"O capitalismo non vai afundir, sálvanno os amos"
Hai case catro anos que Xosé Manuel Beiras (Santiago de Compostela, 1936) se retirou da primeira liña da política partidista. "Moitas veces a política convértese en cociña política", láiase o catedrático emérito de Estrutura Económica, activista de última hora nos foros sociais e arquitecto do Bloque Nacionalista Galego que, en 1997, deu en primeira forza da oposición. Beiras confésase "máis libre para se expresar" que na política activa. Vén de reeditar, ampliado e en Espiral Maior, Por unha Galiza liberada, orixinal de 1984. "Non vai ser un libro de grandes vendas, aínda que se cadra si se venda aos poucos", confesa, "pero o Miguel Anxo [Fernán Vello, o editor] empeñouse". A revindicación do carácter progresista do galeguismo, o axeitamento do marxismo para analizar a realidade de Galicia e a disección crítica da globalización forman os tres eixes do volume.
"A política é sexo, e a esquerda e a dereita son sexos enfrontados"
"Non pintaba nada nunha asemblea que xa non é unha asemblea"
"Cando era portavoz do BNG, non falaba tan radicalmente das cousas"
"A Lei de Partidos é un estado de excepción a grupos de cidadáns"
Pregunta. Por unha Galiza liberada ábrese con Brañas e remata cunha reivindicación do "home novo" en 2006. O Beiras radicalízase coa idade?
Resposta. Algo diso hai [ri]. Pero tamén hai un proceso de adquisición de máis liberdade de expresión. As ataduras que tiña cando era portavoz dunha forza nacionalista limitaban a miña capacidade de falar máis radicalmente das cousas. Mais o meu pensamento non se radicalizou, vai nesa dirección dende hai moitísimos anos.
P. Cal dos ensaios prefire?
R. Dos incorporados á nova edición, Nación, Estado e cidadanía. Dos reeditados, A vixencia de Karl Marx.
P. Nación, Estado e cidadanía xorde á calor das mobilizacións durante os anos finais dos gobernos de Fraga e de Aznar...
R. Trátase da reelaboración dunha conferencia na UNED no 2003. E nun intre no que hai unha dinámica de debate e mobilizacións enorme. Pero o ensaio decanta, articula unha serie de reflexións sobre as relacións entre Estado e base económica, Estado e clases sociais, Estado e cidadáns, que fun facendo a lume lento, como cociña paisana.
P. Como se relacionan pensamento e práctica política?
R. Cando se trata de proxectos políticos para transformar a realidade, forzosamente ten que haber unha relación dialéctica entre a elaboración do pensamento e a práctica política. Porque senón, a teoría pode confinarse no Olimpo e mudar en intelectual no sentido liberal. A práctica política debe moverse entre as esixencias da realidade e a dotación dun ideario.
P. Durante a súa etapa parlamentaria, viviu esa tensión en primeira persoa.
R. Eu sempre dicía que era un marxista con práctica socialdemócrata. Por razóns de realismo político, de estratexia para ampliar a base social electoral, tiña que me coidar máis. Pero o marxismo estaba aí.
P. O parlamentarismo occidental tende a anular as forzas políticas transformadoras...
R. É unha das grandes frustracións que sofre quen se compromete no traballo político institucional e decátase de que, cada vez, se constrinxe máis a actuación. Porque o deseño de aparato de Estado co das actuais democracias é historicamente obsoleto. A fórmula da separación de poderes está dada a volta, patas arriba, que diría o Galeano.
P. Obsoleto, de que xeito?
R. A política realízase a través dos partidos políticos, as organizacións que fan de pontes entre a sociedade civil e a sociedade política, di Gramsci. Entre a estrutura de clases da sociedade e o aparato de Estado. Esas pontes romperon. Os partidos mudaron en pezas do propio aparato de Estado. A única saída a nivel institucional é un redeseño do Estado. Se o aparato estatal afoga ese proceso, viviremos situacións de totalitarismo enmascarado, con novas formas.
P. Albíscase ese neototalitarismo?
R. As constitucións democráticas regulan de maneira moi estrita os estados de excepción, a suspensión de garantías constitucionais. Non se declaran apenas. Pero suspéndense para grupos específicos de cidadáns, o que xuristas progresistas denominan fragmentación do Estado de dereito. Un exemplo é a Lei de Partidos. Isto exacérbase coa hexemonía ultraliberal.
P. Na crise actual, afunde o capitalismo ou, precisamente, a súa versión ultraliberal?
R. O capitalismo. Pero non vai afundir, sálvanno os amos. O que si, haberá un antes e un despois. O mercado non poden regular o esquema macroeconómico da asignación de recursos.
P. A situación dálle a razón a Karl Marx?
R. Dálle a razón toda. E dálle a razón aos analistas que, dende o marxismo, fan diagnoses sobre o que ocorre co capitalismo na fase da globalización financeira: Robert Brenner, Inmanuel Wallerstein ou Peter Gowan. Xerouse unha situación crítica entre as diferentes formas do capital, o financeiro, o capital mercadoría e o capital industrial. Agora ben, gobernos de esquerdas que asentiron ao desarme do Estado e dos seus mecanismos de control financeiro decátanse de que non teñen o instrumental necesario para operar na crise: nin industria pública, nin sistema impositivo progresivo...
P. O Foro Social Mundial está á altura do tempo histórico?
R. É un foro social, non é un foro político. A súa deficiencia atópase onde non chega. Existen reticencias a colaborar cos partidos e tampouco crean plataformas que actúen nas instancias políticas cos contidos do Foro. Pero a experiencia de Bolivia, Venezuela ou Ecuador serían imposíbeis sen os Foros Sociais.
P. Aínda resulta operativo o eixe dereita-esquerda?
R. Non só é operativo, senón que é unha realidade. Mentres existan clases sociais con intereses encontrados, seguirá existindo diferenza entre esquerda e dereita. Non abonda con falar de nacionalismo. Galicia é unha nación, si, pero, é un magma?, un saco de area? Non, é unha sociedade estruturada en clases. Cando tentas incorporar sectores oligárquicos, pode funcionar na política, pero non se manteñen as coordenadas da esquerda. Ao falar así, ocúltase un bascular cara ao centro asexuado. A política é sexo, e esquerda e dereita son sexos enfrontados.
P. Pactarán BNG e PP?
R. Iso dependerá do BNG, non de min.
P. Pregunto pola súa opinión.
R. Co PP non se pode pactar nada, é un aparato absolutamente reaccionario. O BNG dá pé a que se especule con esa hipótese porque quere evitar parecer condenado a ser un caxato do PSOE. Pero iso non depende de declaracións máis ou menos melifluas, senón de que fagas unha política que che permita ter a mesma fortaleza que o PSOE. No 97, o BNG fixo o sorpasso sobre o PSOE e no 2005 entra na Xunta con moitos menos deputados. Machiño, ese é o problema.
P. Por que non asistiu á última Asemblea Nacional?
R. Porque non pintaba nada alí. Porque non era unha asemblea, era un congreso por delegados. Pola actitude intransixente por parte do aparato e pola desnaturalización do BNG que representa a supresión das asembleas. Levo 25 anos defendendo formas asemblearias e de democracia participativa. Non había nada que discutir, só elixir a un candidato que xa estaba elixido.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.