de historia da literatura
"Na literatura galega existen escritores comprometidiños"
O profesor Xesús Alonso Montero vén de publicar Intelectuais marxistas e comunistas en Galicia. Case a o mesmo tempo, sae do prelo outro volume da súa man, Os escritores galegos ante a Guerra Civil Española. Con 78 anos de idade, a actividade intelectual de Alonso Montero non se resinte. Tampouco a política. "O texto do mundo gobernado polo capitalismo é un texto inicuo", sinala o vello comunista. De retórica clásica, Xesús Alonso Montero non evita ningún asunto: "Quen propón escritores galegos ao premio Nóbel, con boa vontade, pensa que un Nóbel galego arranxaría o problema non da literatura, senón da lingua".
Pregunta. Segue a ser comunista?
Resposta. Milito no Partido Comunista. Reingresei o 1 de xaneiro do ano pasado con todas as formalidades. Pero nunca deixara de colaborar co PC ou con Esquerda Unida. Agora supoño que calquera día pode suceder a morte e non me gustaría morrer sen a formalidade de ter o carné do PC. Cada vez creo máis no comunismo, porque estou convencido de que o capitalismo vai destruír o mundo. Hoxe estou máis convencido da necesidade do comunismo que cando ingresei nese partido nun tempo no que eu arriscaba, o Primeiro de maio de 1962. O día en que me incineren haberá unha bandeira, a do PC, nin de España nin de Galicia, interpretarase A Internacional e lerase un texto en castelán de Cernuda, 1936, e un texto en galego, de Curros Enríquez, A Rosalía. Serán as miñas honras fúnebres. Pero cando sexa maior gustaríame ser mellor profesor, mellor escritor, mellor erudito, mellor persoa, no fondo, mellor comunista.
"Hai que rescatar a aqueles escritores menores que fixeron algo por que teñamos seguridade social"
"Non me gustaría morrer sen a formalidade de ter o carné do Partido Comunista"
"Se non muda o discurso intelectual, cultural e social, a lingua galega non sobrevivirá"
"Poñer vítimas e verdugos ao mesmo nivel, que é? Facerlle unha estatua a quen matou a Bóveda?"
P. Onde está a memoria dos comunistas galegos?
R. Nalgúns libros, desde nas memorias de Santiago Álvarez até nas memorias que teñen publicado ultimamente varios camaradas, entre eles Paco Valón, Barros, Paco Filgueiras, a quen prologuei... O comunismo agarda algo de min, porque tampouco hai tantos profesores ou eruditos comunistas, e ten algún significado o feito de que eu prologue case todos os libros de memorias de comunistas que se publicaron nos últimos anos. Tamén ten algún significado que cando morre algún comunista galego faga eu a necrolóxica.
P. Para que serve a memoria histórica?
R. Non me gusta a expresión memoria histórica. Porque toda memoria é histórica. Nós non estamos aquí para falar dos celtas, que sería memoria histórica, nin para falar do Irmandiños, aos que teño unha gran simpatía, nin para falar do Padre Sarmiento, que tamén. Nós vimos aquí falar do 36, da represión franquista e do exilio. A memoria histórica débese á verdade e á dignidade. A verdade é 'queremos saber cantos foron os represaliados, por que, onde, en que circunstancias' e, segundo, queremos devolverlles, xa que non a vida, a dignidade. Porque esa cousa que di Núñez Feijóo, 'memoria histórica si, pero igual os dun bando ca os de outro' é poñer ao mesmo nivel a vítima e o verdugo. Ímoslle facer unha estatua a quen mandou fusilar a Alexandre Bóveda?
P. Aínda é válido o concepto de "compromiso" na literatura?
R. Algunha vez foi inválido? A condición máis excelsa do ser humano é a súa condición civil, de cidadán. Ese cidadán é un tipo lúcido e non debe tolerar que a cidade estea contaminada. Polo tanto, todo o que faga ese cidadán, dende xogar á billarda ou ao fútbol, ou escribir poemas, ten que ser desde as premisas dese cidadán. Quere isto dicir que ten que facer literatura panfletaria?, quere isto dicir que ten que ser un botafumeiro da esquerda? Non. Quere dicir que hai que pronunciarse, como o defensa do Barcelona, Oleguer. E son 'anacionalista', non como el. Pero, se Oleguer pensa que debe dicir esas cousas, por que non as vai dicir? A metade dos xogadores do Barcelona, cando entran no campo, persígnanse. Están facendo propaganda de Rajoy e de Rouco Varela. Se ninguén prohíbe que se persignen, por que prohíben falar a Oleguer?
P. Existen escritores comprometidos na literatura arestora?
R. O que existen son escritores comprometidiños. E, tal e como están as cousas, os escritores deberían comprometerse, con maiúsculas, contra o capitalismo. Iso ten que se notar na súa actividade literaria e cidadá. Despréndese dalgunhas manifestacións ou creacións que eles teñen un determinado compromiso, nacionalista ou lixeiramente esquerdista. Porque se algún deses escritores di que está nas coordinadas do PSOE ou nas do Bloque, esas coordinadas non implican necesariamente ser de esquerdas.
P. Hai quen di que a literatura galega atravesa unha Idade de Ouro...
R. Hai máis escritores ca nunca e publícanse máis libros ca nunca. No 47 publicouse un libro de poemas, de Iglesias Alvariño. No 55 publicáronse outros dous libros aquí e catro en Buenos Aires, así que parece un milagre. Pero este milagre é a democracia, a autonomía e o galego na escola. Este Século de Ouro, se quitamos as subvencións, o galego na escola, todo o que imos chamar, un pouco festivamente, industria téxtil, dicionarios, antoloxías, gramáticas, libros de texto ou edicións anotadas dos autores do bacharelato, onde queda o Século de Ouro?
P. Rescata figuras literarias que, ás veces, teñen un valor menor desde o punto de vista estético. A que se debe este labor?
R. Débese a que non sei facer outra cousa. Non son enxeñeiro, nin físico atómico. Aparte dunha persoa á que lle gustaría ser comunista, son un profesor de historia da literatura. Dunha literatura que case non tiña escritores. Tiña algúns cantos notorios, Rosalía, Curros, Castelao, Otero Pedrayo, outros menos notorios e a partir de aí, poucos. E coido, e nisto son un pouco marxista, que os soldados da historia importan. É dicir, aparece o gran capitán, pero había que investigar en que humus emerxe o gran capitán, Rosalía. Hai soldados da historia e como erudito non debo de desdeñar a ningún. E os meus lectores verán que, sexa cal sexa a entidade literaria deses autores que eu trato de resucitar, son autores que teñen unha dimensión cívica, social, ideolóxica ou moral. Porque creo máis na seguridade social ca no mito dos celtas ou no de Pardo de Cela. Aqueles que fixeron algo pola seguridade social e porque teñamos bos hospitais e boas escolas, eses son os importantes. Hai que rescatalos do silencio da historia.
P. Sobrevivirá o galego?
R. Se non se producen situacións sociolóxicas distintas das que hoxe gobernan o discurso intelectual, cultural e social, non sobrevivirá. Tampouco hai valentía para examinar onde está o problema. No ano 68, Méndez Ferrín, nun discurso dos Xogos Florais de Buenos Aires, dixo que se non cambiaban radicalmente determinadas circunstancias o galego tiña 25 anos de vida. E aquel era un galego sen escola, sen universidade, sen parlamento, sen televisión, sen radio, co que iso comporta de negativo para unha lingua que naquel momento non falaban as persoas de estatus urbano e universitario. Que pasa? Cal é o idioma habitual da clase social que viste mellor, que ten mellores coches, que ten maior renda per cápita, que manda os fillos de vacacións a Oxford? O castelán. É certo que por primeira vez en Galicia hai un arquitecto e a súa muller que agora están falando en galego cos seus fillos mentres ven a televisión. Iso non se daba hai 40 anos. Pero son 200 familias en Galicia, grosso modo.
P. Rematou a Transición?
R. Empezou?
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.