_
_
_
_
Entrevista:XOSÉ NEIRA VILAS | Escritor | LUCES

"Quixen rematar coa teima de idealizar a aldea, que tamén é espazo de drama"

En tempos nos que o marketing editorial non era cousa do libro galego, Xosé Neira Vilas conseguiu escribir na mesa dun bar bonaerense unha novela que gañou o corazón da xente. De Memorias dun neno labrego dixo un editor que era un long seller, e o certo é que desde o lonxano 1961 xa vendeu 25 edicións e coñece versións e grandes tiradas en moitos idiomas do mundo. A película sobre esta obra non dá chegado, pero xa conta cun guión e o propósito do director-produtor, Ismael González, de comezar a filmala de contado. Con todo, a obra de Neira Vilas (78 anos) non remata nesta novela, nin nas súas abondosas historias sobre a emigración galega da que é o seu cronista máis constante. Nas contas da súa bibliografía brilla especialmente a lección de xornalismo reporteiro do seu Galegos no Golfo de México

"O primeiro lector da novela foi un camareiro ourensá de Bos Aires que me vía todos os días escribir ao saír do meu traballo nunha empresa"
"Son e non son Balbino [ o protagonista de 'Memorias dun neno labrego']. Na anécdota non o son, pero sí o ámbito social e xeográfico"
"Marchei a América por razóns económicas e tamén culturais. Funme en 1949 a Arxentina coa idea de traballar de día e estudar de noite"

Pregunta: Sendo o libro de maior venta sostida durante os últimos 40 anos, ¿como contempla cos ollos de hoxe Memorias dun neno labrego?

Resposta: Haino en catalán, euskera, bable, español, cunha edición en Cuba de 70.000 exemplares. Está en portugués, en francés, en inglés. En alemán é o único do Estado español nunha selección rigorosa da mellor literatura universal publicada na antiga RDA pero que circulou por toda Alemaña antes da reunificación. En México adaptouse á lingua maia. O libro foi escrito na Arxentina en 1961 por primeira vez e empezou a publicarse aquí en Galicia no 1968. Podo entender doadamente o interese que esperta aquí, pero non sei por que é un libro tan querido fóra. Pregunteille ao prologuista da edición alemá, o profesor Klaus Bochmann, que podía interesar a un lector dunha sociedade desenvolvida, a vida dun rapaz no campo galego deprimido dos anos 40, e dicíame que era o feito de ser unha historia viva e testemuñal.

P. Escribiuna en Bos Aires.

R. O primeiro lector da novela foi un camareiro ourensá, que me vía todos os días escribir ao saír do traballo que eu tiña nunha empresa de madeiras. O segundo xa foi Rafael Dieste, que lle falou entusiasmado dela a Luís Seoane, quen se propuña editala aínda que ao final saíu na nosa editorial, Follas Novas, cunha cuberta preciosa de Seoane, o seu terceiro lector.

P. ¿Balbino [o rapaz protagonista de Memorias] é vostede mesmo de cativo?

R. Son e non son. Na anécdota non o son, porque nin os meus pais foron caseiros nin fuxín da casa nin lle rompín a crisma a un neno veciño. Pero son meus o ámbito social e xeográfico, a relación familiar cos pais, a vida escolar, o problema da relixión, o costumismo, o Entroido do Val do Ulla... todo iso é deliberadamente verificábel como algo meu, da miña contorna e da vida de Galicia nesa época. O resto é produto da imaxinación, e en todo caso é a suma de milleiros de rapaces labregos daquela época.

P. ¿Tiña un propósito evocador?

R. Era tamén un propósito denunciador. Escribino con 32 anos e xa levaba once emigrado na Arxentina. Fóime doado ubicarme dentro do rapaz porque supoñía regresar ao meu onte infantil cercano, pero tamén quería contar como vivía a xente das aldeas, porque non estaba reflectida nas obras que daquela se coñecían que, ou transcorrían en cidades e vilas, ou trataban a aldea dunha maneira falsa. Naquel retrato o campesiño era obxecto de burla e finalmente aparece como alguén que o pode pasar mal pero resulta un feliciano sen problemas. Quería contar como é esa vida de neno discriminado por pobre, por labrego e por rapaz. Despois redondeei ese retrato nun libro posterior, Xente no rodicio, onde procurei rematar con esa teima de idealizar a aldea como se non fose tamén un espazo de conflito e drama, tanto na loita pola subsistencia dunha natureza que non era aliada, como das dificultades de saír adiante no día a día do campesiño de minifundio. Máis adiante a Balbino quixen alivialo con Cartas a Lelo, tamén para rapaces pero xa nas facetas menos dramáticas.

P. A psicoloxía do rapaz é o centro de moitas das súas angueiras literarias. Ademais deses libros está Aqueles anos do Moncho, onde aparece o pano de fondo da resistencia guerrilleira.

R. Todos eles séguenos pondo nas escolas e, polas moitas veces que me reunín cos meus lectores, coido que deben tocarse mecanismos da psicoloxía dos máis novos que permanecen no tempo, independentemente das circunstancias vitais, tan diferentes ás do rural galego de hai 60 anos. Aínda dentro das carencias da época que retratei, o afán de facerse a un propio, de divertirse, de formar un grupo con afinidades... Todo iso traspasa o tempo e as circunstancias.

P. Máis da metade da súa vida transcorreu no medio de dúas das grandes urbes americanas, Bos Aires e A Habana, e ao escribir Memorias sabía ben cal era a nova vida urbana.

R. Cando me preguntan por que a miña literatura non é máis urbana digo que fixen unha escolla. Non me faltou experiencia porque aquelas son urbes de moitos millóns de habitantes, non as pequenas cidades galegas. O que quería era seguir denunciando a vida no rural porque a coñecía desde dentro. Teño moitos libros e esa outra experiencia urbana latexa en obras como Remuíño de sombras ou Tempo novo e máis recentemente Home de pau, no que satirizo os problemas medioambientais nas cidades.

P. O outro grande nervio da súa obra é o xornalismo, sobre todo pensando na emigración. Desde Galegos no Golfo de México, até o apunte breve para posterior desenvolvemento das múltiples entregas de Historias da emigración.

R. A maior parte dos 12 anos que botei na Arxentina e 31 en Cuba, o meu medio de gañarme vida foi investigar sobre a presenza e o labor dos galegos. Por iso na Habana creamos posibelmente o centro de documentación máis importante de América sobre a nosa emigración, no Instituto de Literatura e Lingüística, onde dirixín durante 22 anos a sección galega. Ademais de Arxentina e Cuba estudei indirectamente outros lugares, como México ou Uruguai, que son aqueles onde máis galegos foron dar. Teño publicado unha manchea de libros e este ano que se cumpren 100 do Himno Galego vivino con coñecemento directo do escenario onde se cantou por primeira vez, onde está a partitura que se utilizou naquel acto de 1907.

P. ¿Foi emigrante máis que exiliado?

R. Marchei por razóns económicas e tamén culturais. Aos 16 anos estaba traballando na oficina dun serradoiro, cun salario decente, pero quería seguir estudando e cando procurei traballo en cidades galegas non o atopei. Marchei coa idea de traballar de día e estudar de noite. Funme en 1949. Son parte daquela riada que marchou despois da II Guerra Mundial. Estudei unha chea de cousas e rematei Xornalismo. Ademais de todo iso na emigración descubro Galicia, e alí tiven mestres e amigos como Seoane, Suárez Picallo, Dieste, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela. Achegueime a eles tamén por coincidencia política, porque realmente non era facer cartos o meu obxectivo primeiro e con eles traballei nas editoriais, nas revistas, nas audicións radiais ....

P. ¿Por que marchou para a Habana?

R. A miña muller, Anisia Miranda, é cubana, coñecémonos en 1953. Cando a revolución, por ser fillo de galegos, Fidel Castro tiña moitas simpatías entre os emigrantes. Participabamos nas actividades dos exiliados cubanos en Bos Aires, sobre todo desde as mocidades galeguistas, e en 1961, coincidindo co intento de invasión de Bahía de Cochinos en abril, tentamos ir pero non puidemos chegar até xullo. Queriamos vivir aquela experiencia revolucionaria e incorporámonos con entusiasmo. Propuxéronme traballar en varios sitios e estiven primeiro nunha empresa industrial e anos despois pasei á revista Zunzún para nenos, que tamén fundara Anisia. Ofrecéronme dirixila e alí botei os seis últimos en Cuba. Tiraba 250.000 exemplares ao mes.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_