Un certo nacionalismo a través dos seus textos
Un libro recolle programas do galeguismo do século XX
En 1918, o galeguismo definiuse por primeira vez como nacionalismo. "Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas", escribían as Irmandades da Fala reunidas en Lugo. Ao pé do documento, de título Manifesto da asambleia nazonalista de Lugo, aparecen sinaturas familiares: R. Cabanillas, A.R. Castelao, V. Risco, X. Quintanilla. Nese texto arrinca O nacionalismo galego nos seus programas políticos, que vén de editar a fundación Galiza Sempre vencellada ao BNG e que, en palabras de Xabier Macías, "procura dar que pensar nun intre no que o nacionalismo debe revitalizarse".
"O libro dá que pensar nun intre no que o nacionalismo debe revitalizarse"
"Sabemos que quedan documentos fóra, dos centristas ou do independentismo"
O volume, coordinado pola xornalista Comba Campoy, traza unha paisaxe do movemento de emancipación nacional galego, pero daquel que desemboca no Bloque Nacionalista Galego. "Non é unha achega exhaustiva nin definitiva, por suposto", anota Macías, director da fundación editora, "pero si dá conta da corrente principal do nacionalismo, a que máis éxito e penetración social acadou". Dos dez programas incluídos, e quitado o das Irmandades e a Decraración de principios do Partido Galeguista, na II República, os máis pertencen ao tronco Unión do Povo Galego-Partido Socialista Galego. "Sabemos que quedan cousas fóra", admite, "do independentismo ou do nacionalismo de centro". Tamén consigna o arredismo anterior a 1936 e mesmo a Dereita Galeguista que se esgaza do PG cando Castelao turra para que a organización se integre na Frente Popular.
Outras voces, nomeadamente Manuel Barreiro, asesor de Anxo Quintana durante o bipartito e antes militante da Esquerda Galega de Camilo Nogueira, apuntaron a ausencia da produción teórica desa corrente. Os posicionamentos de Nogueira, membro da UPG e fundador do Partido Obreiro Galego nos 80, logo Unidade Galega, logo Esquerda Galega, non sempre cadraron coa traxectoria do Bloque, do que fai parte na altura de hoxe. "O nacionalismo galego é algo máis que o BNG na actualidade ou que o BN-PG até comezos dos 80", puntualizou, por escrito, Barreiro. Da fundación Galiza Sempre asumen a crítica e insisten no carácter non totalizador do libro. "No caso concreto de Nogueira", indica Xabier Macías, "aparecen un texto no que foi un dos redactores centrais, as Medidas económicas para un programa de Goberno provisorio galego".
Entre a primeira afirmación política que excede o rexionalismo decimonónico e a Declaración de Barcelona -asinada en 1998 por BNG, PNV e CiU- media o século curto de Hobsbawn. "Existe un fío condutor", sinala Xabier Macías, "a reclamación de soberanía nacional". A vocación universalista ou a aposta pola democracia son outros elementos comúns ás escollas do libro. Do republicanismo de preguerra ao antifranquismo activo, a súa militancia nunca elexiu o bando totalitario.
Pero a historia tamén se configura a base de cambios. E para Macías hai unha diferenza fundamental entre o nacionalismo das Irmandades o BNG finisecular. "Mantendo a identidade, o nacionalismo fíxose un oco irreversíbel no panorama político". As Irmandades da Fala non excederon o caracter de elite e a "esperanzadora" proposta do Partido Galeguista fanouna a Guerra Civil. "Beiras sempre explica", cita Macías, "que o nacionalismo galego viuse moitas veces obrigado a comezar de novo; distanciouse do exilio e debeu reorganizarse so a ditadura e conseguiu chegar a onde está agora, con todos os problemas que se queira, pero sen volta atrás".
O monllo de ensaístas que contextualizan, analizan e resitúan os textos de O nacionalismo galego... abranxen un amplo espectro político e académico: Justo Beramendi, Noa Rios Bergantinhos, Prudencio Viveiro, Uxío-Breogán Diéguez, Xosé Ramón Quintana Garrido e Manuel Anxo Fernández Baz. O libro, despois de percorrer as cidades galegas, se presentarase en Ponteareas o 11 de decembro.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.