Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:LUCES

O libro pide auxilio

Editores e vendedores presentan un estudo para denunciar o seu "risco de afundimento"

Editores, distribuidores e libreiros xuntáronse onte en Santiago para lanzar un SOS: o sector do libro en galego atópase en "risco dunha situación de afundimento total". Os voceiros deses colectivos baséanse nun estudo encargado a un equipo da Universidade de Santiago sobre as consecuencias dunha das primeiras medidas tomadas polo Goberno bipartito da Xunta nada máis chegar ao poder, a gratuidade dos libros de texto escolares. O sector editorial esixe un cambio de sistema para permitir que se renoven cada curso os textos do ensino, e non cada catro, como estableceu a Consellería de Educación.

Á convocatoria da Asociación Galega de Editores (AGE), os distribuidores e a Federación de Libreiros sumouse tamén o presidente dos editores de libros de ensino de España, José Moyano, que acudiu a Santiago a mostrar o seu apoio ás demandas do sector en Galicia. O motivo era a presentación dun estudo encargado ó equipo PsiCom, unha unidade de análise sobre o comportamento dos consumidores e usuarios creada por profesores da Facultade de Psicoloxía de Santiago. O informe ofrece resultados "sorpresivos para o propio sector", segundo confesou o presidente da AGE, Alfonso Sanmartín. "A situación é moito máis grave do que nós mesmos tiñamos conciencia", asegurou Sanmartín.

"O mercado editorial en lingua galega chegou a un estado límite de precariedade"

Os datos collidos do curso 2006-2007 son perturbadores. O idioma galego é a lingua oficial española na que menos material educativo se edita tanto en termos relativos como absolutos, por debaixo mesmo do valenciano. Ainda que Galicia ten o 5,2% da poboación do Estado, só o 3,9% dos libros de ESO que se editan en España están escritos en galego. Cataluña, co 17,4% do total da poboación española, suma no seu idioma o 25,7% dos textos escolares españois. En euskera, unha lingua máis minoritaria e cunha comunidade autónoma que ten menos do 4% dos habitantes de todo o Estado, publícanse o 6,6% do total de títulos para ESO.

Dende que entrou en vigor a gratuidade dos libros de texto, co apoio incondicional das asociacións de pais de alumnos, a caída das vendas supera o 25%, cifra que se dispara ata o 36% en primaria. Os datos adquiren maior dimensión tendo en conta que o 40% das vendas de libros en galego son textos escolares, fronte ao 15% de títulos literarios, segundo Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia. A situación é aínda peor para as librarías. "Fóra das cidades, os libros de texto supoñen un mínimo do 50% das vendas de cada establecemento", sinalou Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros de Galicia.

A crise ten un efecto dominó no conxunto do mundo ditorial en galego. Segundo o informe de PsiCom, se en 2000 o 94,6% dos libros publicados polas empresas integradas na AGE foron en galego, seis anos despois a cifra caeu ata o 15,8%. Con esa ristra de datos na man, o coordenador do estudo, o profesor Eduardo Picón, sentenciou: "O mercado editorial en lingua galega chegou a un estado límite de precariedade".

En setembro de 2005, un mes despois da toma de posesión do bipartito, a Consellería de Educación publicou o decreto para distribuir textos escolares de balde a todos os alumnos. O departamento que dirixe a socialista Laura Sánchez Piñón optou polo modelo chamado de préstamo: os centros educativos mercan os textos para repartir entre todos os rapaces e só os renovan cada catro anos. O sector editorial propón que o obxectivo da gratuidade se acade mediante outro método, aplicado en comunidades como Asturias ou Cantabria, que entregan directamente aos pais o importe dos libros de cada curso. O Goberno galego rexeita o sistema esgrimindo razóns presupostarias. Os autores do estudo rebáteno: segundo eles, o vindeiro ano a Xunta gastará 102 euros por alumno para subvencionar os libros, só dous euros menos que Asturias.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 25 de mayo de 2007