“Sempre hai queixas sobre as Letras, pero está ben, hai discusión”
Hai dous anos e cinco meses que Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) aterrou na presidencia da Real Academia Galega
Hai dous anos e cinco meses que Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) aterrou na presidencia da Real Academia Galega. Segue a reclamar un bo financiamento para a institución e, malia as obrigas do cargo, a obra literaria do autor de Contra Maquieiro continúa: “Sempre hai tempo”.
Pregunta. Foi Valentín Paz Andrade un bo poeta?
Resposta. Excelente poeta.
P. Este ano apareceu moita obra descoñecida.
R. Distingo entre a poesía que acabo de visitar por primeira vez e a que me acompañou desde os 17 anos. A idea que tiña del é a dun poeta cunha linguaxe comunal, dunha época, con moitas semellanzas con Lorca</CF>. Por outro lado ten moita proximidade a Neruda. Porque o Canto General é da mesma xínea que o Pranto matricial. Paz Andrade incorpórase ademais a esa poesía política característica da Galicia dos cincuenta, a poesía política anterior a Celso Emilio Ferreiro.
P. A do exilio.
R. Seoane, Lorenzo Varela... Paz Andrade resolve moi ben o verso e ten oído musical, non é torpe. Non está sorprendendo aos poetas da miña xeración, porque coñecimos en 1955, no libro de Del Riego Escolma de poesía galega. Pero si a persoas menos atentas á evolución da poesía galega. É, ademais, un dos poetas en que o tema feminista aparece con máis intensidade. Igual que en Rosalía, a muller en Paz Andrade é a muller proletaria, a campesiña, a traballadora. Castelao, un home de Rianxo con sentido social, nunca pintou as mulleres dunha fábrica de conservas. Paz Andrade representa unha sensibilidade moito máis avanzada.
P. Tratouno?
R. Si, aínda que existía unha inmensa distancia entre Paz Andrade e o grupo de Galaxia. Malia iso, a maior parte da xente da miña idade falamos con Paz Andrade. Era moi asequible, un home de ideas que sabía que tiña que comunicar esas ideas.
P. Que o atrae máis dunha figura con tantas dimensións?
R. Interésame moito o político. Enche todo o século XX coas súas propostas. A súa mensaxe política faise moi intensa durante o franquismo. Galicia como tarea hai que lelo así. Paz Andrade non creu na Comunidade Europea: o europeísmo da Revista de Economía de Galicia élle alleo, non cae no mito do europeísmo e si na relación co Terceiro Mundo a través do Atlántico.
P. Na República traballou como avogado da patronal.
R. Ramón González Costas, heroe de 1972, falou dos servizos de prestaba Paz Andrade á clase obreira como avogado gratuíto, de que era un home moi querido pola clase obreira. González Costas era da Organización Obreira e hoxe da FPG. Durante a República, Paz Andrade era avogado dos armadores de Bouzas e uns anarquistas quixeron matalo. Foi tan mal visto ese ataque que o condenou ata o asesor xurídico da CNT e da FAI da Coruña, Luís Seoane. Paz Andrade nunca tivo actitudes antiobreiras.
P. O ano que vén, o Día das Letras fai medio século. Que sentido ten a xornada?
R. Unha festa de reivindicación nacional que eu non sospeitaba que fose cobrar a importancia que cobrou. Dicían que, tras Lois Pereiro, agora non se move nada. Cada ano hai unha queixa, unha protesta, pero iso está ben, porque hai discusión. Este ano, por primeira vez, a patronal fixo unha declaracións polo Día das Letras. E un grupo punki de Tebra, unha aldea de Tomiño, fai unha festa que se chama Paz Andrade. Iso é un botón de mostra.</CF>
P. Fóra do debate sobre se debe ser festivo ou non...
R. Ese debate xa... fede. Eu compréndoo, son os libreiros, algúns libreiros. Pero que a fagan. Estamos nunha etapa de liberalismo absoluto e pódese vender libros en día festivo. Como na época de Franco saían Álvarez Blázquez e Darío Xohán Cabana nun furgón e ían polas feiras, domingos e días festivos.
P. A vostede gustaríalle mudar algo na celebración?
R. Debe ser día festivo, porque os festivos non só os debe ter a Igrexa Católica ou o Estado español. Aquí hai un problema gravísimo: no día 25 de Xullo coincide un patrón oficial da España neocatólica e o Día da Patria Galega. Xera interferencias. En cambio, o Día das Letras é só o Día das Letras.
P. Malia a redución de 300.000 euros, está satifeito cos orzamentos da Academia?
R. Estabamos indignados porque os recortes afectasen á galega máis que á catalá e á vasca. Recordábame as Festas Minervais de Santiago de 1957 en que os premios en galego eran menores que en castelán. Houbo unha crise intensa ate que se equipararon. O PSOE e o Bloque actuaron con contundencia, pero se o PP non aceptase non habería nada que facer. Aos máis altos niveis do PP houbo queixas.
P. A Xunta debería involucrarse máis no financiamento?
R. A Xunta aplicou os recortes como aos demais. Non eran ofensivos. Pero pediremos sempre que a Academia estea mellor dotada. Temos museo, biblioteca, funcionarios, dicionarios e gramáticas en creación.
P. Cal é o estatus económico ao que aspira a Academia, alén dese tirapuxa continuo?
R. A vocación desta Academia é estar calada e traballando, non saír á rúa.
P. Pero como debera estar integrada nos orzamentos?
R. Tería que haber unha subvención fixa e adaptarse a ela. Ademais precisamos subir os salarios dos empregados, que son moi baixos. A plantilla son persoas de altísima cualificación. Terían que gañar o mesmo ca un catedrático de instituto. É un traballo dese nivel.
P. Está satisfeito co traballo científico da institución?
R. Moi ben. Están funcionando por primeira vez na historia as seccións. Hai académicos moi sabios e moi maiores que están facendo un esforzo xuvenil de entusiasmo e de traballo. E os correspondentes axudan moito.
P. Que achega o dicionario?
R. É un paso adiante, pero en construción permanente, un dos traballos estrela da Academia. Outros son a gramática normativo-descritiva ou o dicionario dos apelidos galegos.
P. A gramática foi un dos obxectivos que se marcou. En que estado se atopa?
R. Hai unha comisión traballando nela. Cando rematarán? Se tardamos cen anos en tela, podemos agardar algún máis. Hai outras gramáticas. Pero ten que haber esta pola carga simbólica e a dimensión descritiva.
P. O acto da Academia do 17 de maio coincide coa manifestación en defensa da lingua...
R. Eu limítome ao Primeiro de Maio. Podería participar na do 17, pero coincide cos actos.
P. Hai ameazas ao galego?
R. Hai perda de utentes. Non o consideran necesario e mesmo un inconveniente. A política lingüística vasca ou catalá foi a contraria, para que unha lingua en deterioro mudase en viva. Aquí non se levou unha política así. O galego ensínase nas escolas e úsase nas administracións. Está ben, pero tiña que estar mellor, tiña que haber unha política lingüística de inmersión.
P. Existe en parte da sociedade galega unha mentalidade que despreza o galego.
R. Porque está minorizado. Antes, calquera rapaz de aldea en canto entraba no mundo dos porros olvidábase de dicir “carallo” e pasaba a dicir “qué fuerte”. A Igrexa Católica e todas as sectas descriminan o galego.
P. Os medios de comunicación.
R. Pero non o desprezan, senón que non o usan. Os enterros fanse en castelán. Ninguén pon unha esquela en galego. O galego recupérase por un lado e pérdese por outro.
P. Compaxina o cargo coa súa obra literaria?
R. Hai tempo para todo.
P. Ten publicación á vista?
R. Non, non teño presa.
P. Segue a literatura nova?
R. Bastante. Non vou dicir ningún nome, pero hai autores que sorprenden, que me alegro de volver ler. Hai unha literatura en marcha con diferentes posicións e contradicións. O estraño é que a literatura estea nun estado esplendoroso e despois a lingua en perigo. Tamén me chama a atención que non existan moitos escritores que vivan aquí e en castelán. Hoxe case todos os escritores serían Pondal, escriben en galego e nada máis. Non existe xa o modelo Rosalía, escritora en galego e en castelán.
P. Non hai figuras da envergadura dun Torrente.
R. Hai outro fenómeno novo, o escritor galego traducido e celebrado nas culturas hexemónicas. Vai preguntar nunha libraría de Lisboa, xa non digo de París, por Torrente e non se coñece. En cambio, Manuel Rivas está editado en Gallimard, e é iso son palabras maiores, a capital editorial da República Mundial das Letras. Un escritor monolingüe galego. Eu alégrome, claro.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.