Corenta anos entre libros
A Libraría Couceiro despacha literatura galega en Santiago dende 1969
Non moitas librarías poden presumir do mesmo best seller que Couceiro, en Santiago: Sempre en Galiza. "Primeiro vendeuse na edición arxentina, antes de estar editado en Galicia, e logo na de Akal; véndese en todas as edicións", expón Xesús Couceiro. No seu estabelecemento, que hai tres días fixo corenta anos aberto ao público, mesmo agasallaron aos clientes cunha edición da casa do ensaio de Castelao. Desta volta, e para celebrar as catro décadas, vinte autores participan na homenaxe á libraría de máis avoengo entre as especializadas en libro galego. "Non está a época para moita festa", recoñece o patrón de Couceiro.
Da súa man naceu a primeira libraría co seu apelido no nome, en 1969 e nun pequeno local da rúa San Pedro, en Santiago de Compostela. "Eu vendía electrodomésticos", lembra, "pero non estaba contento co meu traballo". Naquel tempo, o libreiro forxou a súa particular ética laboral: "A libraría é un dos poucos traballos nos que se pode traballar sen prexudicar a terceiros". Suso Couceiro (Mesía, 1941) non aturaba retirar lavadoras, máquinas de tricotar, neveiras, a quen non podía pagalas.
"En 1975 abandonei o libro de texto, era unha estafa social", di Suso Couceiro
Na libraría da praza Cervantes, de Santiago, hai agora 20.000 volumes
"Non tiña nin coñecementos nin cartos", di. Mais sobre un empréstito inmobiliario, procedente dun crego amigo da familia, Luis Junquera, construíu os alicerces da expenduría de libros Couceiro. Entre 1969 e 1975, no portal do número 61 da rúa San Pedro -a entrada do Camiño de Santiago á capital- despachou papelaría e libros de texto en 23 metros cadrados. "O crego dixérame 'alúgoche o local por 1.500 pesetas, pero non tes que pagar até que teñas cartos". Cando a bonanza do negocio lle permitiu trasladar a libraría á rúa República do Salvador, no Ensanche compostelán, abandonou a venda de libros de texto. "Son unha estafa social", argumenta, "porque levan uns prezos que non se corresponden co mercado".
Aos dous anos de instalarse nas rúas grises da zona nova de Santiago, Suso Couceiro deu o paso máis arriscado da súa traxectoria como libreiro: especializouse en libro galego. "Naquela época non se editaban más que cen títulos", apunta, "e completamos a nosa oferta co libro portugués". O patriarca Couceiro fai memoria e reconto dos motivos que o levaron a esa decisión. "A nosa intención era dedicar ao libro galego todo o esforzo", explica, "pero non daba para subsistir ao 100%". Coincidiu cos días dos títulos clandestinos expostos a confiscación policial. Arestora, oito de cada dez libros á venda en Couceiro-Santiago fabrícanse na industria editorial do país.
Na década dos 80, a libraría atravesa unha época de vacas gordas. "Foi o mellor tempo, pero non só para a libraría, senón para o comercio; medraba todo", asegura. E, por "capricho persoal", cadrou coa apertura dunha sección dedicada ao libro antigo, aquel que conta un mínimo de 50 anos. "O libro de vello tivo gran tradición en Galicia", explica Couceiro, "aínda que agora non funciona nin o novo nin o vello". Os seus irmáns tamén aproveitaron a marca: catro tendas Couceiro salfiren a xeografía urbana da Coruña.
O 24 de xullo de 2007, a Libraría Couceiro reabriu nun edificio restaurado polo arquitecto Iago Seara. Atrás ficou o histórico espazo de República do Salvador. Catro andares na praza de Cervantes, no casco antigo de Santiago, acollen agora o despacho de libro galego máis célebre. Pero Suso Couceiro pasou a segundo plano, xubilado, e son os seus fillos, Pablo e María, quen se encargan de xestionar o comercio. "Eu veño cada día a acender e apagar a luz", relata, divertido, o inventor da marca. 20.000 volumes, con sección de libro antigo e de saldo incluída, atópanse ao dispor na nova sede da libraría. E máis do dobre nun almacen no polígono do Tambre, tamén en Santiago
Con todo, Couceiro é máis pesimista respecto do libro. E non a causa do debate dos novos soportes. "Non existe ningún obxecto co que poidas gozar tanto como cun libro", opina, "porque gozas acariñándoo, mirando para el". As reservas do libreiro teñen a ver coas políticas sobre o sector levadas adiante polas sucesivas administracións. "Todas as axudas dirixíronse á edición e non á canle de saída ao mercado, non hai ningún produto que poida resistir no mercado sen promoción", afirma.
A receita que propón redúcese a dedicar "un 25% de cada axuda a promoción". Pero xa non se fai ilusións. "Non se cumpriu porque quen recibe a subvención [as editoras] amaña os problemas e quen a dá evita problemas", define, e resume drasticamente: "Sempre dixen que sería pan para hoxe e fame para mañá; xa estamos en mañá". O libreiro que naceu "na parroquia que está ao carón da de Foucellas" tampouco se conforma coa festividade no Día das Letras Galegas. "No 17 de maio había 50.000 actividades e agora os únicos que saen nos xornais son os da Real Academia Galega".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.