"A movida de verdade é agora"
Falcatruada edita en vinilo e cedé 'Tres', primeiro longo dos composteláns The Homens
"Cando nas entrevistas nos preguntan por que cantamos en galego, iso é que o pop en galego moi normalizado non debe estar", ironiza Martin Wu, "apelido de Ceilán, concello da Baña", guitarra e voz de The Homens. Wu, Roi Fernández (baixo) e Xocas López (batería), o trío compostelán de power pop e niques de raias, estrea disco o vindeiro 15 de outubro. Os 11 temas novos "de amor e desamor, ciclismo ou política persoal" foron gravados no verán en Ultramarinos Costa Brava, o estudio de Santiago García (No More Lies) en Sant Feliu de Guíxols, parada habitual de bandas como Delorean, Nueva Vulcano ou Charades.
A etiqueta power pop non lles acae mal como "música enerxética cantada", di Wu. "Non somos fanáticos, se nos riscaron co do power pop ou nos riscamos nós foi algo casual", afirma. Con diferentes tradicións de partida (Wu tocou en Fame Neghra e nos Pollegros, como Xocas, mentres Roi formaba en Stay Pretty), que abranguen desde a nova onda de finais dos 70 ao post-punk de agora mesmo, todos coinciden no fío que une punk e hardcore. "É unha filosofía", di Xocas, "que pasa polo control absoluto do que gravamos e editamos".
"Abondaría con que o galego no pop deixase de ser algo exótico", di Xocas López
A boa visibilidade do grupo no contexto actual, nun país máis dado a producir folk, non agocha o "camiño do deserto" dos 90, que ben poderían simbolizar bandas como Fame Neghra ou Dirty Barriguitas. "Daquela para conseguir a maqueta dun grupo había que tirar de correo postal e fanzine... Aquilo si que era militancia pura e dura". Que aquel punk galego fose invisible e heroico na época é froito, para Martin Wu, "da nosa situación histórica".
Que agora o pop galego, en calquera idioma, sexa froita da época débese, segundo di, "ao seguinte paso nese agromar cultural, que estamos dando agora, cando en Cataluña ou Euscadi o empezaron a facer nos 80". "Aquí aínda nos estamos industrializando", sinala o cantante de The Homens, "a movida de verdade é agora". Neste punto, experiencias como a Rede Galega de Música ao Vivo parécenlles "valiosas, sobre todo partindo da nada".
"Que a cultura galega se dote dun tecido industrial é básico", di tamén López, a quen lle abondaría con que o pop en galego "deixase de ser algo exótico". As cousas por facer na Galiza post-Fraga seguen dando que falar: "Antes aquí a cultura era un rollo mussoliniano, nada fóra do Estado, mentres o que permanecía á marxe era militancia", expón Wu. "Agora trátase de normalizar as cousas, dándolle máis protagonismo á sociedade civil. Que nos importa a nós un Teatro da Ópera na Cidade da Cultura se non hai salas de concertos en condicións?".
Projecto Mourente, Fanny & Alexander, Loretta Martin, Noise Project ou Samesugas, á parte das bandas resistentes do bravú, utilizan o galego nas súas composicións. Nunca houbo tanto fóra do mundo folk. Mais quizais en The Homens, á parte do galego, escintila tamén unha actitude escénica que está no disco duro da música anglosaxona. "Todo se resume no momento físico e mental de antes de tocar", resume Wu. "A xente divírtese porque nós tamén o facemos".
A edición que prepara Falcatruada, unha versión con vinilo, cedé-audio e mp3 e outra con cedé-audio en formato normal e mp3, non é a única. Nove dos temas de Tres hanse poder descargar directamente da páxina do grupo, na súa homenaxe particular á Sociedad General de Autores. Despois da presentación da Sala Nasa, o día 2 de novembro, The Homens actuarán (día 8) na festa da Universidade Autónoma de Barcelona que organiza o lectorado de galego. En decembro tocarán en Vigo (día 1, La Fábrica de Chocolate), Ferrol (15, Run Run) e 21 (A Coruña, espazo por confirmar).
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.