O plan para o galego
Fixada como símbolo, a data de inicio da normalización lingüística en Galicia coincide coa promulgación, en 1980, do Estatuto de Autonomía. Pero entre a Lei de Normalización do 83 e o primeiro plan integral ao respecto mediaron 21 anos. O bilingüísmo harmónico foi, no entanto, a única ideoloxía lingüística cuñada desde o ámbito institucional.
"Que a bondade persoal e privada se estenda á nosa sociedade", dixo Fraga en 1999. O ex presidente falaba da harmonía como forma "ideal" de bilingüísmo. O que se pregunta agora Henrique Monteagudo, tentando partillar as consecuencias do "retraso histórico", é por que aínda hai pais galegofalantes que lle falan castelán aos fillos. Para o autor de 15 anos de política lingüística en Galicia (1981-1996), "arrastramos a inercia dunha política falta de claridade, sen prazos nin obxectivos a respecto do idioma". "A familia", di, "é o último elo da cadea, o indicador que evidencia o resto dos fracasos".
"A familia é último elo da cadea, o indicador do resto dos fracasos"
Galicia gasta na lingua 7,20 euros por habitante, máis que Cataluña
Vén ao conto dos últimos datos sobre transmisión da lingua. Valéndose da estatística coñecida do segundo Mapa Sociolingüístico de Galicia (9.714 enquisas de 2004), a Mesa pola Normalización denunciou que en galego xa só aprende a falar o 20% da poboación, fronte ao 62,4% do Mapa de 1992 (37.000 entrevistas) e o 53,7% da Enquisa sobre as condicións de vida das familias que fixera o Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2003. Algúns cambios metodolóxicos matizan a alarma anoada ao dato: o Mapa de 2004 abrangue máis público urbano e non interpela aos maiores de 55 anos, por exemplo. "Os datos non son bos, pero hai que valorar que se interrompe a perda de falantes en lingua inicial no tramo entre 15 e 24 anos", xulga Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística. En 2003 o IGE constatou, por vez primeira, a existencia dunha xeración de mozos para os que o castelán era xa a lingua maioritaria.
"Considerouse que a familia era o territorio natural do galego, aínda que a desgaleguización nese ámbito fose ben perceptible a comezos da democracia", critica Anxo Lorenzo, experto en planificación lingüística. Non se calibraron en termos sociolóxicos nin o éxodo do rural nin a necesidade de xunguir acción social e institucional. Historicamente, o único ámbito onde se definiu "de xeito mínimo" unha política lingüística, en palabras de Bieito Silva, foi o ensino. "Esa foi unha das eivas", di o que fora presidente da Comisión de Educación que formou parte do Plan de Normalización. "Aquí nos 70 aínda estabamos coa crenza romántica de que o ensino transforma a sociedade", di. Se unha lingua é un mercado, lembra, "é evidente que non se traballou o desafecto que fai que a nosa cotice menos que a catalá, en termos de identificación".
Silva destaca o "acerto" do decreto do ensino deste ano, que amplía ao 50% o galego na educación infantil no caso dos falantes de castelán (en primaria e secundaria consérvanse as porcentaxes, tamén do 50% como mínimo, aprobado en 2004). Porén, remarca a necesidade de "non confundir mínimos con máximos". "Ou sequera controlar os mínimos, o que non se fixo ata o momento", afirma Silva, quen se laia de que a política da lingua siga "focalizada no ensino".
O gasto en política lingüística/habitante en Galiza é de 7,20 euros (5,90 en Cataluña e 14 en Euskadi). Que pasaría se non houbese fondos? É Hakan Casares, técnico do Consello da Cultura, quen contesta á súa pregunta: "A situación sería distinta", sinala, "pero é probable que non fose radicalmente diferente canto ao número de falantes urbanos". "O alcance da política lingüística é limitado e hai que calibralo". Casares foi un dos autores, en 2005, dun estudio sobre actitudes perante o idioma. Desbotando as enquisas, alumnos de Secundaria de toda Galiza tiveron que imaxinar situacións de fricción lingüística; ao final resultou que os rapaces puntuaban "máis negativo de forma sistemática" aos mozos que falaban con acento galego. "Esas actitudes aínda existen", di.
Fóra da escola, a situación é o que se di transversal: a maioría dos xulgados traballa coa versión en castelán do programa Libra e non adoita haber subtítulos para entrevistas en galego nas televisións estatais. Tampouco os requerementos a un galego máis vizoso -na TVG ou no Parlamento- exceden por demais a coita filolóxica. Fernando Ramallo, profesor de Sociolingüística en Vigo e especialista en cuestións de lingua e empresa, considera que os avances nos últimos dous anos foron "relativamente escasos". Bota en falta unha campaña de sensibilización específica nas grandes empresas , máis certificados voluntarios de galeguización e unha regulación específica para as compañías contratadas pola Xunta, ao xeito catalán. "Este é un tema capital", insiste, que esixiría a reforma da Lei de Normalización Lingüística. Deixando á parte os diferentes compromisos que acubilla a Fundación Galicia Empresa , di que as axencias de publicidade "non adoitan animarse moito".
Ramallo remarca tamén algúns datos para a normalización nos medios de comunicación privados. No plan de 2004 escribiuse que a cota de galego debería ser "dun 30% nos vindeiros dez anos". Sobre a política de subvencións aos medios, fala dunha "consideración nova" pendente de substanciar. As cifras do pasado son elocuentes: a cota de galego na prensa escrita en 1977 era do 1,62%. En 2004, do 6,86%. En Prensa ameazada. Da transición ao fraguismo, Luis Álvarez Pousa lembraba a correspondencia entre axudas para fomentar o galego nos medios e a presenza real do idioma. Entre 1993 e 1996 invertíronse 3,2 millóns de euros para que o idioma fose catro décimas máis visible (do 3,01 ao 3,43% de cota real).
Para o politólogo Xaime Subiela, que traballou no apartado social do Plan de Normalización de 2004, "hai que recoñecer que non se sabe qué facer exactamente. "Non hai solucións máxicas para as cousas vivas. A cuestión do bilingüísmo é como se fose algo propio dos contrarios á normalización do galego por pura deturpación, pero é xusto ao revés". "É impensable a medio prazo unha sociedade monolingüe en galego, pero unha en castelán si". Subiela, que dirixiu o plan de normalización do concello de Santiago (2001), si lembra a estratexia: "Trátase de xerar dinámicas de cooperación entre os sectores desde os cales se favorece a normalización, vencellalas ao moderno e que os sectores que as van ter que desenvolver as sintan como propias".
A propósito de accións, é o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, quen máis critica E logo?, a campaña nuclear de Política Lingüística, que incluíu concertos de axóuxeres e presentes por maternidade. "A maioría das campañas son unha parodia... Friameiras, latas de doces, bolsos de coiro, paraguas, bolígrafos... Non hai política lingüística". O máis grave, di Callón, "é que Vicepresidencia ou Industria fagan máis política lingüística". "Os resultados non saen dun día para outro", resposta Marisol López, que enumera as encomendas do primeiro semestre de 2008. Entre elas, a normativa de usos lingüísticos para a Xunta e, sobre todo, a creación do anceiado Consorcio de Planificación Lingüística, ese lugar de encontro do que falan todos os consultados, onde institucións e movemento social repartisen a normalización.
O suplemento Luces non se publicará durante as festas de Nadal.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.