_
_
_
_
Reportaje:TERRA DE SEMPRE | LUCES

Entre a novela negra e a Xeración Nós

A reflexión sobre a paisaxe atravesa todos os xéneros literarios

Con 34 anos, Ramón Otero Pedrayo publicou, na revista Nós, o texto Encol da aldeia. Amais de estabelecer os alicerces do ensaio literario en galego, o polígrafo ourensán comezaba unha delongada labor de reflexión sobre as formas da paisaxe galega. Era 1922 e o pensamento oteriano declaraba: "Sobre isto da paisaxe de Galicia dinse moitas cousas, ou falsas ou tan vagas e pouco xustas que convén poñela no seu verdadeiro carácter. Dise por un lado: paisaxe saudosa, doce, mimosa, verdecente, moi propicia para o doce soño, algo oriental e preguizosa. Está ben, mais non é toda a verdade".

Oitenta e cinco anos logo, aqueles autores que paran a matinar arredor da contorna física galega teñen antes que desmontar tópicos, lugares comúns, imaxes impostas. Por caso, o psiquiatra Santiago Lamas escribiu no seu libro de 2005, Galicia borrosa -Ediciós do Castro-, sobre a paisaxe atendendo ás incorporacións ecoloxistas no debate. As diferenzas cromáticas nas estacións do ano semellan esluídas na metade ocidental do país: eucaliptos e piñeiros de folla perenne cunha existencia que Otero Pedrayo xa rexistraba no seu escrito de 1922.

Antes de matinar arredor da paisaxe, cómpre desmontar lugares comúns
As mudanzas no territorio reflíctense a gran velocidade na literatura

A propia marcha da historia axudou a corrixir as tendencias ruralistas da ollada sobre Galiza. Malia a que a xeración do autor d'Os camiños da vida -Florentino Cuevillas, Vicente Risco ou Filgueira Valverde- teorizou a "enxebreza" e reclamou dignidade para as aldeas, adoito en artigos continxentes ou en textos non encadernados, a evolución sociolóxica do país deixou atrás conceptos gastados. Tania Galán Rodríguez vén de editar un traballo, de orixe académica, sobre "os primeiros signos de articulación do territorio cara ao proceso de xestación das cidades". De título Xénese do espazo urbano en Galiza, a nota da editorial Toxosoutos certifica "unha ollada de múltiples enfoques" sobre a cuestión.

A aplicación das ciencias sociais e a progresiva urbanización influíu determinantemente na consideración da paisaxe do país. Un antropólogo como Xerardo Pereiro argumenta, en Galegos de vila. Antropoloxía dun espazo rururbano, de Sotelo Blanco, que as vilas galegas non escapan á catalogación de urbanas. "A vila galega imita á cidade; na arquitectura, nos modos de vida, nos comportamentos", asegura.

Desta urbanización ás alancadas que caracterizou a segunda metade do século XX procede unha das problemáticas da paisaxe que máis reflexións provocou nos últimos anos: o denominado "feísmo". O volume colectivo Feísmo? Destruír un país, subtitulado A fin do territorio humanizado: un novo intracolonialismo, apareceu nas librarías despois dun encontro "interdisciplinar" celebrado en Ourense en 2004, o Foro do Feísmo. Antón Baamonde, Xosé Manuel Beiras, Teresa Táboas ou Chus Pato contribuíron a trazar respostas a preguntas como "que é realmente o feísmo?", "pódese rastrexar historicamente?" ou "é endémico ou inducido?". Publica Difusora das artes e das letras.

As transformacións do territorio reflíctense na literatura a unha velocidade aínda maior que na produción ensaística. Dende aquel movemento poético que, na década dos vinte e en coincidencia coas vangardas europeas, encabezase Luís Amado Carballo, o hilozoísmo -que animaba os elementos paisaxísticos e apúñalles características humanas-, até o actual deostamento do "ruralismo" por parte dalgúns narradores, a paisaxe cruzou diferentes etapas ao longo da historia literaria nacional.

Esta asociación entre literatura galega e ollada ruralista responde, porén, a unha construción que xa Rosalía de Castro desmentía nos seus poemas vilegos, compostelanos. Unha das pezas centrais da narrativa moderna, A esmorga de Eduardo Blanco Amor, funciona co espazo urbano de personaxe imprescindíbel.

Certos observadores do feito literario situaron na publicación de Crime en Compostela, a novela de 1984 de Carlos G. Reigosa que incorporou os códigos dun xénero tan metropolitano como a novela negra, os inicios da normalización da narrativa galega. Xa no século XXI. Diego Ameixeiras bastardiza o Ourense de Blanco Amor cos detectives de xínea estadounidense.

Tampouco a poesía contemporánea agacha a súa relación co marco xeográfico. Se Uxío Novoneyra e a serra do Courel resultaron case sinónimos nunha etapa da súa obra, Helena de Carlos vén de publicar o seu cuarto libro, de título Vigo. Anxo Angueira tamén fixo xirar Fóra do sagrado arredor da máis urbana das agrupacións de poboación da Galiza.

Por unha teoría 'oteriana'

En Sereno e grave gozo, a editorial Galaxia recolleu seis ensaios de Otero Pedrayo sobre a paisaxe, escritos entre 1922 e 1965. De Encol da aldeia a A aldea galega no seu decorrer histórico, Otero detense en toda a diversidade estética da Galiza non urbana. Coa frondosidade erudita habitual da súa prosa, a lenda di que o de Trasalba escribía sen corrixir unha folla tras outra, Pedrayo tamén para na dimensión que a fauna transmite ao marco físico do país.

"Os dous tipos ou formas, ceibes e casteños, dos animais son indispensables para a integración da nosa paisaxe", escribe. Para o patriarca da Xeración Nós, un estudo a fondo do "elemento animal da paisaxe" debería incluír "os métodos seguintes: por clases de animais ou por fondos de paisaxes, estudando o papel dos insectos, dos paxaros, das habenzas e dos peixes, ou procurando en cada fondo de chan, de veiga, de montaña, de bosque, mar ou costa os axentes animais predominantes".

Otero Pedrayo insinúa, ao longo de varios ensaios, unha sistematización teórica da paisaxe galega. As mariñas, as ribeiras -o equivalente para Otero dun val-, as bocarribeiras -o lugar de transición entre a montaña e a ribeira, onde estaba situado o pazo de Trasalba- e a montaña son, para Otero Pedrayo, os definidores do horizonte físico do territorio galego.

No texto titulado Sete paisaxes galegos e mais os alicerces d'unha teoría, Otero, logo de repasar A Mahía, O Carballiño ou Muxía, conclúe: "A paisaxe estase facendo, segue o xogo dos mesmos factores, mais, aínda no tempo histórico, aínda nos mesmos lindes do curto vivir humano, se producen variacións".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_