Industrias Culturais
Circula xa entre os axentes culturais o borrador dunha lei pola cal a Consellería de Cultura vai crear unha Axencia que englobará as accións de carácter cultural (teatro, música, danza, audiovisual e edición literaria). A novidade non é o formato de axencia que substituirá o vello IGAEM, senón o feito de que esa nova axencia será sostida e xestionada desde os orzamentos de Cultura, Industria e Economía e, eu engadiría, na propia oficialización do concepto de "industrias culturais", porque así se apelidará a axencia: Axencia Galega de Industrias Culturais.
Tradicionalmente, facer cultura en Galicia viña asociado a unha idea bohemia de voluntarismo, filantropía e mesmo certo mesianismo. Non sei cómo será asumida esta nova etapa por cada sector da actividade cultural, aínda que na música, no audiovisual e no editorial algo se ten xa avanzado. O que si sei é que esa consideración de industrias culturais e esa tranversalidade administrativa son vitais e decisivas para que a cultura galega recupere o tren da historia.
Aos artistas non nos gusta falar nin pensar no mercado, pero si debemos ser responsables da conquista do público porque a cidadanía é o destinatario natural da nosa actividade.
E o que todos e todas necesitanos é conquistar un ocio creativo e que a cultura propia non sexa simplemente parte da liturxia administrativa e do ensino obrigatorio. Por iso, a industria cultural ocupa un lugar importante no produto interior bruto dos países modernos. Sómolo nós?