Os festivais canean a crise
Coa época estival á volta da esquina, os grandes eventos musicais están preparados. Os festivais teñen perfilados os seus concertos e pechados os artistas principais. Segundo os datos da SGAE, en Galicia houbo mais de 3.000 concertos en 2006, e esa cifra seguiu medrando o pasado ano. Se seguimos o barómetro que supón a implacable caixa rexistradora da Sociedade de Autores, os dereitos xestionados en Galicia no 2007 acadaron o millón de euros, o que supón mais dun 30% con respecto o ano anterior, e a cota mais alta acadada ata o momento. Non semella que a música en vivo estea en crise en Galicia, malia que hai outros atrancos que os promotores de concertos tratan de esquivar.
"Non se pode dicir que haxa crise,o que pasa é que macroeventos como Benicàssim ou Festimad teñen unha batalla entre eles e están pagando cantidades desorbitadas por ter artistas en exclusiva, e así é imposible chegar a eses cachés desde Galicia", explica Xosé Manuel Blanco, de Nalgures Producións. Unha opinión semellante ten Bibiano Morón, de Articket, unha das principais promotoras musicais de Galicia: "Non hai crise de programación, senón de público. Unha estrela internacional non baixa de 300.000 euros, e para iso precisas mobilizar 10.000 persoas que teñen que pagar 30 ou 40 euros, e cada vez a xente nova ten menos poder adquisitivo". Morón traerá este ano a Galicia a artistas como Emir Kusturica e a Non Smoking Orquestra, Caetano Veloso, Miguel Bosé ou Toquinho e María Creuza. Para este veterano promotor musical "os festivais aínda están á alza, pero non hai termo medio: ou hai microfestivais e concertos aillados, ou hai xigantes como o Rock in Rio". Cada promotor amaña como pode para tratar de vender os seus concertos, coa financiación das administracións públicas ou o apoio dos patrocinadores privados. "Temos feito concertos potentes como La Oreja de Van Gogh ou Sabina e Serrat e foron ben. Só pinchamos con Manu Chao, porque arriscamos de máis, e as entradas non custan o mesmo con axudas institucionais ou sen elas", confesa Bibiano.
"Chover chove para todos pero o espectáculo é máis inmune á crise"
"Unha estrela internacional con 'gancho' non baixa dos 300.000 euros"
Xosé Manuel Blanco é outro dos máis experimentados promotores musicais de Galicia, ademais de ser desde hai 17 anos o manager de Siniestro Total, grupo co que ten estado presente nos máis importantes festivais do Estado. Para Blanco, "hai unha gran batalla baseada na contraprogramación, que está entrando tamén aquí".
O produtor lucense pon exemplos como o festival Creamfields, que este ano tamén terá unha sede en Vigo: "En teoría foi programado nas mesmas datas que Paredes de Coura, que está a uns poucos quilómetros".
"Cada ano todo é mais complicado porque os festivais pechan artistas en exclusiva, ó prezo que sexa" , explica David Lago, Tibe, membro da produtora Sweet Nocturna, que este ano traerá a Galicia músicos como Roger Hodgson ou Rubén Blades, e que nos últimos anos promoveu concertos de artistas como Franz Ferdinand, Pet Shop Boys, Jamiroquai ou Oasis. "Isto é unha poxa tremenda e festivais como Benicàssim ou Summercase pechan bandas en exclusiva pagándolles o dobre do caché", explica Tibe desde a súa produtora en Vigo.
Bo coñecedor do mercado internacional, segundo os seus cálculos, "este ano, o caché máximo das contratacións internacionais móvese entre Madonna, que está pechando concertos en tres millóns de euros, e The Police, que andará entre un e dous millóns de euros".
A produtora Sweet Nocturna é unhas das vinte compañías que forman parte da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), fundada o pasado ano. "Nacemos coa intención de colaborar e ter unha programación coordinada, entre outras cousas", explica Xavier Alonso, avogado e xerente de AGEM. Alonso mantén que os concertos en Galicia están, polo momento, aillados da crise. "Cando chove, chove para todos, pero o espectáculo é un tanto inmune ás crises", explica o xerente desta asociación.
Segundo os datos que se manexan desde este colectivo, arredor de millón e medio de persoas veñen asistindo cada ano ós diversos concertos e festivais que se celebran en Galicia. "Hai unha correlación entre a caída da venda de discos e a alza dos espectáculos en vivo, e as empresas teñen que aproveitar iso para estar xuntas e coordinarse ", explica Xavier Alonso.
Partindo deste criterio acaban de unirse dúas das empresas musicais de AGEM para acubillarse debaixo da marca Galicia Escoita, que abrangue a sete eventos musicais que teñen lugar este verán no país. Articulados arredor das produtoras La Fábrica de Chocolate e Fankani Producións, en Galicia Escoita están integrados o Fax de Ourense, Cultura Quente de Caldas, Vibrasons de Pontevedra, Sonearte de Viveiro, Mar de Fondo de Noia e Repercusión de Allariz, ademais da celebración do Día da Música, o vindeiro 21 de xuño. "Trátase de facer unha marca de garantía, que compita cos grandes festivais, e ó mesmo tempo conviva con eventos como as festas tradicionais. Pretendemos facer piña, crear un tecido socioeconómico e un atractivo turístico", explica Quin Gutiérrez, de La Fábrica de Chocolate. Esta marca sumará vinte días de programación entre todos os eventos, polos que desfilarán 70 artistas, entre os que destacan Café Tacuba, Juliette Lewis ou Marky Ramone. "En Galicia hai arredor de 125.000 persoas cunha idade entre 17 e 35 anos, que é o público que tratamos de atraer", declara Gutiérrez, que desde hai 18 anos organiza o Festival Cultura Quente en Caldas de Reis. Para este activo produtor, "a crise non chega á periferia, pero competir desde aquí é difícil".
Buscar unha marca de festival é un dos obxectivos de moitos promotores. "Só Ortigueira logrou unha marca, asociada á relación do público co entorno e o bautismo xuvenil", explica Vítor Belho, xestor cultural especialista en temas musicais. "Hai unha falta de renovación no discurso. Aínda queda traballo por facer e ocos por cubrir. Non todo teñen que ser grandes espectáculos coma os que programaba o goberno anterior", reflexiona Belho, que durante anos estivo ó frente da produtora Nordesía. "Aínda está por facer un mapa serio de festivais e un diagnóstico do seu impacto económico, e tamén distinguir ben entre o que son festivais e a programación musical, cousas ben diferentes", conclúe Vítor Belho.
As grandes citas
- Bob Dylan. 27 de xuño. IFEVI. Vigo.
- Festival Via Stellae. Do 4 ao 23 de xullo. Santiago.
- Caetano Veloso. 21 de xullo. Praza da Quintana. Santiago.
- Festival de Jazz de Pontevedra. Do 23 ao 26 de xullo. Pontevedra.
- Whitesnake. 30 de xullo. Coliseum. A Coruña.
- Diana Krall. 31 de xullo. Palacio da Ópera. A Coruña.
- Felipop. 8 e 9 de agosto. Fene.
- Chemical Brothers. 2 de setembro. IFEVI. Vigo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.