_
_
_
_
Crónica:Notas a rodapé | Luces
Crónica
Texto informativo con interpretación

Vieiros andados, camiños extraviados

Hai 25 anos, un 15 de xuño de 1983, o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística. Trátase, sen dúbida, dun dos fitos máis significativos do proceso autonómico que arrincara coa aprobación do Estatuto, onde se declara o galego "lingua propia de Galicia", oficial ao par do castelán, e se recolle o mandato de promoción do idioma do país "en todos os planos da vida pública, cultural e informativa". Un fito acompañado daquela por outros relevantes: só por referírmonos ao ámbito da cultura, lembramos a creación do Consello da Cultura Galega por lei aprobada polo mesmo Parlamento só un mes máis tarde. Durante o presente ano, se os fados nos dan permiso, dedicaremos unha parte das nosas notas a rodapé a ofrecer un balance dos pasados vintecinco anos de normalización lingüística.

A clase política que nos gobernou dedicouse a cubrir as apariencias, a 'facer que se fai'
A Lei de Normalización Lingüística foi un dos fitos máis significativos do proceso autonómico

O significado político da normalización lingüística

Cal era o sentido político da aprobación destas leis? A lexitimación pública do proceso autonómico galego repousaba en boa parte na posesión dunha lingua e unha cultura propias. As demandas de autogoberno e os partidos políticos nacionalistas concitaban un escaso eco electoral. Lembremos o peso das forzas representadas no primeiro Parlamento galego: Alianza Popular (26 escanos), Unión do Centro Democrático (24), PSdeG-PSOE (16), Bloque Nacional-Popular Galego / PSG (3), Esquerda Galega (1) e Partido Comunista de Galicia (1). Este era un dato político ineludible, por moito que Galicia gozase do precedente da aprobación plebiscitaria do seu Estatuto do 1936, o que a situaba formalmente no grupo de cabeza das nacionalidades históricas.

Para comprender as razóns polas que se aprobou a Lei de Normalización e ao tempo algunhas claves da política lingüística dos sucesivos gobernos autónomos nas devanditas circunstancias, é fundamental non esquecer que todo proceso político relevante precisa de lexitimación social, e a autonomía de Galicia (co que supuña de creación de gorentosos espazos de poder político) non podía escapar a esa lóxica. A lingua galega constituíu unha desas claves lexitimadoras, non a única, pero desde logo unha das fundamentais. Trátase dun asunto esencialmente simbólico, pero non por iso menos menos real e efectivo.

Quizais hoxe as cousas mudaron un tanto, pero aínda así estamos certos de que un líder político que esqueza o devandito ten moi remotas posiblidades de conquistar a maioría nunhas eleccións autonómicas. Por certo, Alberto Núñez Feijóo e o seu partido, polo camiño que levan de enlarafuzar o asunto do idioma con liortas políticas cativeiras vannos dar a oportunidade de comprobar o noso acerto. Ao ex alcalde coruñés Francisco Vázquez saíulle ben na política municipal, pero unha cousa é un experimento local en condicións irrepetibles (a explotación a fondo da trela da capitalidade), e outra cousa é conseguilo no ámbito galego. Apostamos a que o veredicto da historia condenará o feito ao inferno do mal recordo ou, no mellor dos casos, ao purgatorio do esquecemento.

Por parte, sabemos que ás forzas políticas lles foi ben na medida en que mantiveron un discurso galeguista, comezando pola lingua. E algunhas delas, coma o BNG, poden dar fe dos réditos políticos que na cuestión da lingua e noutros asuntos de interese xeral outorga adoptar un discurso unitario e construtivo (isto é, autenticamente nacional), abandonando unha visión excesivamente escorada cara ao partidismo e á miraxe ideolóxica.

A política lingüística: da retórica política á acción de goberno

Por certo, un dato histórico para anotar: cando a aprobación da Lei, os deputados do BNPG/PSG atopábanse ausentes do Parlamento de Galicia, pois foran expulsados del por negárense a dar acatamento ritual á Constitución e o Estatuto. De primeiras, o groso do nacionalismo combateu a ferro e lume a Lei de Normalización Lingüística, pero co paso do tempo acabou esixindo o seu cumprimento, e agora coidamos que xa non se fai ilusións verbo do formidable desafío que supón darlle a volta a un acelerado proceso de substitución lingüística como o que veu sufrindo o galego nas últimas décadas. Un desafío que non se esconxa con ladaíñas ideolóxicas e malabarismos verbais, nin é dado de superar coas soas armas do activismo voluntarista, por moito que tanto o discurso argumentado e persuasivo coma a entrega militante sexan imprescindibles. E velaí o risco: que as enormes dificultades prácticas do asunto, que non se poden ignorar, apuxen á inercia ou ao desmaio.

A ninguén se nos escapa que aquela xustificación fundamentalmente simbólica da promoción do idioma galego tivo secuelas onerosas. Existe o perigo real de que a cousa quede nun arranxo máis ben de fachada, ou en erguer un estaribel para que o galego oficie unha liturxia, mentres perde o seu celme de idioma vivo, que é o que lle dá o uso espontáneo na vida cotián da cidadanía corrente. Desafortunadamente, a maior parte da clase política que nos gobernou durante estes 25 anos viu o asunto desa maneira: hai que cubrir as aparencias, facer que se fai, e dedicarse a cousas supostamente máis importantes e máis prácticas. Así, a política lingüística careceu sempre da relevancia que merece. Canto máis cargante foi a retórica (ás veces ata o engulo), máis defecto houbo de acción de goberno.

Pero non adiantemos valoracións, e tornemos a aquela sesión parlamentaria de 15 de xuño de 1983, na que se dixeron cousas ben interesantes. Escollemos algunhas das máis substanciosas. Só con repensalas, temos materia para matinar de onte a hoxe, e de hoxe para mañá:

- Camilo Nogueira (Esquerda Galega): "Os grupos que loitaron ata hoxe pola normalización do uso do galego teñen que convencerse de que se abre unha nova etapa. Temos que convencer aos milleiros e milleiros de ensinantes, aos millóns de galegos, de que o labor de normalizar a nosa lingua é realmente un traballo digno e necesario".

- Anxo Guerreiro (PCG): "Se non é co compromiso de todas as institucións sociais, políticas e culturais do país, esta lei será a expresión dun bo desexo, pero pode acabar en augas de castañas".

- Ceferino Díaz (PSdeG-PSOE): "Estamos firmemente convencidos de que estamos a tempo de salvar a nosa lingua, pero non podemos agardar a que se salve soa. Se pomos todos os medios institucionais que a Lei sinala para logralo, o pobo, que a conservou durante séculos, fará o resto".

- Antonio Olives Quintás (UCD): "Facer realidade esta lei depende, en grande medida, dunha boa acción de goberno. A este é ao que lle cómpre coordinar dunha forma efectiva todos os estamentos implicados na progresiva normalización do uso do galego".

- Xosé Luís Barreiro Rivas (AP): "Non se pode entender a normalización como unha simple imposición normativa, senón como unha garantía de que o desexo compartido por todos ha ser posible ao longo do tempo. Temos un longo camiño por percorrer. Esta Lei é máis un punto de partida ca un punto de chegada".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_