Nós, as inadaptadas
A eclosión do feminino prodúcese a partir dos anos 90 pola necesidade de comunicar
Dicía dona Emilia Pardo Bazán nun artigo de La España Moderna de agosto de 1890: "En mi país, Galicia, se ve a la mujer, encinta o criando, cavar la tierra, segar el maíz y el trigo, pisar el tojo, cortar la hierba para los bueyes. [Los teóricos afirman] que la mujer no debe salir del hogar, pues su única misión es cumplir los deberes de madre y esposa. El pobre hogar de la miseria aldeana, escaso de pan y fuego, abierto a la intemperie y al agua y al frío, casi siempre está solo. A su dueña la emancipó una emancipadora eterna, sorda e inclemente: la necesidad". A necesidade. Foi ela quen debuxou as viúvas dos vivos que denunciou Rosalía. Foi ela quen escravizou ás mulleres galegas á terra e ás fábricas nunha duplicidade de tarefas que incluía fillos, casa e xornal. A clausura doméstica provoca, obrigadamente, unha densa invisibilidade social. Como excepcións, a luz de galegas de extraordinaria valía intelectual como Concepción Arenal, Juana de Vega, Sofía Casanova, Filomena Dato ou a mesma Rosalía encheron de pensamento os buracos fondos da negación social.
O Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega, creado en 2005, reivindica as mulleres ocultas da historia de Galicia. O elenco de pintoras, mestras, políticas, escritoras e actrices roubadas ao silencio vai configurando unha Alba de Gloria. A poeta María do Cebreiro ironiza na obra Nós, as inadaptadas con Risco e reivindica ás mulleres como inadaptadas. Na enunciación do plural reside a necesidade de afirmación colectiva. Ata os anos 90, a visibilidade da muller na esfera pública galega e, por extensión, no ámbito cultural, foi escasa. A órbita do segundo milenio trouxo a eclosión do feminino en case todos os ámbitos.
Elas non pediron permiso para entrar. Abriron as portas con firmeza e irromperon nas estancias cun discurso diferenciado e plural, sen choérense en etiquetas de xeración ou marca de xénero. Os primeiros nomes víronse envoltos nunha bóla de neve que medra incontroladamente e abrangue xa centos de apostas persoais que van dende a denuncia á gabanza. Da subversión á proposta estética. Interdisciplinariedade, mestizaxe, colectividade, intertextualidade ou ruptura de xéneros e soportes quédanlles mesmo anquilosadas e son asumidas como discurso, como ruptura dos límites do propio corpo, un concepto recorrente nas obras destas creadoras. Ás propostas xa citadas do ámbito literario e plástico cómpre sumar as deseñadoras, ilustradoras, arquitectas, ensaístas, bailarinas, actrices...
A enumeración é infinita e inevitablemente incompleta. María do Cebreiro, Rebeca Baceiredo ou Teresa Moure ofreceron novos pensamentos no eido ensaístico. Uxía Pedreira, Susana Seivane ou Cristina Pato déronlle á música folk unha reviravolta de formas. Fanny (de Fanny e Alexander) probou sorte na música electrónica e Sara Atán pon voz á proposta indie-pop de Nadadora. Emma Ríos e Andrea López apareceron nas páxinas da revista de banda deseñada Barsowia, ao tempo que Noemí López, Alicia Suárez e Iria Crespo se abren camiño no mundo da ilustración. No ámbito audiovisual, Miryam Gallego, Camila Bossa, Isabel Blanco ou Marta Larralde puxéronse diante das cámaras. Pilar Faxil ou Beatriz del Monte seguen a estela de Margarita Ledo e miran dende atrás dos focos.
A diferenza doutros sectores, en Galicia, o país dos fogóns, a visibilidade das mulleres na gastronomía cocíñase a lume lento. A presenza de Iria Castro nunha canle televisiva especializada en cociña, o labor de Restaurante Ana ou María Varela (Parada das Bestas) poden ser o anuncio dun mínimo fervor para un país en que o nome de Toñi Vicente alumea practicamente en solitario como referente feminino. No reino dos viños, a enóloga Araceli Fernández, de Viña Godeval, pon o olfacto feminino a unha industria crecente. Dende o ámbito de arquitectura, elas forman tandem en equipos mixtos. É o caso de Guadalupe Piñera de Irisarre+Piñera ou Pilar Díez en Alberto Noguerol+Pilar Díez. Pero tamén de Isabel Aguirre, Pascuala Campos, Teresa Táboas ou Patricia Sabín. Desde Internet, Sara Jess ou Fíos invisibles enchen a rede de apostas persoais. Na moda, as novas deseñadoras seguen os pasos de Purificación García ou Kina Fernández. Dende a danza contemporánea sorpréndennos Bárbara Monteagudo, Branca Novoneyra ou Cristina García. Pero se nalgún campo a muller chegou pisando con forza é o universitario. A presenza das mulleres na universidade galega comeza a ser tan masiva nos pupitres como nas tribunas. Entre os alumnos matriculados en 2005 na Universidade de Santiago atopamos xa un 64,8% de mulleres fronte a un 35,2% de homes.
Como citaba Pardo Bazán, ás mulleres galegas de hoxe tamén as emancipou a necesidade. Pero, desta volta, foi a necesidade de comunicar. As mulleres artistas tomaron o espazo público pola vontade irrefreable de se expresar. De contar o mundo dende unha nova óptica.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.