_
_
_
_
Reportaje:GROUCHOS | LUCES

A Galicia transn@cional

Manuel Rivas

Non foi idea dun publicista nin dese tipo de asesores políticos que chaman spin doctor. Foi máis ben cousa dun grupo de trasgos que non aceptaban a arañeira, decadente e corrupta, na que derivara a política do seu tempo. O eixo que os agrupa é a cultura, mais non porque sexan apolíticos, senón polo degoro de transcender a vella política. Pensar Galicia sen complexos. E ser quen de pensar o mundo dende aquí, sen mediacións. Unha lúcida trasnada, unha revolución mental no 1917 galego. Iso foi o que supuxo as Irmandades da Fala.

O caso é que, sen ser publicistas nin spin doctor, inventan a mellor divisa para un movemento que sendo reivindicativo da identidade abafada non cae nun chauvinismo túzaro. "Galicia, célula de universalidade", ese foi o lema das Irmandades da Fala. Un xeito de dicir xa daquela: pensar globalmente, actuar localmente. Agora sabemos que ese lema non era alleo á condición de masóns de moitos deles. A idea dunha fraternidade universal. Nada estraño. Esa Galicia, a do galeguismo de cerne demócrata, atopou as novas enerxías en Cuba. A finais do século XIX e comezos do XX, La Habana foi a capital cultural de Galicia. Nos eidos do xornalismo, da edición e mesmo do ensino. Tamén da música e dos espectáculos. Alí se interpretou por vez primeira en público o himno galego. Alí se puxo en marcha a Academia da Lingua. O de célula de universalidade non é, pois, unha simple boutade idealista, senón o resultado da propia vivencia.

UNHA CARREIRA DE SACOS NO CENTRO GALLEGO

A redención de Galicia, en boa parte, fermenta fóra de Galicia. Na chamada diáspora. Velaí un certo paralelismo cos irlandeses e cos xudeus. Despois do cataclismo do 36, o principal viveiro da cultura galega situarase no eixo Bos Aires-Montevideo, aínda que tamén haberá almeiros decisivos en México e Venezuela, e niños noutros lugares, así Estados Unidos, con Xosé Rubia Barcia no Oeste californiano e Emilio González López no Leste, en Nova York. Logo, nos 60, canda ían os trens ateigados de emigrantes a Europa, cando se fala galego nas minas do Rhur, na fábrica Renault, no Portobello londinense (e na BBC), ou na construción de hoteis nas cimeiras alpinas, e entón cando rexorden almeiros de cultura galeguista e antifascista en París, Xenebra ou Londres.

Almeiro nos 60 foi o dos galegos do Club da Unesco en Madrid. E o grupo Brais Pinto: revolucionarios e trasnos. O histórico día en que Ferrín, Ferreiro, Herminio, Bautista, Lourenzo, Patiño et altri organizaron unha carreira de sacos no salón nobre do Centro Gallego. Había que verlle a cara ao franquista xeneral Lobo, que presidía aquel local de Pompas Fúnebres!

A CÉLULA ALTERNATIVA DE BARCELONA

A célula de universalidade tivo sempre querencia por Barcelona. Agora é unha corrente. Un fervedoiro de trasn@s. Na capital catalana está a agromar un dos máis suxerentes viveiros da innovación galega. O lugar de encontro é Rede.Cat, integrada por 17 membros: A Lonxa Arte, La Xina Art, Galería Sargadelos, Teatro Furafollas, Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya, Espazo Galego dos Països Catalans, FDG Cultural, Filoloxía Galega da Universidade de Barcelona, Foro Cívico Galego, Fundación Sotelo Blanco, Galauda, Galeuzcamerata, Lectorado da Universidade Autónoma, Nunca Máis de Catalunya e Vieiros Barcelona. A Rede.Cat comprométese a coordinar e espallar a Axenda Cultural Galega de Catalunya por todos os medios. Á parte das actividades de cada asociación, a Rede.Cat organizará unha unitaria Semana Cultural en maio e a Diada galega en xullo. Os Espazos Radiofónicos están a producir un mínimo de 20 horas en galego para diferentes emisoras. Un pode atoparse cunha insólita exposición de ilustradores galegos, a debuxar e definir o Can de palleiro, na Galería Sargadelos (BCN, claro), unha punzante incursión polo que Lito Caramés chama a mordida identitaria. Asistir a un acto sobre "a memoria republicana galega" na Universidade de Barcelona ou a unha conferencia sobre o feminismo galego, Donas de seu. Consultar en Internet unha páxina, a de Filologies Gallega i Portuguesa, dunha feitura e altura exemplares. Descubrir a outra cidade en Vieiros BCN: "No Raval os tendais penduran vangardas artísticas". Participar un Magosto ( "autoxestionado") con centos de mozos galegos no bosque de Las Planas. Ir tras Os Festicultores nun pasarrúas polo barrio de Prosperitat. Debater sen cancelas no Kasal de Joves de Roquetas. Alucinar coa Foliada Galega no Ateneu Popular de Nou Barris: dous días de concerto sen tregua. Ir de roteiro polo Benito (nome oficial Rías de Vigo), O Andoriña ou O Mariachi, e atopar nestas tabernas do Barrio Gótico un ambiente de Galicia alternativa, a tomar uns grouchos de licor café e mollar a palleta bohemia e creativa. Unha Galicia máis ou menos moza que fai cousas. Moitas. E, como lembra Víctor Cabral, de Rede.Cat, non illadas do país no que viven. Os Espazos Radiofónicos, por exemplo, comentan en galego libros en catalán. O disco d' A Per Loca é unha aperta musical atlántica mediterránea. Como o son bandas La Pegatina Sound System ou Rumborranchera. Pode un, en fin, escoitar As Garotas da Ribeira (Paola Beiro e Sofía Tarela), con quen ten colaborado un admirador chamado Manu Chao, outro galego de París veciño de Barcelona. Falando de novas correntes, é difícil atopar unha electricidade semellante á das letras d'As Garotas. Unha recomendación. Fagan calquera cousa por atopar o libro-CD As Garotas devorando o mundo.

A NECESIDADE DOS TRASNOS

"En Brooklyn, onde todas as cousas raras poden suceder." Así me di Cheni, con voz e porte cinematográfico, cando rexoubamos un pouco á porta do mercado. Esta muller idosa e fermosa, dona de corpo delgado, cun trazos que recordan á Katherine Hepburn, é, si, unha coruñesa nacida en Brooklyn. Ten unha vida de novela. Sempre insiste en que en Galicia había que tratar mellor aos nenos e aos inmigrantes. De volta á casa, teño a sorte de abrir un libro que é unha trapela que me leva polas rodelas dun chemin creux, que é como chaman os franceses ás fondas corredoiras, os camiños secretos, con fuso horario de seu. Trátase do Diccionario de los seres míticos gallegos, de Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda. Ilustrado por Lázaro Enríquez, un senlleiro artista cubano que atopara en Vigo un fogar para crear e a quen levou de súpeto a da gadaña hai agora un ano. Lázaro revive no outro lado da vida, nestes debuxos que son un gozo. Ao cabo, estes seres míticos galegos andan sempre pola corredoira que vai entre o Alén e o Aquén.

O diccionario máis singular de Galicia é unha versión trasn@cional do que xa se publicara en galego hai tres anos. Paréceme moi importante para un país o dar a coñecer os seus outros seres. E non perdelos. Porque os da imaxinación tamén son habitantes. De feito, sempre son os últimos en marchar. Nunha aldea deshabitada, son os trasgos os que apagan a luz.

De entre os seres míticos da cultura pop galega, os meus preferidos son precisamente os trasgos ou trasnos. Tamén chamados peretes ou perechos. En castelán, duende. En inglés, puck. Como ben sabía Shakespeare, que sería da cultura e da vida sen pucks? Os trasnos veñen ser a vangarda dos seres míticos. E hoxe reparo nos chamados meniñeiros: "Especie de trasgos familiares que hacen sonreír a los niños muy pequeños y que los adultos no podemos ver. En Ourense y Chantada se dice cuando un bebé sonríe 'ya anda por aquí el meniñeiro'. Dado que los bebés no hablan, no se sabe cómo son". Magníficos eses trasnos que lle aprenden a rir ás crianzas e que se ocultan aos maiores. Non me estraña. Acabariamos con eles. A enlatar a súa risa para a industria cultural. A conservación ambiental debería incluír aos seres da mítica popular. Eu sonlles moi conservador. Hai que conservar os trasgos e os meniñeiros. Os invisíbeis trasnos que nos aprenden a rir.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_