Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
GROUCHOS | LUCES

A publicidade, o galego e a 'revolución' da retranca

A mellor proba de futuro, de supervivencia, está a experimentala a lingua galega coa publicidade. Tiñamos a idea tópica de que o que o galego necesitaba era publicidade e agora descubrimos que era a publicidade a que precisaba do galego.

O galego sempre saíu por onde menos se esperaba. Esa foi decote a miña esperanza, a razón da preferencia pola loia fronte o laio. Hai unha nova vangarda lingüística, mais non está fechada nas catacumbas nin nos reductos puristas senón que agroma no balbordo popular da festa e a hiper-feira.

Véndese mellor en galego. Esa é a noticia. Mais non de calquera xeito. Que é o que está a cambiar? As empresas? A xente? As varas de medir da publicidade? Todo un pouco. Mais eu coido que hai un segredo nesta historia da renovación publicitaria galega. A aparición da Cousa.

Por que funciona o galego en anuncios como os de R, Telefónica ou Gadis?

Tiña razón López- Suevos. Galicia enteira é simbiótica. Hoxe diríamos que transversal

QUE É A COUSA?

Hai un motivo da arte parietal, pintado ou gravado, que aparece no dolmen de Dombate. É unha figura senlleira, con moito engado e significado inexplicábel. Enigmática. Con graza. Hai quen di que é unha cunca. Quen ve un peixe. Quen coida que é unha criatura do espazo. Unha especie de anxo. Os arqueólogos non se puxeron de acordo. Foi Shee Twohig, que traballou en Dombate no 1973, e a que incluíu os gravados no seu tratado sobre a arte megalítica occidental, quen lle puxo un nome que fixo fortuna. Chámase a Cousa.

Para min que a Cousa era unha especie de marca anímica, na antiga escrita da pedra. Segundo a posición da Cousa, o que seguía debía entenderse dunha maneira ou doutra.

A Cousa era a retranca. A apertura de sentido. A indirecta. A sutileza. O ideograma de "depende".

Se se perde a Cousa, perdémolo todo.

Logo hai outro factor nesta exitosa metamorfose da publicidade cara ao galego. Unha ollada desacomplexada do que a sociedade é. Galicia é unha suma de castros, unha confederación de bisbarras, con moita diversidade en todos os sentidos, mais onde cada persoa ten a súa cousiña.

Aquí houbo moito chiste, moito listo a escornear, cando Ramón López-Suevos propagou a singularidade do proletariado simbiótico. Nos mitins clandestinos, o profesor adoitaba ir acompañado do obreiro Paco Lores, un auténtico power point de carne e óso. Como o nacionalismo era unha cousa de pequeno-burguese para a esquerda estatal, a aparición daquel obreiro rexo da Unión do Povo Galego, do naval de Vigo, de falar calmo e proporcións hercúleas, que se definía como sindicalista e antiimperialista galego sen perder o sorriso, foi unha das máis efectivas operacións publicitarias desenvolvidas no antifranquismo en Galicia. Lores era unha personaxe mitolóxica.

A competencia dicía que só había un, e que era o mesmo en todas partes. A Cousa, en humano. Non había proletariado simbiótico, senón Paco Lores. Agora sabemos que non. Había algún máis, aínda que eu cando vou polo Toural en Santiago e vexo a Atlas sempre me lembro do gran Lores que era quen de levar con retranca unha nación ao lombo. O caso é que tiña razón López-Suevos. Galicia enteira é simbiótica. Hoxe diríamos, dispensando, que Galicia é transversal. Hai cotos e coutos, mais é Transversal.

A publicidade, para funcionar, ten que atopar a Cousa. A chave que abra o cadeado dun espazo simbólico común. Un espazo onde atoparmonos. Onde estar a gusto. Por que está a funcionar a lingua galega en anuncios como os de R, Telefónica, Gadis ou as caixas? Por que chama a atención de todos, galego-falantes ou non? Porque na cerna da lingua é onde mellor sobrevive a Cousa.

Unha das máis interesantes experiencias xornalísticas da miña vida foi cando, para unha enquisa pública, acometín co micrófono a unha muller pola rúa e ela respondeu á miña pregunta indiscreta deste xeito: "Ai, non lle sei nada diso que me pregunta! Eu só viñen aquí mercar uns zapatos".

ELA TIÑA A COUSA. E EU, NAS BERZAS

Estabamos preocupados polo lleismo, pola perda fonética e polo infinitivo conxugado. Iso está ben. O cultivo enxebre, ecolóxico, da lingua fronte a uniformización é unha esixencia permanente nos que a teñen por ferramenta profesional. Máis preocupados estabamos, estamos, pola perda de falantes. E aínda máis polo afastamento pasivo dunha grande parte da mocidade, que non ten antipatía, mais tampouco sente a sedución. "Non follei moito co pasado / prefiro follar co futuro", canta Patti Smith e lembra Xoán Abeleira. A follar co futuro vén Kiko Dasilva e unha destemida tribu moza que van lanzar axiña unha nova revista de viñetas e humor: A retranca. Ou sexa, a estirpe da Cousa.

Dáse o caso de xente que traballa arreo pola lingua galega, que mesmo fixo desa causa unha razón de ser. Parabéns e loanzas. Mais a tarefa é a de como follar, como facer o amor co futuro. E velaí temos, para afinar, a Cousa.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 19 de octubre de 2007