suposta mudanza de rumbo en 1976, "e sempre se esquece que moitos de nós nos formamos como escritores en castelán. Os críticos só consideran a tradición interna".

O autor d'A caluga do paxaro argumenta a necesidade de "complexizar" a ollada sobre o período e non reducir todo o anterior aos 80 a realismo social. "A poesía de Luz Pozo Garza ou Miguel González Garcés non encaixa nese esquema", expón, "nin tampouco a de Avilés de Taramancos, que nos 60 e 70 andaba polas Américas e ninguén o coñecía aquí". O poeta e ensaísta cadra o diagnóstico con Fernán Vello e sitúa o significativo común dos escritores dos 80 "no cambio á democracia e na ansia por innovar". Porque, engade, "se se analiza con obxectividade, a nosa xeración nin é culturalista, nin é verbalista, nin se traballaba cunha estética común, nin gaitas. Que ten que ver un Pereiro cun Tosar?".

Nesa quinta heteroxénea, tamén na facción norte, só operaba unha muller. A Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), veñen de reeditarlle Livro das devoracións, o último dos seus tres influíntes libros e orixinal de 1996. "O concepto de xeración é útil pedagoxicamente, pero eu non creo nel", explica. Fala antes de grupo de poetas, o último relevo da literatura galega educada na escola franquista. "Tivemos grandes dificultades para coñecer a literatura que se producira en galego antes de nós", salienta como calidade compartida, "iso si nos marcou, ademais da recuperación do idioma e á apertura de diálogo con outras literaturas, nomeadamente a portuguesa".

Tampouco acepta a sombra única da pólvora e das magnolias ferriniás. "Recibimos ese libro cando xa fóramos adolescentes e non eramos tan impresionábeis", di, antes de confesar o seu pasado nerudiano e o impacto de Celso Emilio Ferreiro ou a reedición da obra de Manuel Antonio. Logo, Pallarés avanzaría cara a un erotismo que anticipou poéticas exitosas na década seguinte, a última do século XX. "Tampouco é verdade que abandonaramos a política, abonda ler a Cáccamo". E quédase cun logro, este si, xeracional: "A normalización da linguaxe poética".

Segundo o crítico Isaac Lourido (Ferrol, 1981), é preciso "rebordar e ampliar os eixos básicos para entender a análise do literario, até agora o autor e a obra". No Grupo Alea de Análise Poética da Universidade de Santiago, do que fai parte, pensan "na importancia de revistas e colectivos ou no uso da anonimia e de pseudónimos". E anota máis nomes, tanxenciais, dos 80: Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro.

Álvarez Cáccamo, no texto A expedición poética dos 80, enumera lecturas estranxeiras comúns -"Neruda e Vallejo, Eliot ou Pound, Rilke, Breton ou Borges"- e recunca, concluínte, nas opinións dos seus coetáneos: "O importante non é o organigrama pretendidamente omnicomprensivo, senón o estilo singular, o libro fundamental, o verso iluminado".

Materiais para un canon posíbel

Sete significados críticos de poesía atrévense a escoller os títulos fundamentais de autores encadrados nas promocións literarias da década dos 80.

- Isaac Lourido: E direi-vos eu do mister das cobras (1980), de Manuel Vilanova; Cinepoemas (1983), de Claudio Rodríguez Fer; Sétima soidade (1984), de Pilar Pallarés; Mohicania (1985), de Manuel Rivas e Poemas, 1981/1991 (1992), de Lois Pereiro.

- María Xesús Nogueira: As cidades da nada (1983), de Ramiro Fonte; Praia das furnas (1983), de Xosé María Álvarez Cáccamo; Sétima soidade (1984), de Pilar Pallarés; Balada nas praias do oeste (1985), de Manuel Rivas; Denuncia do equilibrio (1986), de Xela Arias.

- Armando Requeixo: E direi-vos eu do mister das cobras (1980), de Manuel Vilanova; Tigres de ternura (1981), de Claudio Rodríguez Fer; Praia das furnas (1983), de Xosé María Álvarez Cáccamo; Memorial de brancura (1985), de Miguel Anxo Fernán Vello; Poemas 1981/1991 (1992), de Lois Pereiro.

- Dolores Vilavedra: Memorial de brancura (1985), de Miguel Anxo Fernán Vello; Baleas e baleas (1986), de Luisa Castro; Ningún cisne (1989), de Manuel Rivas.

- María do Cebreiro Rábade: Poesía enteira de Heriberto Bens (1980), de Xosé Luís Méndez Ferrín; A dama que fala (1983), do Grupo de Comunicación Poética Rompente; Sétima soidade (1984), de Pilar Pallarés; Cantos Caucanos (1985), de Antón Avilés de Taramancos; Sucios e desexados (1987), Antón Lopo.

- Luciano Rodríguez: A caneiro cheo (1985), de Luís González Tosar; O lume branco (1991), de Xosé María Álvarez Cáccamo; Memoria de Agosto (1993), de Xulio López Valcárcel; Livro das devoracións (1996), de Pilar Pallarés; todo Miguel Anxo Fernán Vello.

- Iria Sobrino: Estacións ao mar (1980), de Xohana Torres; Baleas e baleas (1986), de Luisa Castro; Poemas 1981/1982 (1992), de Lois Pereiro.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_