Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Medo e ilusión co libro electrónico

Galaxia e Xerais lanzan a un tempo os primeiros 'e-books' galegos - A edición tradicional invoca os contidos ante a "presión" do comercio tecnolóxico

"Cambia o soporte, o circuíto comercial e as retribucións na cadea de valor da edición tradicional", resume o responsable de Xerais, Manuel Bragado. Non fala en concreto dos e-books, senón de cómo se adaptarán os editores de sempre á modificación "dunha cultura analóxica de cinco séculos". "No ámbito electrónico temos que estar como na libraría, todos xuntos".

Xerais lanzou esta semana en formato electrónico o novo de Suso de Toro e Diego Ameixeiras, Sete palabras e Dime algo sucio, a semana que vén nas librarías. Os dous primeiros títulos que escolleu Galaxia na estrea electrónica son un clásico como A esmorga e A noite do moucho, a novela póstuma de Anxo Rei Ballesteros, que repetirán en papel. Pódense baixar os catro desde todoebook.com, a páxina de descarga de Publidisa, canda a navarra leer-e, a única distribuidora de e-books do Estado.

"Onde está o negocio, no transporte de sinal ou nos contidos?"

"Non creo que sexa o futuro do libro se imita só o papel", afirma María Yáñez

Mercar o e-book -non obrigadamente o lector de 200 gramos que imita sobre pantalla o libro en papel, a 300 euros o máis barato- custa un 35% menos có libro impreso. Se os autores de papel levan un 10% en materia de dereitos de autor, os seus beneficios deberíanse multiplicar por tres no novo formato, encriptado para impedir o acceso gratuíto. De momento saen en pdf, pero o formato estándar para libros electrónicos (epub), máis manipulable, terminará por facilitar a lectura en pantallas máis pequenas cá dun ordenador portátil. Algunhas das preguntas que aquí se cruzan teñen que ver coa ruptura do espazo -un futuro de portabilidade estrema sen libros descatalogados, por exemplo- e a redución do tempo -unha remuda na vida útil dos libros- e apelan ao lector móbil, mais o primeiro quizais sexan as apostas sobre canto durará o pay per view, nun medio onde as estéticas derivadas da circulación libre da información anteceden á concentración empresarial. A única editorial fundada expresamente "á marxe da literatura e o pensamento subsidiados", Estaleiro Editora, refuga os dereitos de autor. Tira 250 exemplares por título, que se poden baixar de balde.

"O e-book non é o futuro do libro", argumenta María Yáñez, que fala do aparello como "hype, un gadget máis". A primeira editora dixital galega, Ediciós da Rotonda, saldáraa Yáñez en 2007 con 1.500 pinchazos para O home inédito, debú en novela de Carlos Meixide. "Hai que dixitalizar todo o escrito no formato que sexa, tendendo ao acceso aberto sequera no que é de dominio público". Como o libro en papel "xa existe", a Yáñez interésanlle máis os relatos á maneira dixital -digital storytelling-, con todas as armas do soporte (hipertexto, infografía e vídeo para empezar), e remarca que a estratexia de negocio está por desenvolver. "Non estaría mal que os editores galegos se aliasen con blu:sens para vender o aparello con obras galegas de serie". O Kindle, o e-book de Amazon, ha chegar polo Nadal ás grandes superficies.

A do negocio é a encomenda do estudio de Dosdoce.com e a rede social Ediciona, de actualidade estes días en Santiago, onde a Asociación Galega de Editores (AGE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos organizan o simposio O libro e a lectura. O libro dixital: presente e futuro. Tras analizar a opinión do sector editorial español, resultou que o 57% dos enquisados se decantaban pola convivencia de papel e electrónica, e só un 15% pola hexemonía do novo. Na Feira de Francfort, o 40% dos editores europeos xa pensa que os ingresos derivados da venda de formatos dixitais superará en 2018 o volume de negocio en papel.

Víctor Freixanes fala da estratexia de Galaxia, que contra o Nadal xa terá posto á venda para a súa descarga arredor de 50 títulos de autores clásicos e actuais. A idea, na liña que desenvolveu hai un ano con Google Books -1.500 títulos dispoñibles para consulta traducíronse daquela en 125.000 descargas e 5.000 euros en venda física- é desenvolver en 2010 "a primeira libraría dixital do libro galego". "O de Google Books é un escapareta promocional", di Freixanes, "nós cedemos un fondo". Un dos problemas na distribución é que Publidisa cobra entre 10 e 150 euros, e aquí xa están pensando fórmulas de impresión baixo demanda, compartindo software e modelo de negocio. Freixanes pregunta polo "debate sen resolver". "Onde está o negocio en termos de comunicación? No transporte de sinal ou nos xeradores de contidos?". De rendemento inmediato non fala: "Estáse producindo un cambio de paradigma, e temos que conseguir que a cultura galega estea na liña de saída no principio desta viaxe".

"Son as empresas tecnolóxicas" as que pretenden capitalizar a renovación, critica Alfonso García Sanmartín, da AGE, consciente tamén de que só o 0,5% dos títulos superan -en España- os 10.000 exemplares. "O aporte da calidade está na creación", di, ao tempo que defende a necesidade "de manter unha defensa a ultranza do sector libreiro. Non nos pode pasar o que pasou coa música e o audiovisual". O e-book, de momento, só se vende por Internet a través dos portais das librarías maioristas afiliadas a Publidisa.

"Todo está moi verde", di Xaime Corral, da Federación Galega de Libreiros, un colectivo abocado a abrir un lugar, físico ou virtual, para as descargas electrónicas.

O camiño ata "desalienar" a palabra

A difusión da súa obra en formato .pdf non ilusiona por igual aos autores de Dime algo sucio e Sete palabras. "Polo de pronto, véxolle máis futuro se falamos de libros de consulta, dicionarios ou textos escolares", apón Diego Ameixeiras. O ourensán utiliza os novos escenarios da comunicación, pero recoñece non estar "ao día" en cuestión de soportes.

"Por máis que nos fagamos ilusións vaidosas", di Suso de Toro, "quen decide a existencia do libro electrónico é a técnica. Algo pragmático que nos determinará a todos ". Despois de dous séculos de insuficiencia da linguaxe como tema literario, o escritor compostelán sinala que os cambios non afectan tanto ao texto como ao libro. As achegas de Internet enténdeas mellor a partir do que aínda é minoritario -unha ciberliteratura con todas as ferramentas do medio- ca do e-book actual. Co texto literario "esencializado", sen follas nin lóxica de capítulos, "a creación directa para un formato dixital en liña permitiría escribir o que eu querería ter escrito", di, en referencia ao hipertexto. "Enlazar con outros ámbitos é algo que todos temos desexado, xa era a pretensión do teatro barroco: Sete palabras levaría algunha canción de AC/DC ou Il ritorno d'Ulisse in patria, de Monteverdi".

"Non nos decatamos", di De Toro, contra a "fetichización" do libro e da Rede, "pero estamos desandando a distancia entre a palabra escrita e o mundo oral, desalienando a palabra literaria". Outra cousa son as alternativas por tracexar no que son os réditos da palabra. "Desde o punto de vista da distribución", opina, "o de Google Books é un roubo".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 13 de noviembre de 2009

Más información