_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Os barcos, o leite e os libros

Manuel Rivas

Pasei por Ferrol para dar o pregón da feira do libro na Alameda. Hai escritores que foxen das feiras e mesmo dos libros, mais a min gústanme, sobre todo dende que fun a Carballo e tocoume a carón dun ferreiro que vendía fouces. Qué feitura a das fouces! Esa curvatura de ferramenta luar, ese signo liberador que Castelao debuxou a carón dunha estrela. Pois vai o ferreiro bergantiñán e dime: "Cámbioche unha fouce por un libro". Home, claro. Qué marabilla! En Ferrol o que me gustaría sería dar un pregón naval. Inaugurar un barco. Xa sei que é moito pedir, mais podía ser unha gamela, unha lanchiña, ou unha balandra de trece metros de eslora como aquela coa que Joshua Slocum deu a volta ao mundo en solitario despois de perder un gran amor.

A idea do libro non vai desaparecer e moito menos a necesidade da invención literaria

Unha das cousas que máis se parece a un libro é un barco. E iso foi o que fun contar a Ferrolterra, o mellor porto natural do Atlántico, o grande obradoiro do mar, alí onde se formou, laboriosamente, a estirpe dos mellores construtores de naves. E non lle deixan facer naves! Máis que xeopolítico, o de Galicia éche un caso de sadomasoquismo histórico. Sabemos facer barcos, hai demanda, mais non nos deixan. Temos un millón de vacas, aumenta a demanda e o prezo do leite para o consumidor, mais as familias gandeiras van á ruína. Temos unha lingua, e unha industria cultural que leveda, e aínda hai xente que dedica a vida a escornar contra dela, como os calamitosos que aínda andan a botar dinamita no mar.

O caso e que eu quería falar do libro-barco. O libro ten moito que ver coa navegación. O primeiro que procura a humanidade é un abeiro, un fogar, unha cova, unha cabana, unha casa, un lugar onde habitar. Mais a outra condición do ser humano é a de pórse en camiño e desafiar as lindes, a de querer saber qué hai na outra banda, qué hai alén do horizonte. E iso é realmente o que funda a cultura. Iso que chamamos cultura sería a humanidade en movemento, a navegar. A mellor cultura é un fogar nómade. Iso é un barco. Iso é un libro. O libro tamén é un instrumento de navegación. Despois de abrilo, o libro lévanos. Estamos dentro. Somos tripulantes. Escritor, lector, mariñeiro!

Imos no libro, ese libro no que prendemos, que se converte nun fogar, como Joshua na súa balandra. É moi improbábel que ese libro que nos gusta, que nos excita, que nos morde, como quería Kafka, vaia cambiar algo na Terra, mais xa está a cambiar a nosa ollada. A boa obra de literatura, esa dorna, esa lanchiña con vento nas velas, é sempre a que nos leva nunha viaxe cara dentro e cara fóra. Dános información esencial sobre a condición humana. Como ben dicía o escritor Rodolfo Walsh, un dos asasinados pola ditadura arxentina, a literatura é un avance laborioso a través da propia estupidez. Abaneamos o libro, e o libro fainos abalar como a pedra da Barca. Esa navegación, esa aventura na que comprometemos todos os sentidos, é o que Clarice Lispector chamou moi atinadamente a "felicidade clandestina". E por iso a lectura pode rematar, cando pagou a pena, co lendario berro do vixía: "Terra á vista!".

Mais cando facemos a loanza da lectura, temos ás veces a sensación de recaer, non sei se con acerto, en algo que se parece de máis ás chamadas de socorro. Entoamos continuamente o Mayday, mayday, mayday do libro. Non sei se sobreactuamos, levados polo pesimismo, mais as nosas chamadas parécense en demasía aos diálogos extremos do xénero western, como o que manteñen Gregory Peck e Jennifer Jones en Duelo ao sol. Imaxinemos que o diálogo que manteñen Lew (G. Peck) e Perla (J. Jones), mentres se disparan, é moi semellante ao do lector e o libro, nun tempo que semella angustioso para os descendentes da Galaxia Gutenberg:

Peck (ferido mortalmente): Cadela india! Maldita!

Jennifer: Dinte, eh Lew? Xa che dixen que sabía disparar

Peck: Vén aquí! (Dispara e Perla cae tamén ferida mortalmente).

Jennifer: Si, irei e matareite, Lew!

Peck: Vén aquí, Perla! Morro!

Jennifer: Non te creo. Non me fío de ti.

Peck: Mórrome, Perla! Quero verte antes! Quérote!

Jennifer: Lew! Espérame Lew! Non te morras! Espera a que eu chegue!

A historia do libro é dramática. No noso caso moi dramática. Tráxica. Hai un feito histórico moi significativo. Despois da invención de Gutenberg, os libros xa foron tratados como as persoas potencialmente perigosas. Moi significativo o que pasou en España. Primeiro, unha Carta precautoria dos Reis Católicos en 1502. E despois a Pragmática de Felipe II, en 1558, na que xa se contempla a pena de morte para determinadas infraccións: "Y quien imprimiere o diere a imprimir... no habiendo precedido el dicho exament y aprobación y la dicha nuestra licencia... incurra en pena de muerte y en perdimiento de todos sus bienes y los tales libros y obras sean públicamente quemados". Esa Pragmática marcou estilo durante séculos. Até non hai moito.

Mais se dispoñemos dun pequeno depósito de optimismo, vemos que a historia do libro é dunha resistencia exitosa contra tanta persecución. Na actualidade, as innovacións tecnolóxicas e todas as hipotecas que gravan o tempo humano, ese modelo de "capitalismo impaciente" que todo o ocupa, semella ás veces que van provocar un afundimento das chamadas humanidades. Unha especie de holocausto do libro a mans do mundo virtual.

Cómpre ter unha concepción ecolóxica do futuro do libro e da propia literatura. Vai haber modificacións no soporte. Vanse a dar grandes adiantos técnicos que propicien a difusión electrónica e libros que condensen en pequeno espazo unha biblioteca. Mais o que non vai desaparecer é a idea de libro e moito menos a necesidade da invención literaria e do pensamento libre.

Outra cousa é que nos desacougue o índice de lectura que hai en Galicia e en España. Esa especie de valado de formigón estatístico que non hai maneira de traspasar, cun 50 % de persoas que aseguran non ler nin un libro ao ano nin ter o propósito de facelo. Aumenta a lectura na xente máis nova, mais ese dato optimista recae a partir da adolescencia.

Fálase moito, mesmo en grandes titulares cada mes, do PIB e do IPC. Do Índice de Lectura fálase moi pouco. Se acaso unha vez ao ano, e con moi pouco destaque. E sen embargo o Índice de Lectura é o mellor termostato, o mellor escáner, para medir o benestar dunha sociedade nun sentido integral. O Índice de Lectura di todo, dende o estado económico até a sensibilidade medioambiental. Hoxe, o IPC dános a evolución dos prezos. Atención, soben os tomates! Dispárase o barril de petróleo! Baixan as patacas! (baixar non baixa nada), etcétera, etcétera. Ben. Pois podemos soñar cun panorama no que as noticias da mañá sexan: Sobe a poesía erótica! Dispáranse o thriller e a novela negra! Multiplícanse as novelas ambientadas en Ferrolterra! Aínda que tamén estaría ben unha noticia do PIB: Galicia aumenta a produción de barcos, leite, libros... e fouces!

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_