_
_
_
_
Reportaje:TERRA DE SEMPRE

A mirada magnética

O milleiro de topónimos amosa a riqueza de lugares de Galiza

A pintura da paisaxe nace en Oriente da man de calígrafos zen que optaron por unha vida retirada. Arredados da sociedade, aqueles pintores-poetas entregáronse á contemplación da natureza na procura de acougo. Agroma daquela unha primeira mirada de interacción entre mente e mundo. A natureza como un imán sensorial que vai atraer a mirada. Como facía Novoneyra no Courel. A mirada estabelece unha ponte co universo. Unha busca emocional. Ollar é un contacto a distancia. Nos catro trazos dun haiku visual está o corazón da paisaxe. Cara a apreixar de xeito sutil o ritmo da natureza: o seu latexo interior. Tamén a pulsión do baleiro. Durante anos os calígrafos transportaron ese segredo: de xeración en xeración.

Unha paisaxe é un agregado sensorial: que pasa a habitar na mente

A paisaxe chega a Occidente máis tarde: pasaron séculos deica reparar no milagre do contorno exterior. A configuración da paisaxe xorde de pintores como Patinir: atentos ao latexo metafísico. Azul da distancia. Azul-lonxe. Peneirar a atmósfera. O misterio na recreación do contorno natural. A mirada romántica é a que logo vai facer a redescuberta, deica configurar na poética do sublime unha identificación senlleira coa natureza. Fixeron da paisaxe un Absoluto. Esa mirada intensa (chea de paixón) vai dar froitos en Galiza.Toda a Xeración Nós está baixo o feitizo desa ollada magnética: que le no libro da natureza deica construír un mundo de sentido. Esa imaxe poderosa chega case intacta até nós. A propia intrahistoria das orixes nace daquela. Nas esculcas arqueolóxicas podemos ver a abstracción de cosmogonías primitivas gravadas na pedra. Os baixorrelevos dos petroglifos: o ritmo solar, as ondas, os animais. A integración do ser humano co lugar

Todo o espazo vai ficar habitado polo miúdo. A riqueza de lugares en Galiza é única no mundo. Milleiros de topónimos. Cada recuncho fica acariñado pola man do home e os deuses do lugar. Seguindo o rastro dun animismo primordial. A senda dun panteísmo inconsciente. A estética do sublime propicia un reencantamento da natureza; o pacto coa orixe (nun adestramento da mirada). Na arte e na literatura hai moitos exemplos desa identificación: as paisaxes da alma. A sensibilidade nórdica fixo da análise da atmosfera húmida e da nubosidade variábel un programa estético: dende Villamil a Colmeiro, Souto, Urbano Lugrís, Grandío, ou as propostas da moderna abstracción.

Otero Pedrayo falou sempre dunha "terra fondamente humanizada". A xeografía nórdica ten unhas características de seu, que propiciaron ese vencello de raíz coa terra. Simbiose home-terra (a mestura home-humus da que se ten falado). Acontece noutro pobos de Europa (cunha pronunciada sensibilidade intimista). A exuberancia da vexetación expresa esa atracción. A policromía infinda de verdes que recobre o territorio. O estalo do outono: onde o vermello deposita o contraste complementario (daquela a natureza vibra). Todos levamos unha carta de cor tatuada na retina. O neno rexistra o abraio cromático dun mundo que renace cada xornada. O arco da vella é un pacto multicor despois da chuvia. A cor intensa nos lameiros. Unha paisaxe é un agregado sensorial: que pasa a habitar na mente. Transportamos unha determinada paisaxe. Somos paisaxe.

A paisaxe é o sentimento da mirada. A mirada-duración vai configurar o relato da paisaxe: creando un conxunto. Un tecido de relacións, nunha urda vital. Complementariedade activa no entrelazo dos sentidos. Experiencia sensorial e memoria do aberto. A sensación de plenitude na contemplación. A incríbel gama de cores rechamantes nun cativo paxaro. A textura da pedra. O relevo da árbore. As follas amarelas. A luz e o solpor. O misterio do luar. Dicir: veiga, xesta, orballo. O idioma e a natureza respiran ao tempo. As carballeiras, os soutos, as fragas, o recendo da frouma. As pólas das árbores trazan unha escrita no ceo: un labirinto a descifrar. A chuvia é un soño líquido. Auga oblícua que peta na pedra. Auga virada en néboa. A neve, nos altos cumes do poeta ou a "sinfonía atlántica" da que falaba Cunqueiro: o son do vento e o balbordo do mar entremesturados (dende a atalaia de pedra).

O océano é un escultor insomne. Praias de ensoño, illas atlánticas. A mirada oceánica vai na procura do infinito. Un paraíso que recibe a visita cíclica da desfeita: as riadas da erosión, os petroleiros do loito, o lume que calcina. Os catro elementos da cosmogonía primeira seica tolearon. Nietzsche ten unha frase atinada e corrosiva: "O home é unha enfermidade no planeta Terra". Unha fenda no equilibrio natural. O debate da sostibilidade. O cambio do clima. A loita pola biodiversidade. A paisaxe pode ser tamén a crónica dunha perda. A paisaxe borrada. O rexistro dunha expropiación: na privatización da mirada. A ameaza das piscifactorías. A metástase das urbanizacións sen control. As canteiras a furar nas montañas. As nubes negras sobre a paisaxe.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_