_
_
_
_
Reportaje:A FRONTEIRA INTERIOR | LUCES

Irremediablemente urbana

A cultura galega ten abusado dun imaxinario que insistía na súa orixe exclusivamente rural

Poucos asuntos suscitan tantos debates na Galicia contemporánea coma a antinomia entre o rural e o urbano. Para algúns trátase dunha fenda que divide ao país, pero un grupo cada vez máis numeroso sostén que estamos ante unha falsa dicotomía. Esa tensión, de calquera xeito, ten actuado coma un fermento creativo para todas as artes.

Sen unha cultura pop e urbana local, non só de elites, toda diferenza desaparecerá
O ámbito que mellor define unha cultura urbana é o dos medios de comunicación
Galicia aínda necesita recoñecerse a si mesma como urbana, sen reticencias nin prexuizos

Galicia non só non é Cataluña, ademais tampouco é Andalucía. Tanto un sitio coma outro foron quen de desenvolver unha cultura urbana. Barcelona, influída polo seu carácter de porto mediterráneo e polo seu fervor por París. Sevilla, menos cosmopolita pero sabendo xerar unha maneira de ser andaluz. A Barcelona chegaban as influencias da alta cultura europea, pero en Sevilla, despois da época do romanticismo, fraguábase unha Andalucía que tomaba o lugar que deixara orfo o País Vasco, unha vez rematadas as guerras carlistas, como depósito das esencias españolas.

En Barcelona creábase un barrio de mala nota, o Paralelo, polo que discorrían os burgueses da Renaixença e os obreiros anarquistas, todo aquel que quixera formar parte da crápula. Pero tamén en Sevilla, a finais do XIX, os tablaos sabían levantar unha cultura chea de resonancias futuras. A Semana Santa, as Cruces de Mayo, a Feria de Abril, a copla, todo o que Antonio Gramsci consideraría propio dunha cultura nacional e popular, soubo deixar sitio para unha cultura marxinal, a xitana, e para a súa expresión máis elevada, o flamenco. A moderna cultura do espectáculo chegou cedo ás dúas cidades, tan distintas.

Ese salto da cultura popular á cultura urbana é o que en Galicia non alcanzou a producirse, con densidade e consistencia, no momento oportuno. A razón parece obvia: a cidade candidata para que ese salto se producira estaba chea de funcionarios de provincias que traballaban para a incipiente administración centralista, e o elemento popular e burgués, aínda que existente, era moi reducido. E só A Coruña, non Vigo, que case nin existía, nin Santiago, clerical e universitaria, podería ter dado ese salto. Estamos falando do XIX.

Tal vez se, andando o XX, despois das dozuras económicas que tamén en Galicia deixou a Primeira Guerra Mundial, o experimento republicano durase e houbese tempo para que callasen novas formas sociais que foron tronzadas de raíz polos vencedores, as cousas poderían ter sido distintas. Se as cidades medrasen e desen como resultado un universo de traballadores non amedrentados e unha burguesía local non franquista, que asistise a espectáculos máis aló das misas, as procesións e os desfiles. Se, en definitiva, os 40 anos do franquismo non supuxeran a detención dunha historia que, no caso de Galicia, apenas estaba comezando a acontecer, esa cultura urbana teríase desenvolvido con certa naturalidade. Talvez as cancións de Curros Enríquez, que no seu momento chegaron a impregnar a atmósfera, poderían ter chegado a ser substituídas por outras que tamén chegasen a ser patrimonio de todos os estamentos sociais. Ou, talvez, andando o tempo Andrés do Barro podería ter chegado a ser non unha excepción senón un paradigma dunha cultura pop galega. Talvez...

Pero o certo é que o tempo se detivo. E Galicia só volveu a ver un crecemento urbano no mesmo momento en que, nos anos 60 do século pasado, se expandían as novas formas de comunicación de masas. A radio como fábrica de soños deixou lugar ao cine e a tele, mentres unha poboación cada vez máis letrada comezaba a alimentarse non só de xornais, senón tamén do Hola ou do Semana. Fronte a iso, a cultura galega, sempre de elites, e que dalgún modo cumpría unha función de distinción social de sectores moi reducidos, era incapaz de pensar no fútbol, ou nas varias maneiras en que a cultura de masas -dentro dos estreitos límites dun país pequeno e de mercados moi reducidos- podía chegar a desenvolverse en clave local.

Ao mesmo tempo, a cultura popular foi esmorecendo e desaparecendo paso a paso. Os grupos de gaiteiros, as coplas populares, as danzas: todo iso foi sacrificado pola inercia dun cambio social no que o popular galego era estigma; ou foi asimilado pola Sección Femenina e outras formas de redución ao absurdo e ao folclórico. As masas corais -que a xeración do Partido Galeguista intentou promover-, e que tiñan unha forte implantación, foron desatendidas.

En realidade, tal e como foi a secuencia histórica, parecería natural pensar que en Galicia esa creación dunha cultura urbana non de provincias só podería ter certa base de desenvolvemento obxectiva no período democrático. Unha cultura urbana pode manifestarse de moitas maneiras, a través do teatro e outros espectáculos, do tecido social, dos bares, pero o ámbito que mellor a define é o dos medios de comunicación. Nese sentido, tal e como EL PAÍS naceu en Madrid, ou Interviu e El Periódico en Barcelona acaso podería ter nacido aquí, a pequena escala, algo similar. Pero iso implicaría un recambio de elites, ou a cooptación de sangue nova de certa ambición. Ningunha das dúas cousas pasou. Non hai nin que dicir, por outro lado, que as élites económicas e políticas do lugar tenden a ser dunha incuria total, dunha falta de ilustración absoluta.

Por iso tal hipótese rozaba a imposibilidade metafísica, dados os límites do país, tanto os subxectivos como os obxectivos. Parece moi improbable que, por boa que fose a vontade de quen o intentase, houbese oco para iniciativas desa clase. Outras, máis recentes, e nas que me vin envolto, non tiveron mellor sorte en contextos teoricamente máis favorables. Máis aló dos obstáculos que, naturalmente, a competencia e os poderes locais poderían colocar, as dimensións do mercado, as correntes de opinión, o sectarismo endémico, a debilidade dos sectores a interpelar e, sobre todo, o peso morto do fatalismo histórico, se xuntarían para decretar imposible unha empresa tal.

Pero si é mencionada é para marcar un espazo baleiro que hoxe, 30 anos despois, non só segue sen ser cuberto senón que postulalo como mera concepción teórica leva aparellado o risco de que o tomen a un por imbécil. Ou por postulador de causas imposibles, o que ven ser o mesmo, a efectos prácticos.

Sen embargo, se nalgún momento non se produce ese punto de cocción que faga que, dunha maneira ou outra, na sociedade galega se constitúa unha cultura pop e urbana local, unha cultura non só de elites, entón toda a diferenza específica simplemente desaparecerá.

En Galicia tense abusado ata o infinito dun imaxinario que xiraba case exclusivamente sobre as raíces rurais da cultura galega. Non se soubo, ou non quixo verse, que é nas cidades onde esa cultura podía ter unha oportunidade. Non se soubo ver que é nas cidades do país, de pequena dimensión e salpicadas sobre o territorio á maneira dun arquipélago, onde podería estar o laboratorio dunha forma propia de experiencia social.

Por suposto, en diversos lugares, o protagonista imaxinario da aventura galega se desenvolvía nun escenario burgués ou cidadán. Así, en O señorito da Reboraina o fidalgo asiste a luxosos e románticos bailes na cidade vella de Compostela, onde os notables locais exhiben as súas galas antes, por certo, de irse á China cal Rocambole. E o mesmo Otero Pedrayo non deixa de lembrarnos que a Revolución de 1846 dá os seus primeiros pasos nos salóns, tamén burgueses, de Juana de Vega, na rúa que hoxe leva ese nome en A Coruña.

Eduardo Blanco Amor, autor da grande novela galega Xente ao lonxe pinta nela un fresco do seu Ourense natal, e da vida dos seus proletarios e artesáns. Carlos Casares e Méndez Ferrín comparten, na súa xeración, un imaxinario cheo de referencias urbanas. Tamén Bieito Iglesias e Suso de Toro toman a Santiago como ámbito do relato. E Os libros arden mal, a última novela de Manuel Rivas, pode ser lida como tendo un único protagonista último, a cidade de A Coruña. Pasada ao cine debería dar unha narración coral que alimentase unha poética do escenario urbano coruñés.

Así que as cidades estiveron sempre aí, no imaxinario e na realidade do devir. Pero iso non pode deixar de facernos recoñecer que houbo unha rouca, persistente tendencia a esquivalas, a non pensalas, a velas con prevención, como a sede de perigos que ninguén se atreveu a denominar salvo, tal vez, Ramón Cabanillas cando a invoca así: " ! Que vexa a vila podre, coveira da canalla, á aldea que traballa, disposta a loitar ¡" Unha parte do país recoñeceuse a si mesma nesa advertencia e prevención.

Pero as cigarreiras da Coruña, os estibadores e mariñeiros de Vigo, os traballadores de Citroën e da Bazán, os bancarios da Coruña, os avogados e notarios, os empresarios, as dependentes de comercio e os pequenos tendeiros, o confuso e magmático e creativo impulso urbano; o espírito caótico de Vigo, a liberalidade coruñesa ou a forza levítica da hoxe cidade de funcionarios Santiago de Compostela merecían, merecen aínda, unha visión máis comprensiva, máis simpática, máis positiva, libre de todos os medos que a indolencia aínda é capaz de atribuírlles hoxe. Galicia aínda necesita recoñecerse a si mesma total, unívoca, irremediablemente urbana, sen reticencias nin prexuízos. Non podemos pasarnos toda a vida metendo a cabeza no tobo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_