Galicia 'ye-yé'
A escuridade política e o illamento xeográfico non impediron a proliferación de grupos durante a década dos 60
Antes da Movida, antes mesmo do folk contestatario e os cantautores comprometidos, houbo música pop en Galicia. A noite de pedra foi noite, e foi de pedra, pero non impediu que, de xeito precario e certamente descolorido, o rock & roll se introducise na abafada Galicia dos anos 60. As bandas, conxuntos músico-vocales na xiria nacionalcatólica da época, inzaron salas de festas, embrións de discoteca ou palcos de festa. Decote a medio camiño entre o grupo pop ye-yé e a orquestra de baile -foi o caso Los Tamara, que circulaban sen complexos entre o soul sureño e o repertorio de verbena-, aquela promoción apenas deixou rastro sonoro. Unha presada de sinxelos en Ourense, Los Zuecos en Vigo ou Los Sprinters de Ferrol quedan como testemuños dunha etapa escurecida, politicamente opresiva, na que os ecos dos Beatles estimularon a un cento de mozos para calzar guitarra, baixo e batería.
Os tricornios frecuentaban os concertos de Nueva Democracia
"Mirabamos cara a Vigo como se fose Liverpool", afirma Ríos, de Los Linces
"Por estraño que poida parecer, o rock & roll existe en Ourense dende practicamente os mesmos días nos que o Dúo Dinámico instruía a toda unha xeración nos novos ritmos", escribiu hai nove anos o crítico, e guitarrista e compositor de Burgas Beat, Carlos Rego. Miguel Domínguez (Ourense, 1947) viviuno en primeira persoa. Á fronte de Los Dráculas dende 1965, que logo foron Los Posters que logo foron Alfa 4 que logo foron Nueva Democracia, Domínguez garda a memoria pequena daquela peripecia.
"En 1967 gañamos un concurso de radio en directo, o Micrófono de oro de La Voz del Miño", relata. De aí a Madrid, onde o cuarteto gravou para a discográfica Columbia dous sinxelos beat-pop, Momentos maravillosos e 1,2,3 luz roja, entre o mellor da colleita sixties galaica. "E mudamos o nome por Los Posters debido á discográfica". O soño madrileño continuou, era 1967, trasvase de compañía incluído. "Dous anos despois pasamos a Guitarra, o selo que xestionaban Los Pekenikes".
Durante un tempiño responderon á denominación de Alfa 4, até que os patróns -"Los Pekenikes eran medio revolucionarios", lembra divertido- lles buscaron nome do trinque: Nueva Democracia. "En mala hora; non había concerto non que non aparecesen os tricornios. Pedíanos as letras das cancións porque pensaban que eramos un grupo político". Pero Nueva Democracia dedicábanse máis ben ao escapismo folk pop, no que teceron en 1970 Hey hey e Sentimental girl. Con produción de Pedro Botija, anos despois autor do primeiro disco de Enrique Iglesias, o single triunfou nas listaxes de Arxentina e México. "Xusto entón, cando iamos viaxar a Hispanoamerica, separámonos", explica, "escollimos o peor intre".
A saga Posters foi o máis preto que Ourense, e probabelmente Galicia, estivo da gloria pop. Na cidade, porén, operaban os herdeiros de Los Warners, pioneiros ye-yé nas Burgas. Los Gringos, Grupo Clave, Los Cramps (igual que os de Lux Interior e Poison Ivy, 10 anos antes), ou Los BenPosta e Los Murciélagos, ambos os dous con incursión fonográfica. "O máis duro entre os discos que escoitabamos era a Creedence ou Chicago", repasa Domínguez, hoxe empresario dedicado ao son, "pero o principal foron os Beatles, e despois os Hollies, os Who, os Rolling". E tocaban. Onde lles deixaban. "Había unha sala en Xinzo de Limia onde organizaban concertos cada sábado".
Tamén por toda a xeografía galega camiñaron, cos instrumentos ao lombo, Los Linces, de Santiago e activos entre 1967 e 1971. "Fomos unha referencia e chegamos a saír na Televisión Española", asegura Chema Ríos (Valladolid, 1950), "aínda que non gravamos nada". Los Linces, máis tarde Linces Pop pero xa con formación diferente, xermolaron no colexio Lasalle e pagaron 8.000 pesetas da época por un equipo sen batería. "Coñecimos Galicia grazas ao grupo", rememora Ríos, agora médico, "porque tiñamos de representante a Muñiz, da Orquesta Compostela, con aires algo ditatoriais. As bandas tiñámoslle manía".
Precisamente a oposición entre orquestras e os ye-yé ou melenudos definía a vida musical compostelá dos 60, na que había tamén lugar para o duelo Beatles-Rolling adaptado. "Nós eramos a banda pija", admite, "e Los Tanos, a non pija". En Los Tanos fichaba Bibiano Morón, andados os anos cantautor antifranquista na marca Voces Ceibes e animador da Movida viguesa. Con todo, o pijerío de Los Linces non lles impedía facer parte do movemento progre. "Pero progres da música progresiva, como se dicía entón", puntualiza Chema Ríos, "escoitabamos a Creedence, Jimi Hendrix e a Los Salvajes; nada de Fórmula V, que eran os horteras". Dos Salvajes, ubicados en Barcelona, prestáballes a Los Linces "a tradución das cancións de fóra ao castelán" das que logo se servían.
Nas dificultades de acceso en tempo real ao rock internacional residiu o principal factor do subdesenvolvemento pop galego. Se Los Posters se beneficiaban dos elepés foráneos que lles facilitaban nas discográficas -Columbia e Guitarra-, para Los Linces a peripecia resultaba máis complexa. "Iamos ás jukebox [máquina de discos] que había nalgúns bares e metiamos os pesos. Un de nós levaba papel e anotaba a letra". Cando un dos linces se fixo cun magnetofón, a cousa mellorou. "Tamén inventabamos as letras, porque non sabiamos inglés", conta Ríos, "nun idioma propio, o camelof".
Non só Los Linces, que se disolveron no medio das tensións da postadolescencia, pululaban por Santiago. Chema Ríos enumera a Los Music Stars e Blue Sky como "os primeiros grupos" da capital e menciona a Los Buitres "cos que tocaba o baixo Xosé Vaqueiro, agora concelleiro de Festas". E os escasos escenarios operativos: Real Aeroclub, Hotel Compostela e o Seminario no que Xosé Ramón Barreiro Fernández "era un crego progre que contratou a Los Linces en 1969". "Nada que ver con Vigo. Para nós Vigo era como Liverpool. Viamos a Los Zuecos e caianos a baba", conclúe Ríos.
Aínda que o único rastro gravado da premovida viguesa corresponde ao epé de Los Zuecos que inclúe Yo creo (a partir de I'm a believer, popularizada por The Monkees), o ye-yé vigués protagonizou reencontros en 1978 e 2009, cos preceptivos compilatorios en disco. O primeiro deles promovido por Suso Vaamonde, nos 60 en Los Copens e nos 70 na órbita de Voces Ceibes, nunha traxectoria paralela á de Bibiano. Amais, a escena do sureste conta co único libro dedicado aos sixties galego, Crónicas de un Vigo ye-yé (Instituto de Estudios Vigueses, 2008), de Fernando Ferreira Priegue (Vigo, 1949).
Ferreira, en Los Stags na época, escribe con amargura risoña: "Os 60, naquel gulag local, non eran nin mods, nin cool, [...] para un yeyédocarallo non eran tempos doados". E coloca os puntos sobre os íes: "Moitos dos que agora rememoran aqueles anos con cara embobada e asegura que amaban a música pop, menten. Que confesen dunha vez que o que realmente os poñía era Manolo Escobar ou Los Tres Sudamericanos". Los Vampiros foron os que inauguraron a era electrificada, en 1963, pola que desfilaron Los Santos, El Clan, Los Sink's, Los Crep's, Los Diávolos ou Los Bloodis.
A paisaxe oposta dominou A Coruña. O promotor Nonito Pereira (A Coruña, 1943) apenas dá dous nomes, Los Keys e Los Summers. "Tiñan certa visión do pop inglés previo aos Beatles", explica, "os Shadows ou Cliff Richards". Antes, unicamente actuaban os grupos orquestrais "das boitês, que tocaban na Solana e nas verbenas de Mera ou do Seixal". Coa chegada do ye-yé, organizáronse as mañás no auditorio dos Salesianos "a imitación das mañás do Circo Price, en Madrid". Pereira, que si recoñece a importancia de Los Sprinters, con Los Zares o mellor do swingin' Ferrol, non ten reparos en se doer dun tempo "no que non había música moza, senón música para todos os públicos". Ao seu ver, só o primeiro festival de rock na Coruña, montado por Suso Iglesias en 1982 en plena teorización do atlantismo, abriu as portas dun verdadeiro movemento pop na segunda cidade de Galicia.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.