O pop agochado nos garaxes
Na escena galega houbo lugar para versións de Cream ou folk Costa Oeste
Cando Lenny Kaye, o guitarrista da banda de Patti Smith, xuntou nun elepé un mangado de escuros singles do pop estadounidense dos 60, non imaxinou as réplicas que había provocar. Aquel pequeno terremoto titulouse Nuggets e a súa descendencia, en forma de traballos de arqueoloxía sobre os milleiros de bandas que na década prodixiosa e por todo o mundo deron en imitar aos Beatles e aos Rolling Stones, mesmo atinxiu Galicia. Hai dez anos que Luis Íñiguez e os seus cómplices -os mesmos activistas que organizan o Felipop en Limodre (Fene)- iniciaron a pescuda nos faiados do país e nos pendellos das discográficas madrileñas á procura de pequenas alfaias garaxeiras.
Pero o resultado non cadrou coas súas expectativas. "O material non daba para un disco enteiro", láiase Íñiguez, "e o que non queriamos era encher o compilatorio de xeito forzado". Experto en pop vintage de todas as épocas -"non son nada sectario", chacotea-, fai un repaso ao tempo que descarta a bandas como Los BenPosta ou Los Murciélagos. "Aquelas bandas de Ourense, instrumentais, non me interesan apenas", non dubida, en referencia á transferencia galaica do trepidante son de The Shadows ou Johnny & the Hurricanes.
Los Tamara farían 'Hush', popular na versión de 1997 de Kula Shaker
"Pura 'chatarra' ye-yé", define Carlos Rego o 'Satisfacción' de Los Murciélagos
Porque o canon do tamén mantedor do blog 18rodas ten nome e apelidos ben explícitos. "Eu quedo co sinxelo de Los Tamara (1968) no que facían Hush", argúe, "que logo gravaron Deep Purple". Esa versión abraiante dun orixinal de Joe South, en voz dos de Pucho Boedo un rompepistas soul, acadou celebridade global en 1997, por boca da banda inglesa Kula Shaker. Aqueles Tamara botados á música afroamericana ficaron nun segundo plano na memoria popular: A Santiago Voy ou O sapo impuxéronse a tremebundas variacións sobre temas de Otis Redding, James Brown ou Wilson Picket.
Luis Íñiguez, residente en Fene, varre para a casa e reivindica, antes de máis, a Los Sprinters. "Foron o grupo con máis produción daqueles anos, 24 cancións entre singles e epés", expón. Miguel Tranquilo, logo cantautor folkie en Manoel e Miguel, liderou un conxunto que acompañaría a Andrés Dobarro e mesmo aparece no filme En la red de mi canción, protagonizado en 1971 polo autor d'O tren. No repertorio de los Sprinters, amais de "cancións en plan beat como Una explicación ou Aquella balada", interpretacións bubblegum de Ohio Express, Those were the days vía Mary Hopkins ou do francés Michel Polnareff. Até chegar ao White room, dos Cream de Eric Clapton: La habitación blanca. Todo antes de 1969.
Sobre a escena ourensá, probabelmente a que máis rexistros sonoros deixou, investigou polo miúdo Carlos Rego. Na súa defensa entusiasta do garaxe sesenteiro, Rego rescata o epé de catro cancións de Los Murciélagos gravado nos estudios de radio La Voz del Miño. "Sobre todo a versión de Satisfaction", esmiúza, "un artefacto que inconscientemente se converteu nalgo que non pretendía". E na que se identifica o estraño azar que orixina un potente intre pop: "Toda esa cantidade de accidentes que hai nunha gran canción, empezando por unha guitarra de reverb espectral e un cantante que enrouquece; e músicos con 17 e 18 anos". "Pura chatarra ye-yé", definiuna Rego nun texto sobre o rock en Ourense.
Porén, o papel de Brincos da cidade da Burgas corresponde a Los Posters. Dous sinxelos, facturados en Madrid tras gañar un concurso en La Voz del Miño, "de gran pop comercial, moi ben tratado con magníficos arranxos". "A mestura de harmonías vocais e guitarra con fuzz [modalidade da distorsión, apagada pero contundente, propia do garaxe dos 60] de Podré convencer a tu corazón conforma un single brillante", apunta. Fans da banda máis célebre de Granada, Los Ángeles que espallaron o seu Mañana, mañana pola península, Los Posters bordaron o pop-de-goma-de-mascar con 1,2,3, luz roja. Logo transmutáronse en Nueva Democracia.
"Mudaron o nome para desfacerse do contrato discográfico", comenta Rego. Co nome tamén transformaron son, e onde antes había beat británico e bubblegum estadounidense, ecoou -era 1970- folk pop acústico da Costa Oeste norteamericana e Crosby, Stills & Nash ou America. "O xeito de trenzar guitarras acústicas e eléctricas de Hey, hey é impresionante", opina. Ese título e Sentimental girl, viñeta que lembra aos Left Banke, constitúen o legado en vinilo dos ourensáns.
"En Nueva Democracia, os músicos achéganse ao que querían facer", sinala Rego, "porque antes, e pasa igual con Los BenPosta, as bandas navegan en moitas augas e facían o que lles mandaban: beat, canción italiana, temas populares como Los Relámpagos valencianos...". E as influencias procedían antes do pop español da época -Pop Tops, Canarios, Bravos- que dos orixinais aglosaxóns.
Xa entrada a década dos 70, e coa descomposición da ditadura, xurdiron os primeiros experimentos pop-rock en galego. Os lalinenses Queimada, producidos por Juan Pardo, figuran nos foros especializados como frek-beat e abren o seu elepé de 1973 con E tropezou. Xetxu, José Hermida, quedou en dous sinxelos. O seu Xohana parte 2 (1973), brutal hard rock psicodélico, aínda o recollen compilatorios como Spanish Andergraun. Pero a mellor maneira de acceder aos tesouros soterrados do sixties galaico atópase na rede, en formato blog: folkloregalego, 18rodas, a regueifa ou viejopickup.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.