_
_
_
_
Luces

A conexión galega da insurxencia

O filósofo francés Alain Badiou conta en Galicia con varios e fieis tradutores. A súa obra coñeceuse no país antes ca en outros lugares de Europa

Pequeno panteón portátil xunta un monllo de elexías polos filósofos mortos. A variedade textual abranxe xéneros diversos, da nota necrolóxica á conferencia para alumnos. Tampouco existe un fío teórico que una os nomes abordados por Alain Badiou (Rabat, 1937) no seu penúltimo volume: entre o seu mestre, con quen logo rompeu, Louis Althusser, e Jacques Derrida, o espectro é amplo, disímil. "Ao considerar hoxe os innumerábeis filósofos mediáticos, podo dicir que quero a todos aqueles dos que falo neste libro. Si. Quéroos a todos", remata Badiou o seu propio limiar.

"El defende a filosofía pura e vese na obriga de resituala como pensamento crítico, iso é o que máis me interesa de Badiou". Fala Francisco Sampedro, tradutor do Panteón e un dos introdutores da obra do francés en Galicia. "Recuperou a filosofía forte", di, "fronte ao que chama sutura, á filosofía con Nietzsche e Heidegger, á política con Stalin ou á ciencia co positivismo". Sampedro coñeceu o pensamento de Badiou a finais dos 70 e entrou en contacto epistolar con el anos logo: "Escribira un artigo sobre a súa obra na revista Escrita [daquela órgano da AELG] e remitinllo; para a miña sorpresa, respondeume".

A Trabe de Ouro inaugurou a súa andaina con Alain Badiou entre os seus colaboradores: Da fin da filosofía e o nihilismo. Non resultaría a única contribución do filósofo -maoísta aínda en activo nas fileiras de Organisation Politique- que aparecese en galego antes que en ningún outro idioma. "Foi un pensador proscrito durante anos", explica Sampedro, "pero non tiveron máis remedio que se render á evidencia, trátase dun xigante".

Proscrición é a palabra que, casualmente, emprega o outro gran valedor de Badiou no noroeste peninsular. Emilio Araúxo, editor de Amastra-n-gallar e antes de Noitarenga canda Luís Martul, recibiu formación do autor d'O ser e o acontecemento entre 1973 e 1976. Lembra os tabiques estreitos da Ecole Normale Supérieure e o histerismo da aula lindeira, onde impartía Gilles Deleuze. Daquel París post-68, Araúxo fai memoria e describe os días militantes ou a Badiou encabezando unha delegación de alumnos pechados no reitorado. Da súa man, en edición non venal e con tradución de Luís García Soto, vén de saír Dez teses sobre ética.

Pero a audiencia de Alain Badiou, o pensador radical e ocultado, medrou nos últimos tempos. Os seus textos só agora chegan ás librarías en castelán (as versións españolas pertencían, sobre todo, ao ámbito latinoamericano) e fano na face máis política do filósofo. "A Badiou acontécelle como a Aristóteles, e dígoo con todo o peso das palabras", apunta Sampedro, "que realizan unha obra esotérica, para os filósofos, e outra exotérica, para a república".

E, no entanto, o traballo político de Alain Badiou non se disocia do estritamente filosófico. A categoría de acontecemento salta dun ao outro. "Ou o recoñecemento dunha apertura á universalidade do outro", engade. Na política do filósofo insurxente, ese outro é o obreiro inmigrante, e a tarefa que se marca Badiou repensar un "comunismo xenérico". A política da emancipación na súa etapa número catro, a que sucede á encetada en 1917 clausurada pola Revolución Cultural Proletaria na China de Mao Zedong na década de 70.

Libros en galego

- Pequeno panteón portátil, Laiovento, 2009.

- Alén da formalización, Noitarenga, 2005.

- A Revolución Cultural, Noitarenga, 2003.

- Para unha nova teoría do suxeito, Noitarenga, 2000.

- Beckett, Noitarenga 1997.

- ABNM, Noitarenga, 1997.

- Dun desastre escuro, Laiovento, 1995.

- Rapsodia polo teatro, Sotelo Blanco, 1994.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_