_
_
_
_
Reportaje:Luces

A Cultura que virá

Os axentes culturais amósanse escépticos ante o futuro Goberno, no que se perfila unha consellería integrada con Educación e Política Lingüística

Entre os asuntos que se ventilaron na recente campaña electoral, os culturais estiveron completamente ausentes. Os partidos que conformaban a Xunta non fixeron apenas referencia á xestión realizada, e por riba, a responsable da área, Ánxela Bugallo, foi dos membros do Goberno que non formaron parte das listas, e a única defenestrada dos do BNG. Tampouco por parte da daquela oposición se fixo proposta ningunha. O que di o programa electoral do PP sobre cultura non enche unha folla. É máis, polo que se sabe da nova estrutura da Administración galega, hai que dar por amortizada a consellería do ramo, integrada con Educación nun departamento novo. Os axentes culturais, os creadores e os intelectuais, que desta vez non protagonizaron mobilización ningunha, están á expectativa, nunha mestura de dúas esperanzas: a de que a nova política cultural non estrague os avances da anterior etapa, e ó mesmo tempo, a de que se dean os pasos que antes non se deron.

O que di o programa electoral do PP sobre cultura non enche unha folla
"Espero que non se desmantele o creado, aínda que quedase tanto por facer"
"O importante para Feijóo é o Xacobeo, qué estrelas traerán", di Manuel Bragado
As obras do Gaiás non acaen coa austeridade pregoada polos novos xestores
Más información
Un programa sen memoria

"Quero crer que a nosa cultura pode suscitar máis consensos que liortas, máis entusiasmo que escepticismo, e que non vai ser utilizada para o axuste de contas sectario. Quero crer que o novo equipo encargado de xestionar a política cultural galega vai aproveitar o traballo feito nesta lexislatura que agora fechamos (cunha certa saudade), que non vai desmantelar tantas estruturas creadas,... aínda que quedase tanto por facer" escribe a crítica literaria Dolores Vilavedra no blog de Editorial Galaxia o que podería ser un resumo da situación.

Ata o de agora, a única mostra de interese polo sector que se lle viu ó futuro novo presidente, Alberto Núñez Feijóo, foi a entrevista co Consello da Cultura Galega, na que evidenciou a súa inquedanza polo Xacobeo 2010 (segundo a súa propia versión, o que fixo foi, a pesar de que estritamente nin sequera tomou posesión da súa acta de deputado, encargar un estudo sobre a tal celebración). É certo que o Ano Santo está á volta da esquina, pero a rexeneración prometida casa mal coa programación fundamentalmente baseada en espectáculos de masas e verbenas que caracterizaron a anterior política cultural do PP.

"En realidade non é tan mala idea facer responsable do futuro da lingua a unha única persoa. Ese megaconselleiro/a que se ocupará de Educación, Cultura e Deporte con Política Lingüística dentro, iso si que é un xesto cara atrás. Coa excepción dos fastos da inauguración dos primeiros edificios da Cidade da Cultura, vendo o programa do PP, Cultura é unha cuestión menor, apenas unha Dirección Xeral para o Libro e outra para Patrimonio. O importante para Feijóo é o Xacobeo, supoño que os actos relixiosos e os grandes concertos de rock and roll. Velaí a pregunta do millón: a que estrelas mundiais traerán ao Monte do Gozo?", asegura o director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.

Antón Reixa tamén se fai preguntas, sobre todo a de se a nova Administración vai poñer en marcha a reforma da CRTVG, porque lle "fai ilusión no novo contexto tecnolóxico da TDT, que permitirá que sexa máis universal para todos os galegos, de forma menos agresiva". Reixa, que preside o Clúster do Audiovisual Galego, agarda que "siga habendo un apoio transversal cultura-industria-turismo, un organismo único para o noso sector".

No lado menos tecnolóxico da creación "hai unha certa intranquilidade polas primeiras declaracións". "Para os escritores o idioma é a nosa ferramenta, pero agardamos que a prudencia e as ganas de construír país guíen os pasos dos que veñan", reflexiona o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias. "Sería importante que non desapareza a presenza da cultura galega no exterior, porque ese é un logro de toda a sociedade", considera o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Suponse que a AELG teme, por exemplo, que a política de querer ser "país convidado" en feiras internacionais do libro lles poida parecer excesivamente "identitarias" ós novos xestores.

Non deixar caer o que se ergueu e a promoción exterior tamén son as principais preocupacións para o sector da música. "Como eu son unha empresa privada, sempre penso en que hai que crear circuítos culturais", opina Mercedes Peón. "O que deberían facer é deixar e regar calquera semente que se botase. Impedir que morran esas miniculturas ancestrais que temos, que propoñan iniciativas para que se conserven, que ata agora sempre foron privadas, e que se trate de difundir un selo de identidade nosa, como fan os andaluces coas sevillanas ou como fan os cataláns", analiza unha das nosas cantantes máis exportadas, e que por certo, foi a primeira en levar Premio Nacional de Música creado pola consellería, e podería ser a derradeira, polo de Nacional.

"Algo se fixo, como a Rede Galega de Música ao Vivo, os locais de ensaio, o feito de saír nos medios públicos, que antes era imposible... Non é que fose moito, pero é que no rock&roll viñamos do cero absoluto", xulga a etapa anterior outro músico, Martiño Suárez, de The Homens, un dos referentes do pop galego. "O que se vai facer non o sei, pero polo menos non tirar o que había, e abrir as portas. Aquí hai unha chea de grupos, pero de consumo interno", di, aínda que matiza cun punto de ironía: "Nunca se sabe, o mellor rock nos Estados Unidos fíxose cando Reagan".

A preocupación tamén é exterior. "Se antes todo eran gaitas, festas, comidas e todos a pedir cartos, a Administración que marcha fixo o intento de imprimir unha idea ben distinta: actual e non morriñenta, profesional e cunha perspectiva universalista. Houbo quen deixou de recibir cartiños de aquí e cartiños de alá. E houbo quen se rebelou contra os requisitos de presentar facturas, documentos e informes, como pasa en calquera Estado serio, se se pide unha subvención. Pero tamén houbo moitos que valoraron o trato dende a dignidade. Laiábame diante da posibilidade de que o pasado volva e que nos mostre que nada aprendimos. Foi entón que o meu interlocutor me apuntou: 'Estamos nisto porque cremos nisto. Forma parte de nós, da nosa identidade, das cousas que lle dan sentido ao noso traballo e á nosa vida. (...)' Non hai razóns para o desánimo", reflexiona desde Bos Aires a periodista Débora Campo no seu blog fiosinvisibles.

O actor e director teatral Quico Cadaval, que vén de estrear a montaxe d'As Dunas, de Manuel Lourenzo, para o Centro Dramático Galego, di sen demasiado entusiasmo que no seu sector, os indicadores apuntan a que houbo unha certa mellora, "houbo máis público". "Agora non sei qué vai pasar, porque o PP non fala do asunto, quizais porque as súas bases están moi excitadas por poder volver falar español e volver rezar despois de tres anos e medio de prohibición. Imaxino que promoverán a zarzuela, algunha de tema galego como Maruxa. Ou poñer en escena obras de autores galegos en castelán, como El sistema, de Mario Conde", ironiza perfectamente serio Cadaval.

"Veña quen veña, vaino ter cru. Non nos enganemos, a cultura faise con diñeiro, e coa Cidade da Cultura enriba, está todo hipotecado. Rematala e sobre todo mantela suporá ter que insuflar unha chea de cartos", asegura Alfredo Conde, reacio a falar de política, aínda que sexa cultural. "[Jesús] Pérez Varela deixou un terreo deserto e a política da súa sucesora foi demoledora. Unha posibilidade sería coller o que fixemos Vázquez Portomeñe e eu, axitalo, expurgar os erros e servilo", declara por fin o escritor, que xa sabe o que é estar á fronte da responsabilidade da área de goberno de Cultura.

A crecente mole da Cidade da Cultura non soamente se estende sobre a paisaxe compostelá. Condicionou a xestión da consellería, os seus orzamentos, os seus esforzos e resultados. E influirá, queira que non, na dos novos encargados de gobernar Galicia e administrar os seus diñeiros, que neste caso non poderán botar a culpa "ós anteriores". "Sobre a Cidade da Cultura fíxose un congreso que tivo máis de terapia de grupo que doutra cousa máis resolutiva", di Antón Reixa, para quen se debeu "paralizar a construción de dous edificios, porque se quedaran tres sería unha situación máis abarcable. Vai ser o problema que terá o novo responsable".

Desde logo, continuar co novo planeamento da Cidade deseñado polo bipartito, ou o que sería aínda máis custoso, retomar o proxecto orixinal, non acae coa austeridade orzamentaria que pregoan os futuros ocupantes de San Caetano, polo que entre algúns referentes do PP non se desbota a opción de renunciar á construción dalgún edificio. Quico Cadaval ten alternativas máis expeditivas, dacabalo entre a privatización de cheo e a pillabanería administrativa: "Venderlla a unha empresa seria, ou que deixe de corresponder a Cultura e pasala a Obras Públicas, porque de momento estamos falando dunha infraestrutura, dunha construción". Tamén sobre o papel que deberían ter as institucións: "Como lle dixo Arthur Miller a Jorge Semprún, para que serve un Ministerio de Cultura? Os organismos de cultura deberían deixar de ser necesarios".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_