“Nestes anos levo 350 rúas inauguradas, 100 quilómetros”
Caballero, omnipresente rexedor da cidade máis poboada
En verán a rutina comeza media hora máis tarde, ás nove da mañá. Abel Caballero, alcalde de Vigo polo PSdeG, reúne a todos os seus concelleiros nunha sala anexa ao despacho para ler a prensa. El, de pé, sen gravata, rodea con pequenos pasos a mesa onde sentan varios edís, unha asesora e o xornalista que comeza por ler en alto os titulares de EL PAÍS. O primeiro: “Rueda di que Gayoso debe asumir as responsabilidades que procedan”. Reacción inmediata: “E a caixa da Coruña non ten ningunha responsabilidade, \[José Luis\] Méndez non, Méndez afundiu a caixa pero del non falan. E agora a caixa crebada é a que elixe o presidente da Obra Social”, adoutrina. Doutor en Económicas por Cambridge, exministro, máster en Economía, oficial de Mariña Mercante, catedrático de Teoría Económica pola Universidade de Vigo, pero sobre todo, político. A caixa de aforros foi, para ben ou para mal, a súa maior batalla dos últimos anos. Fixo bandeira da defensa do veterano presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, mesmo a costa de certa impopularidade cando se coñeceron as escandalosas indemnizacións que o executivo amparou. Estratego por riba de todo, sabe que a perseveranza ten recompensa. E coa defunción da fusión revive cando ten oportunidade os argumentos que desencadearon a súa férrea oposición ao proxecto: o “roubo de Feijóo”, o “saqueo do aforro dos vigueses”, terreo de brancos e negros onde se move con soltura. Chegou a convocar, en pleno arranque da crise económica, unha manifestación —multitudinaria— a favor da entidade financeira. O nunca visto. Caballero cre que pode con iso e con moito máis, traballando dende “a cidade máis importante, o motor económico de Galicia”.
Nesa sala onde cociña a estratexia política da xornada reflexiona, analiza, proxecta o que vai pasar, ou o que quere que pase.
É mércores e ten cinco actos oficiais, dúas citas en medios de comunicación e unha comida de equipo. Ás dez e media, asina un convenio coa Fundación Secretariado Xitano: 16.000 euros para un convenio. Sae correndo no seu coche eléctrico para inaugurar unha humanización. “Xa levo unhas 350 rúas \[das 1.400 que hai na cidade\], 100 quilómetros” recorda. Analiza os planos, fíxase até no último banco. “A miña sogra é a que me di como teñen que colocalos, e este puxérono en demasiada pendente, non pode ser”. Saúda a unha señora nun portal, atende a outra que lle pide algo, sorrí permanentemente.
Tras el camiñan 12 persoas. Ao seu lado, o director da obra, ao que felicita malia o detalle do banco: “Se segues traballando así fágote vigués ilustre”, di. Unha veciña achégase a Ángel Rivas, concelleiro de Distritos, Parques e Xardíns, para darlle o parabén, pero Caballero non está disposto a perder protagonismo e faino ver, entre amplos sorrisos. “O mérito non é del, é meu”, chancea coa señora, e o edil asente. O seu equipo admírao. “Teríame gustado ser un alumno seu, é como un PC, ten todos os datos na cabeza”, di o concelleiro ao que acaban de felicitar.
Media mañá e de volta á Praza do Rei para recibir un grupo de nenos saharauís que pasan o verán na ría. “Quero dar as grazas a este concello, é un dos mellores de Galicia, o alcalde ten ao Sahara no corazón”, arranca un voceiro da ONG que xestiona o programa Vacacións en paz. Malia a crise, o Concello “máis saneado de España”, como o cualifica o rexedor, ten colchón para seguir financiando programas sociais.
Sen perder o ritmo, Caballero enfila a sala de prensa para anunciar que “por solidariedade cos funcionarios”, el e o seu equipo se baixarán o soldo un 7,1%. Consegue anuncialo un día antes de que o faga o propio o presidente da Xunta, a súa besta negra.
Non é un detalle menor para un político que quere erixirse no gran defensor da cidade. Esa mañá estará na Cadena SER co seu programa habitual de recepción de chamadas sobre queixas e suxestións dos veciños, moi parecido ao espazo que ensanchou a fama de Francisco Vázquez na Coruña. Dá igual que lle pregunten por unha rúa, corredoira, parada de autobús, farola, rotonda ou arqueta, Caballero parece telo todo na cabeza. Apenas necesita papeis, improvisa. “Ten solución, non se preocupe, xa mando a un técnico a que o mire”, repite con ton paternalista.
Mediodía e comida cos seus concelleiros para repasar temas pendentes, esta vez nun restaurante da rúa Areal. Ás portas do mes de agosto podería ser a última cita do grupo antes das vacacións. Aínda que Caballero non as collerá, di que non lle é posíbel: “Así tamén lle fago un favor aos medios dando noticias”, volve chancear.
Aínda lle queda unha reunión cunha asociación, unha cita coa televisión local e a presentación dun libro escrito por dous xornalistas. Ten que manterse en escena aínda que a hospitalización de Carmela Silva, a súa tenente alcalde e man dereita, lle apagase o rostro. Son as oito e media da tarde e volve improvisar o discurso. “Para un escritor coma min non é doado recomendar a lectura doutro autor. Non obstante, lean vostedes El Horizonte de la Reina”. Risas apagadas entre os asistentes, asfixiados de calor
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.