_
_
_
_
_
Reportaje:ENTRE DÚAS LINGUAS | Luces

A tradución perde a inocencia

As tradutoras aseguran que cambiar libros de idioma implica a ideoloxía

A tradución de obras literarias pasou de se considerar un produto a concibirse como proceso. Eis a conclusión central á que remiten, segundo as profesionais consultadas, as correntes tradutolóxicas contemporáneas. "Ao cabo, do que se trata é de reproducir os efectos dunha obra na súa cultura na cultura de chegada", resume a tradutora e intérprete Lara Domínguez Araújo. Transportar literatura dun idioma a outro xa non admite o idealismo da linguaxe nin o construto da transparencia. Para a poeta e crítica María do Cebreiro, que publicou a versión galega de Tres mulleres de Gertrude Stein e unha antoloxía de cancións de mulleres afroamericanas, "a tradutora debe saber que é invisíbel pero non inocente". O recente litixio pola edición en galego d' O curioso incidente do cadelo a media noite, de Mark Haddon, fermentou unha serie de debates que funcionan de fondo á actividade de traducir.

Lara Domínguez: "Substituíuse a idea de fidelidade pola de equivalencia"
"A ideoloxía dunha tradución ten que ver con quen paga", di Do Cebreiro
Para Reimóndez, ser escritora non ten que ver co oficio de tradutora
Marilar Aleixandre: "Traducir unha obra literaria supón un esforzo literario"
Más información
Historias dun oficio
Nos/outros/as
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Soamente escoller o que se traduce e o que se deixa sen traducir reflicte a clase social á que se pertence, a formación de cada un, os retos recibidos dende a sociedade receptora, da tradutora, da editorial". Así de contundente se amosa a escritora canadense Erín Moure, que verteu os libros de Fernando Pessoa ou de Chus Pato ao inglés, ás responsabilidades ideolóxicas dunha tradución. Para Moure, de quen Galaxia editou os poemas de Teatriños ou aturuxos calados en galego da man de María Reimóndez, "nunha tradución advírtense, até certo punto, os valores da sociedade receptora". E concreta cun exemplo nacional: "En Canadá

[Moure habita un barrio portugués da cidade Montreal] traducimos homes como people se fica claro que o autor se refire á xente común; men empregámolo unicamente cando é seguro que a escritora ou o escritor se refire aos varóns".

Lara Domínguez Araújo traballa, sobre todo, na interpretación. No eido da literatura, puxo en galego Terrorista, a última novela do estadounidense John Updike, e arestora prepara Estambul, do turco e premio Nobel Orhan Pamuk. "Cando se fai unha tradución, funciona unha ideoloxía", apunta, "e, ao haber unha ideoloxía dominante, as que se detectan son as non dominantes". Para Domínguez Araújo "na tradución hai ideoloxía igual que a hai na linguaxe".

Nese punto situou a tradutora e novelista María Reimóndez a problemática da súa versión, finalmente rexeitada por Rinoceronte Editora en base á "manipulación" do texto, d'O curioso incidente do cadelo a media noite. "Todo está influído pola ideoloxía, pero non en sentido vulgar de ser dun partido político", di, "senón no sentido althusseriano: o conxunto de crenzas e a posición dunha persoa para enfrontarse a calquera actividade". Reimóndez estuda as relacións entre ideoloxía e tradución para a súa tese doutoral e lembra a "transformación conceptual e teórica da tradución, que nos anos 50 deixou de tratarse como produto para pasar ser un proceso".

A escritora Marilar Aleixandre non vive da tradución. Pero dende que en 1998 publicou o poema satírico-absurdo de Lewis Carroll A caza do Carbairán, tirou as versións do poemario Muller ceiba, de Sandra Cisneros, e do primeiro Harry Potter. Aleixandre non "cre na existencia das burbullas de cristal" nin en lugares onde a ideoloxía se ausente. "Ao traballar nos poemas de Sandra [Cisneros, poeta chicana] topei cos problemas do xénero gramatical do inglés en personaxes nos que a ambigüidade sexual era enorme e eu tiña que optar, en galego, por un dos sexos". A tradutora trocou correos electrónicos coa autora d'A casa de Mango Street [que Rinoceronte está a piques de poñer na rúa]: "Pero o que ela quería era esa ambigüidade, que no noso idioma non sempre se pode manter". Os poemas para nenos de Sylvia Plath ocupan na actualidade o labor tradutor de Marilar Aleixandre.

"É fundamental saber quen paga a tradución ou se se trata dunha tradución de autor ou non". Estas son algunhas das cuestións que coloca María do Cebreiro ao respecto da ideoloxía das traducións. Do Cebreiro comparte certas consideracións con Erín Moure: "Na aceptación do que traduces, e falo eu, que non son profesional e non teño que traducir para gañar a vida, hai unha toma de posición ideolóxica". Para a poeta, a ideoloxía ten que ver coas implicacións sociais dunha acción, e "iso é a tradución: qué se le, qué se dá a ler, por qué unha obra e non outra, por qué agora e nesta literatura".

A aparición, serodia, de William Faulkner en galego non aconteceu até este ano. O ruído e a furia, orixinal de 1929 e influínte na Nova Narrativa Galega, valeuse do traballo de tradución do novelista Xurxo Borrazás. "Traducir a Faulkner foi como meterse nun campo de minas", explica, "e un sabe que nun campo de minas hai que andar a modo e aínda así resulta imposíbel evitar que algunha estoupe". Poñer noutro idioma unha obra literaria supón "tomar opcións, pero non ideolóxicas, senón de estética ou de fonía".

Xurxo Borrazás traduce por vocación. A súa condición de escritor de novelas faino "máis atrevido" á hora de se enfrontar a un texto. "Ser escritor axuda a non se someter á literalidade na tradución, a ser máis consciente de como se constrúe unha obra literaria", afirma. Pero admite as vantaxes do tradutor profesional: "Ten máis experiencia. Cando se enfronta a un problema, xa se enfrontou antes".

"Dende o intre en que un libro cambia de idioma, traducilo muda en creación", argumenta Lara Domínguez Araújo, "cambia a función, o receptor, o sistema literario, e iso fai que exista unha parte indubidábel de creación". A intérprete engade a esa "parte de creación" outra de "axustarse ao que hoxe en día se considera tradución". Domínguez Araújo lembra que as teorías tradutolóxicas actuais "desbotan o concepto de fidelidade e substitúeno polo de equivalencia".

A versión italiana d'O club da calceta, o último romance de María Reimóndez, preséntase esta semana en varias cidades do país alpino. Pero, malia á faceta literaria, Reimóndez defende "a profesionalidade" do seu oficio de tradutora, "que non ten nada que ver co de escritora". "Unha tradutora de literatura debe coñecer as convencións literarias", indica, "pero do mesmo xeito que para facer tradución de literatura médica hai que coñecer as convencións da literatura médica". A postura ao respecto de Marilar Aleixandre é oposta: "Para traducir unha obra literaria cómpre facer un esforzo literario". Aleixandre amósase partidaria de que "as poetas traduzan poemas; ao traballar xogos de palabras, por exemplo, a experiencia na escrita pode axudar á versión noutra lingua", pero apura a recoñecer o "magnífico traballo da tradutora Eva Almázán, que non escribe".

Erín Moure entusiásmase: "Claro que é un traballo creativo! Unha obra vibra en tantos niveis, de tantos xeitos...". Moure diferencia entre as versións de autores vivos que entenden o idioma de chegada - "con Nicole Brossard [poeta canadense en francés] consulto moito, e ela respecta o meu traballo"- dos que non o entenden -"Chus Pato non pode contribuír a un texto que non pode ler"-. "Pessoa, por exemplo, conta con moitas versións normalizadoras en inglés, nas que perde modernidade, humor" conclúe.

Pero na consciencia da intervención do tradutor é onde se atopan diversas voces. Do Cebreiro reclama atención para o labor: "Cando se fai crítica dun libro traducido, fálase do autor, logo do libro e, por último da tradución. Habería que traer a primeiro plano ao tradutor". Reimóndez opina que "a tradutora non debe evadir responsabilidades sobre o que fai, debe facer visíbel o proceso ao que somete o libro".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_