Interrogar a Casares
O legado documental do escritor ourensán sométese ás primeiras pescudas unha década despois do seu pasamento
Carlos Casares non tivo tempo de administrar a súa posteridade. Se toda morte é prematura, a súa ademais foi repentina. Levouno un infarto en marzo de 2002, case sen avisar. Aínda non cumprira 61 anos. Transcorrida unha década, o seu legado (oficial) fica case intacto na antiga Reitoría de Vigo, onde se mudou en xaneiro a fundación consagrada ao seu nome. Pendente aínda de traslado á Cidade da Cultura, o fondo está a ser dixitalizado aos poucos. Estímase que cando remate este curso haberá 9.000 páxinas e 3.500 imaxes ao dispor de Galiciana, a biblioteca virtual do país.
No material de acceso público a través da rede haberá de todo. Apuntamentos, cartas, bosquexos que nunca madureceron, traducións inéditas, conferencias, esquemas, entrevistas e mesmo papeis que aínda demandan un sentido. Estarán tamén as súas axendas e diarios, como o que detalla cada xuntanza da revista Grial a partir de 1989, ou os orixinais da súa produción literaria. Soamente d'O sol do verán (2002), a súa novela póstuma, consérvanse catorce versións diferentes.
O resto só se porá ao alcance dos investigadores. Hai documentos que dependen de terceiros, como os ligados ás responsabilidades de Casares no Consello da Cultura Galega, a Fundación Caixa Galicia, o PEN Clube, a Real Academia Galega ou a editorial Galaxia. E hai outros, caso do que el mesmo titulou Caderno de Castropol, onde relata os últimos días de Ramón Piñeiro, falecido en 1990, sometidos a un protocolo moral. “Dá conta dun certo intento de manipulación do cadáver”, matiza Gustavo Adolfo Garrido, o director da fundación. “Non é momento de remover”.
O seu legado (oficial) fica case intacto na antiga Reitoría de Vigo
Até onde puido, o autor de Ilustrísima deixou instrucións de uso. De cada polémica na que se vía interpelado gardaba evidencias, coartadas e recortes de prensa. Dalgunhas cartas, indicacións precisas de como e cando debían ver a luz. O máis sensíbel conservábao en carpetas que hoxe seguen rotuladas de xeito elocuente: “Top Secret” e “Para as miñas memorias”. Mensaxes e transcricións de conversas con altos cargos da Xunta, testemuño de capítulos especialmente relevantes da vida pública ou documentos administrativos que algún día poderían ser de utilidade.
Un curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) evidenciou este mes en Santiago que se están a sentar as bases para investigar e cuestionar a complexa figura de Carlos Casares. “As haxiografías non nos fan ningún favor, nin a nós nin aos personaxes”, explica a profesora Malores Villanueva, que traballa nunha tese sobre a primeira época de Galaxia. “Casares é unha figura a revisar con datos, non con estampas, e iso é o que nos corresponde aos investigadores. Como editor, por exemplo, foi quen profesionalizou Galaxia, pero tamén quen perdeu algunhas batallas fronte a Xerais: os dicionarios, os libros de texto, os novos autores, a literatura infantil e xuvenil”.
“Casares está moi presente entre os amigos, pero moi pouco no país”
As cartas a Ramón Piñeiro, Fernández del Riego e Otero Pedrayo, sobre as que traballou Villanueva para o seu relatorio, devolven un Casares “que se debate aínda entre ser revolucionario ou facerse cura”, moi distinto ao da última etapa. Igual que as súas colaboracións en La Voz de Galicia, que o investigador Denís Vicente Rodríguez rematou de compilar, rescatando unha serie de artigos publicados entre 1990 e 1992 que até agora foron pouco ou nada considerados. O corpus préstase xa a unha lectura crítica e con perspectiva histórica, alén das consideracións narratolóxicas.
A achega máis reveladora é a das profesoras Iolanda Galanes e Ana Luna, do grupo Bitraga da Universidade de Vigo. A partir da correspondencia trazan un “mapa relacional” do ourensán, auténtico “embaixador e axente literario” grazas a unha cumprida rede internacional de contactos, sobre todo no campo académico, e afondan no seu rol como tradutor, tanto cara ao galego como da súa propia obra ao castelán. Como planificador de estratexias de internacionalización tampouco perdeu o tempo Casares. Nun artigo de 1979, Saír do aillamento, xa definía as rutas de paso, que co tempo intentaría facer tamén súas: Brasil e Portugal, dun lado, e o castelán, polo outro.
Como editor, por exemplo, foi quen profesionalizou a Editorial Galaxia
O presidente da Fundación Casares roe no relativo silencio arredor do escritor nestes dez anos e ensaia a súa propia hipótese. “Está moi presente entre os amigos, pero moi pouco no país”, di Garrido. “En vida xa era un home incómodo. En realidade, máis que poder o que tiña era unha gran influencia, pero case non había tecla que non puidese pulsar. O que non facía era pregarse a intereses privados nin partidistas. Tiña un silencio de ferro, e iso molestaba. Hoxe segue a ser así. A xente á que non lle gustaba Casares está no PP, no PSOE e no BNG, e viceversa”.
O ensaísta Antón Baamonde, outro dos participantes no encontro da UIMP, cre que o fenómeno hai que atribuírllo máis ben “á xeral ingratitude dos galegos”, unha síndrome que opaca tamén autores como Cunqueiro ou Dieste. “Incómodo? Non vexo por que, polo menos para a maioría do arco parlamentario”, retruca. “Outra cousa é que a deriva última do PP non lle tivese gustado, pero pouco ía poder facer. O galeguismo xa non ten a capacidade lexitimadora que tiña daquela”.
“Piñeiro e Casares prestaron as súas figuras á institucionalización do país máis alá das fronteiras estritas dun partido”, argumenta Baamonde, “e coido que niso non se equivocaron”. Aínda así, admite que talvez o momento “crespuscular” que atravesa o proxecto autonómico demande unha relectura crítica dese pasado, iso si, “sen atribuír culpas alleas”. Ao cabo, Casares podería encarnar tamén iso que tras o crac do 15-M se empeza a etiquetar, a contrapelo, como Cultura da Transición.
Contos completos en castelán
Entre os papeis de Casares atopáronse varias versións en castelán de Vento ferido (Galaxia, 1967), o seu debut como narrador. Son súas, están sen datar e até agora ficaban inéditas, aínda que unha delas parecía lista para entrar na imprenta. A que publicará na primeira quincena de outubro o selo catalán Libros del Silencio dentro de Narrativa breve completa, un conxunto de 40 textos do "prosista tranquilo", como o alcuma Juan Cruz no prólogo, parécese pouco ao orixinal. Titúlase El juego de la guerra y otros cuentos e inclúe, ademais dos doce xa coñecidos, outros cinco relatos.
Nesta versión, o ourensán conservou a orde das pezas pero volveu sobre os títulos. Coma lobos vira No les hagas caso, Monólogo é agora Ética, estética, dietética e Capoeira, por último, asoma como Chulos, no. Dos outros cinco non había noticia, aínda que a investigadora Iolanda Galanes non descarta que figurasen no programa de Vento ferido e fosen desbotados para evitar os atrancos coa censura. Problemas, por certo, cos que acabaría batendo a segunda edición.
A edición que ultima Libros del Silencio inclúe tamén Os escuros soños de Clío (1979), na versión castelá que Xesús Rábade Paredes deu ao prelo en 1984, e un monllo de relatos dispersos en antoloxías, xornais e revistas. Agás Ante el retrato, El lagarto rojo, Recuerdo de Manolo Estremera e El gallo de Antioquía, tamén de Rábade Paredes, todos as traducións son de Casares.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.