_
_
_
_
Reportaje:TERRA DE SEMPRE | LUCES

A paisaxe fai cultura

A terra e o lamento pola súa destrución aíndan marcan hoxe a literatura e a arte

A Casanova, A Costa, A Eirexe, A Igrexa, A Pedreira, A Pena, A Ponte, A Torre, A Veiga, O Campo, O Carballal, O Casal, O Castro, O Coto, O Cruceiro, O Outeiro, O Pazo, O Piñeiro, O Souto, O Vilar, Outeiro, Pazos, Piñeiro, Vilanova, Vilar, Vilariño. Estes son, entre os 37.000 topónimos de Galicia que recolle o nomenclátor 2006 do Instituto Nacional de Estadística (INE), os que se repiten como mínimo 75 veces. Nestes máis frecuentes, e polo tanto suponse que no resto, prevalecen os nomes de lugares relacionados co entorno natural. O feito de denominala e usala como referencia preferente é unha proba de que a paisaxe constitúe unha creación humana en igual medida ca cidade, e igual de cambiante, contra o que poda parecer mirándoo desde o punto de vista urbanita. E un producto cultural relativamente recente, posto que é a visión estética do que antes era o espazo físico, sen máis.

"O ruralismo como gardador de esencias é un tópico pouco axeitado"
O ser humano nunca interviu de forma tan rápida e radical no entorno
"Hai 80 anos, O Courel era moi distinto, unha paraxe cultivada"
"Algúns veñen rodar aquí porque hai mar, monte e xente pintoresca"

A exaltación da natureza, a conversión do que era un simple escenario no que pasaban as cousas nun elemento protagónico da creación artística, veu da man do romanticismo, exactamente igual que as reivindicacións nacionais. En toda Europa, pero aquí, cunha cultura erguida sobre a reivindicación, acaeu especialmente esa maridaxe. Ata o himno é un diálogo retórico no que as árbores asumen o papel de alma do pobo.

O fidalgo cosmopolita Ramón Otero Pedrayo fíxose nacionalista ó descubrir o rostro do país no mapa de Domingo Fontán. A maiores, en Galicia, as características da paisaxe funcionaban como claro elemento diferenciador e con forte compoñente afectiva, fronte á xeografía mesetaria. A Xeración Nós e despois a xente do grupo Galaxia entenderon a paisaxe como un dos elementos fundamentais do carácter galego. Desde entón, o binomio paisaxe -rural- e literatura é un dos tópicos máis consolidados por aquí.

"Para unha sociedade culta e civilizada, a paisaxe ten un valor axial. Quizais porque a sociedade en gran parte urbana non pode romper o vencello afectivo e vivencial. A súa perda sería deixar aínda máis o camiño libre ós depredadores. Poetas como Seamus Heaney ou Ted Hughes, ou aquí Uxío Novoneyra, teñen unha obra marcada decisivamente pola paisaxe. O que é certo é que non está de moda, o que non é un signo cultural positivo", concede o poeta e tamén crítico de arte Xavier Seoane.

"A visión do ruralismo como gardador de esencias é un lugar común que non retrata axeitadamente a literatura galega", desmonta o binomio Carlos Lema, director de edicións da Editorial Galaxia. "Habería que falar de literatura costumista ou non costumista, e isto afecta tanto á literatura de ambiente urbano como á de ambiente rural: William Faulkner é rural mais non é costumista. Creo que en galego se fixo, e aínda se está a facer, moita literatura costumista urbana precisamente por querer fuxir do medio rural e por entender que todo o que era urbano era positivo".

Lema recoñece que a paisaxe é un elemento necesario para a reflexión sobre a cultura e o país galego, "por iso se fala tanto do chamado feísmo arquitectónico, cando, en realidade, do que se está a falar é da paisaxe. De ahí que se utilizase a herba como elemento simbólico diferenciador no stand de Galicia na recente Feira do Libro de Francfort". O responsable de Galaxia suliña a importancia que ten o pensamento sobre a paisaxe non só nos tempos da Xeración Nós senón en autores de hoxe en día como Anxo Rei Ballesteros ou a novísima Rebeca Baceiredo na súa obra O suxeito posmoderno.

Outra cousa é a literatura actual. "Nos orixinais que chegan a Galaxia e nas tendencias do mercado, cómpre salientar que a paisaxe (rural ou urbana) se utiliza como recurso narrativo que fornece verosemellanza á ficción, mais, por desgraza, apenas existe unha reflexión seria sobre a paisaxe, nin urbana nin rural", laméntase Lema. "Tampouco se pode destacar un número considerable de textos literarios que prescindan da verosemellanza e traballen a paisaxe como elemento autónomo do texto a través do cal provocar unha lectura non sometida ós controis discursivos habituais. Entre os lectores e críticos hai unha obsesión pola verosemellanza e un esquecemento de que a novela tamén é ficción, fabulación".

A paisaxe é unha creación do home. Os soutos, os bosques de castiñeiros co chan alfombrado de follas, candea e ourizos serían unha selva impenetrable de toxos, silvas e fentos se o home non favorecese unhas especies, eliminando outras. Pero o ser humano nunca interviu de forma tan rápida e radical no entorno, e tampouco nunca houbo tanto debate cultural sobre ese proceso. "Hai unha certa nostalxia mal entendida, un intento de recuperar algo que nunca houbo, porque a paisaxe está sempre cambiando", apunta o arquitecto Pablo Gallego, que nestes momentos está a facer un remake do documental Un viaje por Galicia, rodado en 1929, gravando os mesmos lugares.

"Está feito o 80% e deime conta de que paisaxes que consideramos idílicas hoxe, como O Courel, eran daquela paraxes completamente distintas, cultivadas e domesticadas. Ou que esa arquitectura de pedra vista, hai case un século, estaba practicamente toda recebada", sinala Pablo Gallego, que hai dez anos puxo en marcha A aldea terremota, un proxecto que partiu en 1997 dun conto do escritor e músico Xurxo Souto, concretouse nun traballo fotográfico e derivou finalmente en obra de teatro que aínda se representa.

"Esa visión idílica pode incluso ser aproveitada como estratexia por constructoras, nese estilo !viva usted en uno de los últimos parajes vírgenes! Ó II Foro do Feísmo en Ourense viñeron uns arquitectos novos israelís que definían Palestina como a cidade arquipiélago, atomizada. Aquí o eucalipto provocou o mesmo, unha paisaxe illada, sen elementos relacionados entre si. O problema é estudar a paisaxe que temos hoxe, e se entendemos o que está a pasar, podemos ver que se pode facer", engade Gallego, quen lembra tamén que nese mesmo encontro algún arquitecto portugués definiu a paisaxe de Galicia como "transxénica".

Noutro traballo, Galicia XYZ, Gallego desenvolveu unha aplicación informática que producía paisaxes autonomamente en base a iconas como bloques de eucaliptos, liñas de alta tensión ou casas de forxados.

Se hai unha arte que de momento non se cuestiona debate ningún sobre a paisaxe, polo menos nos seus produtos máis comerciais, é o audiovisual en xeral e o cine en concreto. "En Galicia e París deixas caer unha cámara e xa vale o que encadra" dixo hai pouco José Luis Cuerda. "Independentemente de que Cuerda está labrándose unha boa xubilación en provincias, a frase é reveladora do feito de que algúns directores veñen rodar aquí porque hai mar, monte e xente pintoresca, e porque comen ben e hai subvencións, iso tamén axuda", comenta acedamente o crítico cinematográfico Martin Pawley, que apunta como resumo os versos finais dun poema do chileno Nicanor Parra: "Creemos ser país / y la verdad es que somos apenas paisaje".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_