_
_
_
_
Reportaje:LUCES

A literatura que escapa do papel

Numerosos escritores galegos exploran outros soportes para a creación literaria

"A literatura ten máis vida que o libro; o que importa é a lectura, o libro unicamente é un obxecto". A tese, que pertence a Camilo Franco, pode ser o fío que une as experiencias de numerosos escritores galegos con soportes diferentes do papel. O vídeo dixital, a experimentación acústica, a rede, a performance, o acompañamento instrumental, a música electrónica, constitúen algunhas das ferramentas que se moven adoito na periferia da paisaxe literaria galega.

Camilo Franco armou, durante os primeiros meses deste ano, a exposición Palabras contadas na fundación Luís Seoane da Coruña. Baseada no volume de relatos do mesmo título, Palabras contadas propuña unha reflexión sobre o acto da lectura. "Aínda que o libro desaparece", explica Franco, "o acto de lectura permanece". "Quixen levar a lectura, o acto cultural máis importante de Occidente, a espazos non convencionais", sinala.

"Tardei varios recitais en decatarme do aburrido dos recitais", di a poeta Lucía Aldao
Antón Lopo foi un dos escritores pioneiros nos contactos conscientes coa 'performance'
Más información
O verso en acción de Rompente

A presentación do libro que orixinou a mostra de Franco tamén excedía as canles convencionais. "Pero eu non fago performance, que quede claro; eu fago entroido". O autor de Por conto alleo contactaba o público coa escolta do guitarrista Magín Blanco: "Busco un espazo ao que atraer o lector e convivir con el". Franco, que calcula nunhas 1.000 persoas os asistentes ás máis de 30 presentacións de Palabras contadas, advirte de que "entre a cultura galega e o público galego existe unha fenda; o asunto é tratar de reducila".

Manuel Rivas ou Xosé Carlos Caneiro ensaiaron igualmente a posta de longo das súas obras literarias amparados por músicos máis ou menos clásicos. Non é o caso de Mario Regueira, que, na pasada feira do libro da Coruña, deixou pampos a propios e a estraños cando O Leo i Arremecághona cantou Bilingüismo harmónico na presentación da súa novela L'affiche rouge. Santiago Jaureguizar, defensor irredento de rematar coas mesas de "editor, escritor e amigo que fala ben da obra" paseou bares a finais da década anterior no proxecto Elviscristo Furious Machine, narración e música electrónica.

A poeta coruñesa Lucía Aldao tamén circula nas marxes do pop. Inédita por vocación -unicamente publicou nun libro de artista-, Aldao vén de ser seleccionada para un festival grazas a unha versión de She's lost control, de Joy Division, xunta Diego Delgado. "Non sei moi ben cando comecei a probar estratexias diferentes nos recitais de poesía", lembra, "é dicir, tardei uns cantos recitais en decatarme de que non me gustaban os recitais".

Lucía Aldao armou, canda María Lado, a acción Onde estea un cubata que se quite un soneto. "Tentamos mudar o recital nunha festa, e por iso levamos bebida, música electrónica; no medio dicimos os nosos poemas que, por certo, algúns non son nada divertidos". Tamén con Lado e máis Pepa Yáñez argallaron o espectáculo Poeta de merda. "Queriamos gozar co que faciamos e dar a oportunidade á xente de ver algo diferente, non mellor, senón diferente", remata. A Lucía Aldao interésalle a "intención de cercanía" do grupo de poetas novas de Córdoba. "Elena Medel ou Alejandra Vanessa son do pouco que me gusta do que está a facer fóra de Galicia", confesa.

Estíbaliz Espinosa gañou o premio Esquío de poesía con Pan. Libro de ler e desler hai oito anos. Publicou logo -oramá e número e, todos en formato libro e con distribución regular. En 2005 incluíu un audiopoema nun cedé editado polo Instituto Cervantes de Nova York e de nome Jardín de versos. "Os outros poetas que participaron limitáronse a gravar a súa voz", relata Espinosa, "eu incluín fondo sonoro". A poeta, de sempre interesada no mundo acústico, comezou a tentear o territorio. "Se digo a verdade, a tecnoloxía foi a culpábel de que eu me interesase pola creación de atmósferas sonoras para os meus poemas. Mercas aparellos e, por curiosidade, fedellas neles". Na actualidade, Estíbaliz Espinosa constrúe podcast, arquivos de audio que pendura en Internet sobre a base dos seus propios textos. "Gañei un concurso en Tarragona para podcast poético musicais; o texto era de Baudelaire", conta. Espinosa, que recoñece unha débeda con Joan Brossa á hora de exceder o soporte literario de celulosa, prepara agora arquivos con textos propios e doutros poetas galegos, como Avilés de Taramancos ou Luísa Villalta.

A actividade escrita de Antón Lopo abrangue practicamente a totalidade dos xéneros. Poeta, novelista, dramaturgo ou xornalista, Lopo iniciou os seus contactos conscientes coa performance antes que case ningún outro autor galego. "A prehistoria da miña vocación performática quizais se atope nas bandas de rock das que formei parte entre 1983 e 1988, Miserables e Cuadros", rememora, "pero non é até O outro extremo do paraíso, que fixen con Ana Romaní sobre o meu libro Om, que me afasto do papel". Lopo e Romaní reincidiron con Lob*s, a partir dos seus respectivos poemarios Pronomes e Arden e coa creación do Laboratorio de Indagacións Poéticas. "Pero é con Prestidixitador cando xa non existe o libro; eses poemas só existen na memoria". Antón Lopo considera "a pegada en expansión de Yves Klein", os obradoiros coa bosnia Marina Abramovic ou a Uxío Novoneyra e Carlos Oroza "fundamentais" á hora da súa opción pola performance.

Para Lucía Aldao, "a cousa en Galicia ten que se centrar". "Somos moitos os que andamos probando e explorando", asegura. Yolanda Castaño estreara hai tres tempadas O vídeo da egoísta, logo de publicar o libro de ídem. Os irmáns Creus, Estevo e David, acaban de crear Non ou edicións, que inauguraron hai escasos meses coa publicación de Merzbau non ou posible? "Un proxecto alternativo de edición de experiencias", autodefínense. As propostas evolúen a gran velocidade. Antón Reixa, dos pioneiros Rompente, ilústrao: "Non coñeciamos a palabra performance e falabamos de recital poético audiovisual".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_