Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Surf, 'grindcore' e rock radiofónico

Unha variada axenda de concertos esta fin de semana en Galicia

The Trashmen, a lendaria formación de Minneapolis (Estados Unidos), protagonizan esta noite o festival Rockin Praza, organizado en Carballo pola asociación San Xoán e o Concello. Os facturadores dunha das cancións fetiche dos 60, Surfin' Bird -anos logo popularizada por The Cramps e os Ramones- pisan por vez primeira un escenario galego e fano 44 tempadas despois dos seus concertos de debú. The Trashmen foron unha das poucas bandas do interior estadounidense que triunfaron na hermética escena californiá de música surf.

Os autores de Surfin' bird soben ao palco da festa en Carballo acompañados do proxecto actual de Mick Collins, The Dirtbombs. En xira de presentación do seu disco We have you sorrounded, os Dirtboms de Detroit preparan unha aleación infecciosa de garaxe, punk glamuroso, rythm & blues e pop-chicle servida con doses de baterías desmandadas. Os tamén estadounidenses The Neanderthals, co guitarrista Eddie Angel nas súas fileiras, os madrileños Los Coronas e os alacantinos Las Membranas completan o cartel de Carballo, en funcionamento na praza do Concello a partir das 21.00 horas.

Tamén ás 21.00 horas desta noite, pero en Santiago de Compostela e na Sala Capitol, comparecen os británicos Extreme Noise Terror. Militantes do espectro máis extremo das músicas pop, o grindcore -unha aceleración rítmica e sonora do hardcore-, responsábeis en parte da radicalización do saxofonista jazz John Zorn, o seu primeiro elepé data de 1988: A Holocaust in your head. O concerto galego de Extreme Noise Terror enmárcase na terceira edición do encontro Galicia Brutal, no que tamén participan os grupos galegos Machetazo e Nashgul. A festa complétase cunha Zombie's party posterior ás actuacións no pub TNT. Antes, ás 19.00 na praza do Obradoiro, haberá unha xuntanza de zombies para peregrinar até a sala de concertos.

A programación musical galega para esta fin de semana continúa o sábado. A empresa de cervexas Heineken, canda a Fundación Autor dependente da SGAE, organiza a "celebración" do Día de la música en Santiago de Compostela. O rock f.m. de raíz norteamericana de Quique González, co seu último disco Avería y Redención nº7 (2007), sitúase á fronte dunha oferta polo demais totalmente galega. O exitoso pop serie media do coruñés Deluxe -última gravación: Fin de un viaje infinito (2007)- e do vigués Iván Ferreiro -Mentiroso, mentiroso (2008)-, estarán precididos polas propostas dos compostelanos Fanny + Alexander, electro-pop, e Som do Galpom, reggae rap. O pavillón Multiusos do Sar abre as portas a partir das 20.00 horas.

Problemas burocráticos, segundo informou a súa axencia de contratación, obrigaron aos congoleses Konono Nº 1 a suspender as 23 datas da súa volta europea, entre elas, a actuación prevista o vindeiro 28 de xuño no Teatro Caixanova de Vigo dentro do Festival Sinsal. O grupo africano non puído acadar os visados precisos para entrar na Unión Europea. "O espazo Shengen é así", declarou o seu produtor francés Michel Winter, "disuaden de vir a Europa a un grupo que gaña cartos e que mantén a ducias de familias e que non ten ningunha gana de vivir fóra do Congo". A organización do Sinsal prevé devolver o importe das entradas xa adquiridas ou a parte proporcional dos abonos. Información no teléfono 635575665 ou no enderezo info@sinsalaudio.org.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 20 de junio de 2008