Cinco anos sen o Manuel
Amigos e lectores lembran no seu cabodano ao poeta da Terra Chá
Poucos lectores dun suplemento cultural en Galicia precisan a explicación que de quen se vén de cumprir o quinto cabodano é de Manuel María. A vida toda de Manuel María Fernández Teixeiro, ou a parte significativa desde que naceu en Outeiro de Rei en 1929, ata que morreu 75 anos despois na Coruña estivo dedicada á creación literaria continua, á práctica da conversa e á actividade incesante a prol da cultura galega. Amigos, lectores e seguidores que conquistou en toda esa traxectoria participaron o pasado martes día 8, a data do seu pasamento, en actos na súa memoria celebrados nas estacións de chegada e partida, Outeiro de Rei e A Coruña. Hoxe terá lugar outro en Vilalba, ao abeiro do Instituto de Estudos Vilalbeses.
"Amáis de poeta social, é un gran poeta paisaxístico", di Dolores Vilavedra
O de Outeiro de Rei foi en realidade a recreación dunha xornada das que el gustaría, e nos lugares que amou. Un xantar nunha casa rural á beira do río Ladra, na que participaron case un cento de persoas, e logo un acto literario nas Penas de Rodas, desde as que se divisa boa parte da Terra Chá. Dende Avelino Pousa Antelo a David Otero e Marica Campo, ata rapaces dos colexios de Vilalba como David Castro e Alba Naseiro leron alí poemas de Manuel María. Tamén no cemiterio vello de Outeiro, onde os seus restos recibiron a ofrenda dunha rosa, houbo lectura da súa obra.
Os actos en Outeiro de Rei remataron no campo de Santa Sabela, "o lugar no que el aseguraba que descubriu o que era a paisaxe, en 1953", di Alfonso Blanco, coordinador da Irmandade Manuel María da Terra Chá, a entidade organizadora da xornada. En Santa Sabela, onde xa os asistentes sumaban centos, actuaron A Quenlla e Tino Baz en representación dos numerosos músicos que compuxeron cancións coas letras de Manuel María, e tivo lugar o Rito da Navalla. "Unha repetición do costume dalgúns lugares, no que o amo da casa encetaba ritualmente coa súa navalla o bolo de pan", aclara Blanco. Tamén inclúe a entrega dunha navalla a unha persoa ligada ao escritor homenaxeado, que este ano recibiu o xornalista Xulio Xiz.
Na Coruña, a homenaxe seguiu as tradicións locais. Unha velada, titulada Versos para sempre cantar, nun abarrotado Teatro Rosalía. O acto central foi a estrea da súa obra escénica infantil Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, narrada pola actriz María Inés Cuadrado, e con música composta por Nani García que interpretou o cuarteto Xerión. A maiores, o actor Santiago Fernández e a poeta Dores Tembrás recitaron poemas de Manuel María. "Non foi un acto nostálxico, senón de futuro, sobre unha figura que é unha referencia e da que o país se pode sentir orgulloso", cualificao Alberte Ansede, secretario da entidade organizadora, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
Saleta Goi, compañeira e sombra inseparable do poeta, confésase satisfeita e relaxada e despois da tensión do día. "Calquera creador o que quere é que se divulguen as súas creacións. Sabemos en que país vivimos, e o trato que se dá á xente que o defende, pero como moito a súa obra pode ser silenciada, non menosprezada", asegura. Saleta Goi recoñece tamén que "ás veces, a súa faceta de poeta social e comprometido, sendo importante, agacha a dimensión da súa lírica". A crítica literaria Dolores Vilavedra está de acordo coa viúva de Manuel María. "Calquera que teña tanta obra
ten nela de todo. A poesía social está sempre viva, na medida que sigue habendo causas pendentes, pero é un excelente poeta paisaxístico e os poemarios da súa crise existencial teñen unha intensidade e unha sinceridade abrumadoras. É certo que fixo poemas de encarga para causas, literatura de circunstancias, pero ten esa figura autorial, de poeta do pobo, da que non estamos precisamente sobrados. Agora fan falta poetas coma el".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.