_
_
_
_
Reportaje:DESEÑOS DE FUTURO | LUCES

A mensaxería visual

Os deseñadores gráficos galegos exceden a escaseza de referentes históricos e comezan a se agrupar

Nun mundo entregado ao voraz consumo visual, as novas formas de deseño esténdense mesmo nun país con tan pouca tradición como Galicia. Lonxe xa dos primixenios iconos da industria conserveira, hoxe conviven os creadores máis institucionais con grupos que, saíndo do underground, logran facer un negocio da venda de camisetas.

Todo arrinca cos carteis dos barcos de emigrantes e os anuncios de conservas Dous 'pais da patria', Luís Seoane e Castelao, xa traballaron no deseño gráfico

A comunicación visual resume as tarefas do deseño visual. Para Pepe Barro, do Grupo Revisión, "o deseño gráfico consiste basicamente en artellar mensaxes visuais". As mensaxes visuais ás que se refire Barro abranguen a maquetación dun xornal, o cartón do leite, unha sinalización de aeroporto ou a portada de libros. Unha función comunicativa que, segundo a opinión maioritaria na profesión, prima sobre calquera outro risco atribuíbel ao deseño gráfico.

Nunha conferencia enmarcada nas actividades do DeseñaGZ, a exposición de deseño organizada este mes polo Concello de Pontevedra nas rúas do casco vello da cidade, Xosé María Torné afirmaba que "o deseño se debe converter nunha ferramenta de mercadotecnia, xa que o deseño é comunicativo, non unha obra de arte". Pepe Barro explica que o deseño gráfico trata, ao cabo, "de resolver problemas de comunicación visual". Con todo, Barro non nega a carga poética dos traballos de deseño. "Depende, a miúdo, da implicación do autor no traballo, pero eu, e os meus socios en Revisión", di Barro, "preferimos facer uso desa carga poética". Barro fala de que esa característica é a que fornece un deseño de "máis duración, máis maxia, que dá unha meirande satisfacción persoal e, amais, incide no resultado favorábel".

A responsábel do activo estudo Cebra, en Santiago de Compostela, Uqui Permui, asegura que a discusión sobre o "carácter artístico" do deseño gráfico vén de vello e que, sen embargo, "non se debería presentar así". "Dende a aparición da Bauhaus [a escola de deseño, arte e arquitectura que Walter Gropius fundou en 1919 na cidade de Weimar, en Alemaña] a oposición entre arte e deseño elimínase", continúa. A Uqui Permui interésalle a mestura e "non a pureza". "Aínda que poida ser case unha cuestión persoal, de forma de ser", insiste.

Detrás da idea de Deseña GZ atópase o xefe de prensa do Concello de Pontevedra, Antón Prieto. Prieto, que se define "non profesional do deseño, senón sinxelamente afeccionado", fala de que "o deseño gráfico vai irremediabelmente unido ao desenvolvemento industrial". "Historicamente", relata Antón Prieto, "o deseño galego arrinca cos carteis dos barcos de emigrantes ou cos anuncios publicitarios das conserveiras".

Pepe Barro tamén estudou a historia do deseño gráfico na Galiza. "Foi sempre unido ás culturas urbanas ou industriais e iso explica en parte o seu escaso desenvolvemento no país", conta. Barro lembra que a poboación urbana galega apenas acadaba o 10% no inicio do século XX.

Uqui Permui fala da escasa tradición do deseño gráfico galego. "Quizais por esa pequena tradición é polo que agora medra tanto", ironiza. Permui, en calquera caso, remítese á "pobreza das artes gráficas en Galiza". O montador de Deseña GZ, Antón Prieto, afirma contundente que "si existe unha historia do deseño galego". "O que eu non estou capacitado é para determinar se hai un deseño propiamente galego", remata. Unha das mostras de Deseña GZ está centrada, precisamente, nun repaso histórico polo deseño na Galiza.

Malia a esta ausencia de pasado, Barro e Permui coinciden en destacar a personalidade de Luís Seoane. "É curioso", opina Pepe Barro, "pero dous pais da patria, por chamalos así, Seoane e Castelao, traballaron no deseño gráfico". "Daquela", prosegue, "na nosa cultura, o deseño é unha profesión marcada por Luís Seoane e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao". A fundadora de Cebra tamén rememora a figura de Seoane. "Houbo artistas que realizaron deseños pero non foron deseñadores gráficos".

Uqui Permui destaca o deseño de libros de Xohán Ledo, a quen a revista Grial vén de dedicar un caderno monográfico, "aínda que a súa significación responda, se cadra, á escaseza de referentes no país durante a posguerra". O pintor e grafista Luís Seoane viviu no exilio até pouco tempo antes da morte do dictador Francisco Franco.

Asociación

Uqui Permui oficia de primeira presidenta de DAG, a Asociación de Deseñadores Galegos que se creou na primavera de 2006. A DAG agrupa nesta altura a 21 profesionais do deseño gráfico. A agrupación autodefínese como "aberta a deseñadores gráficos e industriais e sen ánimo de lucro". Permui, que se refire a unha profesión "tan caótica en Galiza", opina que "outras asociacións que existiron até agora só se dedicaron a grandes exposicións que ficaban aí". A presidenta da DAG sintetiza as metas a curto prazo da agrupación na creación dunha páxina web, xa en funcionamento, dunha biblioteca de logotipos e de mesas de debate. "Non son temas vistosos nin de fogos artificiais, senón máis ben de asentamento da profesión no país", remata.

A respecto do estado do deseño gráfico en Galiza, Pepe Barro, vicepresidente de DAG, amósase moi crítico. "A inmensa maioría do deseño gráfico resulta desastroso, pero non unicamente en Galiza, senón tamén en Alemaña ou en Singapur", indica. Para Antón Prieto, porén, existe "certo nivel no deseño galego, inferior ao catalán pero equiparábel, por exemplo, ao que se factura en Madrid".

Uqui Permui pensa que "adoito, as eivas atópanse nas empresas que encargan os traballos, que non están afeitas a traballar o deseño gráfico". "Falta investimento económico en comunicación", explica. Xosé María Torné, o creador do logotipo de Nunca Máis ou da imaxe corporativa das galescolas, falaba estes días en Pontevedra "da necesidade de que as empresas sigan unha mesma liña comunicativa".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_