O faro da cultura feminista fai un cuarto de século
A revista 'Festa da palabra silenciada' edita o número co que conmemora 25 anos
O primeiro cuarto de século da revista Festa da palabra silenciada vaise conmemorar este serán (20.00 horas) no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O acto simboliza esoutros festexos que se producen cando, cada ano desde 1983, sae do prelo un novo número dunha publicación nacida en Galicia e que hogano conta cunha notábel presenza exterior. Un foro de opinión, de creación e de investigación sobre das mulleres e, sobre todo, das mulleres, editado en papel pola asociación Feministas Independentes Galegas (Figa) e subvencionada polo Concello de Vigo.
"Cando comezamos, nin sospeitaba que puidesemos ter chegado ata aquí", revela María Xosé Queizán (Vigo, 1939), figura capital na cultura galega contemporánea, feminista, escritora, investigadora, tradutora e docente. "A fundación da Festa respostou á necesidade de sacar á luz as ideas feministas e a escrita das mulleres, dúas cuestións básicas en toda publicación feminista; logo a revista foi collendo a súa dinámica propia". Á aparición do primeiro número en 1983, cun soporte editorial cáseque artesanal, seguiulle a publicación dun monográfico dedicado a Rosalía en 1985, co que se estrea o deseño da revista, obra da académica Margarita Ledo. "No mantemento do aspecto da publicación é o único no que somos conservadoras!", ri Queizán. Ademais da relectura revolucionaria, por feminista, dun dos mitos da literatura galega, o número 2 inaugura o costume da Festa de facer monográficos sobre escritoras: Francisca Herrera (nº3), Xohana Torres (nº4), Emilia Pardo Bazán (nº7) e María Mariño (nº21) serán as seguintes. Queizán lembra o enfado dalgúns galeguistas "empeñados en seguir enfrontando a Rosalía de Castro e a Emilia Pardo Bazán, cando elas dúas nunca foron inimigas".
"Cando comezamos, nin sospeitaba que íamos chegar até aquí", di Queizán
"Os homes que len en Galicia son os máis concienciados no feminismo"
A xeito de estado da cuestión, outros asuntos, todos explorados desde unha óptica feminista, como a literatura infantil, o erotismo, colonialismo e sexismo, a abolición da prostitución, a violencia ou a ciencia. Outros trazos característicos da revista son as páxinas reservadas á creación literaria e plástica e á crítica, con emprego exclusivo do galego como lingua orixinal e de tradución. "A cuestión era demostrar que as mulleres galegas eramos quen de escribir e de investigar, daí a idea de que a publicación estivese feita exclusivamente por mulleres", relata a directora. A nómina de colaboradoras supera os 600 nomes e contradí os libros de historia, "de onde sempre estivemos ausentes". A cifra testemuña o labor de estímulo que a Festa supuxo para as investigadoras e o vigoroso pulo á literatura feita por mulleres, en especial, mais tamén a outras artistas como recolleu o especial Novísimas pintoras galegas, que constituíu o número 11 e que tivo correspondencia paralela nunha exposición de pintoras mozas que se celebrou na Casa das Artes de Vigo.
A visibilización das escritoras é unha das conquistas máis celebradas nestes 25 anos de construción dun "canon de pensamento feminista", como indica a filóloga Mónica Bar, estreita colaboradora de Queizán e estudosa dos movementos reivindicativos das mulleres. "Até os anos 80 do pasado século, a conciencia feminista galega pasaba por un longo período especial. Que hoxe non sexa así débese en gran medida á función da Festa da palabra silenciada. Revista que mestura, talmente como na vida se mesturan, as obreiras, as filósofas, as científicas e as literatas", escribe a poeta e ensaísta María do Cebreiro nas páxinas do número conmemorativo. A coincidencia, nos 90, de voces poéticas ao redor do erotismo lírico brindou á crítica a oportunidade de falar de "xeración da festa da palabra silenciada".
A partir do número 14, sobre arquitectura e urbanismo, publicado en 1998, prodúcese un cambio decisivo na publicación: empezan a escribir os homes. "Por dúas razóns fundamentais", explica Queizán, "porque nos anos anteriores xa demostraramos que eramos quen de sermos autoras e porque ao principio non había homes galegos capacitados para escribiren na Festa! Algúns, pouco a pouco foron facéndose feministas". A revista fíxose eco da tendencia no número 22, dedicado aos feministas. "O papel de revistas como a Festa ou Andaina, cabo das nosas publicacións a título individual labraron un ambiente de coñecemento; estou convencida de que os homes que len en Galicia son os máis concienciados neste eido, de feito, ás veces escoito homes que falan coma min!", apunta Queizán.
Ao longo destes 25 anos, tamén evolucionou a liña editorial desde a reivindicación da diferenza até o feminismo ilustrado no que se posiciona Queizán na actualidade. "Como todos os movementos reivindicativos, o autocoñecemento, a identidade e a diferenza foron os nosos puntos de partida, pero a información evolucionou e coa democracia moitas ideas foron convertíndose en prexuízos, como o é pensar que filtrarse no sistema é acomodarse ao patriarcado. Este cambio foi doloroso e provocou dúas escisións en Figa", recorda a directora da revista, "mesmo podo chegar a aceptar que algunhas veces teñamos que ser cínicas e obedientes para sermos aceptadas e ir introducindo os nosos valores nos ambientes de poder".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.