GROUCHOS | LUCESColumna
i

O porco, o estranxeiro e a heterodoxia necesaria

Alédame e inquieta a un tempo un mundo da cultura que se manifesta con vehemencia a prol da conxunción copulativa "e" contra a intrusa cópula "i", e que debate apaixonadamente a terceira vía do porco. Penso que este foi o Entroido máis intelectual da historia. Mesmo Os Maracos, esa "centenaria" comparsa coruñesa que cumpriu 25 anos, cantaron en pandeirada: "Prohibiron o tabaco / Queren prohibir o viño/ De continuar así / Vannos prohibir os chourizos". Si, a saúde vai acabar con nós.

Na política do porco, e na campaña do Entroido, houbo sempre dous partidos dominantes. O Partido da Cachucha e o Partido do Lacón. Foi Alfonso Monxardín, da Escola galeguista de Francfurt, quen converteu en forza emerxente e alternativa o Partido do Dente, nunha extraordinaria proclama disfrazada a xeito de artigo no xornal Galicia hoxe e titulado Tomando postura: a terceira via. Vexamos un imprescindíbel parágrafo de situación: "Para os pouco iniciados na porcofaxia -suidofaxia sería pedantería- indicarei que en Ourense cachucha é a parte superior da cara do porco, con perdón, da boca para riba, afumada e salgada; e dente a mandíbula inferior, sometida a proceso semellante de momificación".

A proclama a prol da terceira vía foi colgada na rede, no blog As Uvas na Solaina, de Marcos Valcárcel, e a partir de aí abriuse un dos debates máis amenos, ocorrentes e sabedeiros dos que teño seguido na Rede en Galicia. Un auténtico festín de ilustración arredor do Ciber-Porco. O sorprendente para min foron os apoios á terceira vía. Penso, non obstante, que a maioría do pobo segue a moverse na bipolarización entre o Lacón e a Cachucha. O Dente, esa contundente delicatessen, é unha opción moi de entendidos.

Eu debo confesar que non me convence ningún partido do porco. Os escaparates de cachuchas nos ultramarinos parécenme artísticas instalacións de terror. Se nas enchentas do Entroido cada vez me sinto máis un estranxeiro, imaxinen na Coresma!

O PARTIDO DO CONFORT

Hai quen bota de menos grandes homes, estadistas. Eu non. Pola contra, prefiro os políticos lixeiros. Do dente. Aquí en Galicia temos unha manchea de xente estadista. De pesos moi pesados. Mesmo hai moita xente a quen lle entra o Estado na cachucha, con perdón. Quen dubida que Baltar é un estadista? Un home que coloca na Deputación a trescentos "dos seus" é un home que resolveu con claridade aquel dilema do mellor John F. Kennedy: "Non penses no que o teu país pode facer por ti, senón no que ti podes achegar ao teu país". Pois podes fornecer, de entrada, ese impagábel capital humano de empregar a trescentos da familia e achegados. Esa é a calidade dun verdadeiro estadista. Aquel que dá o mellor de seu á sociedade. A parentela. Os seres máis queridos.

Estadistas temos a esgalla, como está demostrado. Por que razón hai que pensar que Franco era máis estadista que Moncho Ares, Moncho es mucho, actual alcalde de Sada. Moncho comezou a súa carreira política levando aspirinas ao Pazo de Meirás, cando era mozo de botica. Pois ben, quen debería ter o estado na cabeza? Quen é máis estadista? O que produce dores de cabeza ou quen leva as aspirinas?

O que eu boto de menos, todos os días, é a Xesús Chichi Campos (La Laguna, 1952- Santiago, 1991). Iso é o que máis se bota en falta no país do Confort: a estirpe de Chichi Campos. A que vén da tradición transgresora do Escarnho e Maldizer, dun Entroido faranduleiro e subversivo, da heterodoxia librepensadora, que sempre andou nestes eidos coa parella da Garda Civil detrás, do surrealismo que non só quería cambiar o mundo senón tamén a vida. Houbo un tempo en que ser comunista en Galicia era ser un pouco todo isto. Para algúns, algo menos. Para Chichi Campos, algo máis. El sempre foi máis alá. O seu lapis atravesou ás ceibas o período que foi do tardo-franquismo ao chamado "desencanto" democrático. Humorista, debuxante, cronista, guionista... Mais sobre todo, unha mente libre a quen arrepiaban o sectarismo e as adhesións incondicionais. Por iso necesitamos tanto o espírito de Chichi Campos. Para abanear o confort das novas esfinxes.

CASTROVIEJO E CABANILLAS

Vexo aparecer, de súpeto, unha boina no poema Tercio de ababurza de José María Castroviejo (Poesía de la guerra civil española, edición de Jorge Urrutia, editorial Vandalia). Un texto de animación bélica dedicado aos carlistas: "¡Que nadie se ponga la boina cuyo abuelo no la haya / agitado como un grito rebelde y santo! / ¡Que nadie se ponga la boina para / salvar a los capitalistas! ¡Será maldito!... Maldito por la sombra inmensa de aquel gran Rey cuya voz grave y dulcísima llegaba a todos sus hijos como mensaje de bosque centenario..." Velaí as burlas do destino. Homes cultos que combateron a República en nome da Tradición para así acabar co Capitalismo! Entroidadas da historia. O dano que pode facer o exceso de Deus, de Tradición. Conclusión: cómpre ser ateo, aínda diante do porco. No mesmo libro, un poema en galego do vello Ramón Cabanillas a prol da Milicia Gallega que tomou parte na defensa de Madrid, os loitadores galegos pola liberdade. Nese poema fala do exemplo do Medulio, o monte onde os antergos resistiron a ocupación polo Imperio Romano. Dalgunha maneira, podemos dicir que nese poema o Medulio está no Madrid republicano e bombardeado polos nazis. O curioso é que Ramón Cabanillas adoitaba levar boina e Castroviejo, non. Tradicións hai moitas. E lendas tamén. Eu fico co vello Cabanillas e coa súa invocación ao Medulio. Que o do Medulio é unha lenda? O que dicía Victor-Émile Michelet, en Figures d'évocateurs: "Unha lenda é unha quintaesencia de verdade posíbel".

O DESCONFORTADO: LINGUA E ECOLOXÍA

Verbo de montes perdidos, e de faltas lingüísticas, o das canteiras nos montes do Courel. Aí si que tiñamos poñerlle dentes á linguaxe. No galego de Londres utilizase a expresión: "síntome desconfortado". Sucede que despois da época do Dinosauro e do cambio de goberno, pasouse a unha especie de período de Confort. E a min esa preguiza democrática déixame desconfortado. Se hai unha prioridade lingüística, é a da defensa da natureza, das xentes e as cousas que esa lingua nomea. A sorte da lingua galega radica nesa imbricación ecolóxica coa sorte da terra. Na historia da lingua está a historia da paisaxe e do pobo. A lingua contén as pegadas que os seres humanos deixan no chan. A caligrafía coas curvas do desexo e as liñas quebradas da dor. Tamén a historia de cadaquén. O noso corpo é unha caixa de tipógrafo. As leis son importantes, mais as linguas xermolan, escintilan de novo, na utilidade esencial de nomear a festa e a ferida, a pulsión erótica e a pulsión da morte. Cando somos quen de que se adiante a expresar as crises e os conxuros. O malestar e a esperanza. Por iso, os manifestos copulativos deberían acudir os primeiros, coas verbas de urxencia, ás canteiras ilegais no corazón do Courel.

AS MIGAS

Alcumes naturais. O home malencarado que xura: "Esta chuvia tan parva! Este vento imbécil!". Nunca oíra tratar o clima con tanta humanidade, con tanta inxustiza.

O quecemento. O malo do cambio climático é que o tempo, como a xente, anda ao seu.

Xeracións literarias. Que uns escritores galegos declaren como trazo xeracional que len os autores anglosaxóns e que non lles interesa a actual literatura galega non significa nada. Pasounos a todos. Eu tamén lía de rapaz o Reader?s Digest (traíao a Castro unha lavandeira da casa dos señoritos). En canto ao confronto vellos e novos, é tamén un dilema vello. Eduardo Blanco-Amor foi sempre moi novo, sobre todo cando volveu de vello e tivo que comezar todo de novo: a máquina de escribir botaba fume. Fume bordado, hai que dicilo. O mérito non é a xeración, que vén dada (tranquilo, compañeiro Jaureguizar, serás moderno aínda que non o queiras), senón o manterse como un des-xenerado.

O éxito. Con teima penumbrosa, Franco Grande, bo memorialista dos días escuros, alcuma de colonizados un día si e outro tamén aos que escribimos nestas páxinas. No coloquio que seguiu á presentación d'Os libros arden mal en Santander, unha lectora cántabra contou que na Coruña un alto executivo dixera de min que era "maricón y del Bloque". Nas cartas ao director deste xornal, un xentil lector espetou: "Leo todo, menos lo de Manuel Rivas". Colonizado, bloqueiro, maricón, e carne de gueto. Agora xa sei o que é triunfar.

* Este artículo apareció en la edición impresa del jueves, 22 de febrero de 2007.

Archivado En:

Te puede interesar

Lo más visto en...

Top 50