_
_
_
_
NATALIA FERNÁNDEZ | DIRECTORA DA FUNDACIÓN GRANELL

“A exclusividade da Granell debería rendibilizarse doutro xeito”

“Levar a Granell ao Gaiás sería alimentar un gueto cultural”, afirma a Directora da Fundación Granell

Natalia Fernández, directora da Fundación Granell
Natalia Fernández, directora da Fundación Granell

Dedúcese que Natalia Fernández Segarra, filla de Eugenio e directora da Fundación que leva o seu nome, no santiagués Pazo de Bendaña, afronta o centenario con esperanza. Pero sobre o espazo onde están censados orixinais de Picabia ou Aragon —o patrimonio doado a Santiago excede os 15 millóns de euros taxados— houbo quen, durante o derradeiro inverno de Conde Roa, apuxo os números ás potencias. Fernández escribe dende Washington, onde reside: “A exclusividade da Granell debería rendibilizarse doutro xeito”.

Pregunta. Que remarcaría nas actividades da Granell desque empezaron?

Resposta. Houbo moitas exposicións: Granell e o teatro, a arquitectura, a alquimia, a muller na obra de Granell... A exposición Eugenio Granell: Militante del POUM, que rescatou do esquecemento a relación de Galicia con este partido... O CGAI investigou sobre o cine de Granell, e agora mesmo algunhas das súas películas forman parte dun ciclo de cine experimental español que se pasea por todo o mundo baixo o título Del éxtasis al arrebato, 50 años del otro cine español. Máis os congresos, sen deixar de lado que tamén funcionamos como editorial.

P. O mercado da arte é como o inmobiliario, en termos de custo e oportunidade, só que con menos diñeiro público. Que levan feito para ventear os recortes?

R. Hai anos creamos unha serie de mostras para dar a coñecer a obra de grupos surrealistas de diversas partes do mundo. Estas mostras xeraron un gran apoio á Fundación e incrementaron os seus fondos, grazas ás doazóns de moitos destes artistas. Moita xente tamén descobreu Santiago desta maneira. E tamén traballamos en exposicións de artistas galegos como Xesús Carballido, Gabú, Paco Pestana, Leiro, Oro Claro... Amais de moitas outras baseadas nos nosos fondos: Ernst, Dalí, Jacqueline Lamba, Lorca, Gordon Onslow Ford, Esteban Francés, Cruzeiro Seixas… O custo de cada unha delas é gasto importante.

P. Ata que punto?

“Levar a Granell ao Gaiás sería alimentar un gueto cultural”

R. Como media, cada unha destas exposicións custa uns 40.000 euros; una publicación de certa calidade custa, tamén modestamente, uns 15.000. O ideal é ter tres ou catro exposicións... Sumen e multipliquen, a ver se o orzamento que temos é dabondo.

P. A uns meses do centenario de Granell publicouse na prensa local unha valoración de Raxoi cualificando de “ruinosas” as contas da Granell. Sono?

R. Debo dicir que Currás, daquela concelleiro de Cultura do PP, e ao que lle desexo o mellor ante este novo reto, amosou o seu interese pola Granell desque chegou ao Concello. Tamén recoñezo que a situación económica é realmente seria e que a súa posición non debe ser nada fácil. Pero o que non sei é por que se nos sinala só a nós, tendo en conta o riquísimo patrimonio que acubillamos, regalado, e que precisamente nunca puidemos espremer ao xeito por falta de diñeiro.

P. Consentirían que o legado de Granell se instale no Gaiás, como tamén se escoitou daquela?

R. Investíronse máis de 600.000 euros de diñeiro público na reforma do Pazo de Bendaña, as obras remataron hai dous anos... Iso sería igual a negar a posibilidade de xerarmos un patrimonio contemporáneo na cidade de Santiago, e seguir alimentando o contedor de de Gaiás como se fose un gueto cultural. Pode que o patrimonio de Díaz Pardo se leve ao Gaiás, pero alí non vai ir o Museo Carlos Maside. Bendaña cedéusenos provisionalmente en 1996, e a miña nai comunicou a súa intención de doar todo o seu legado á cidade en 2007. Esta doazón fíxose efectiva co compromiso de manter a Fundación na súa sede actual. Este é un museo adicado exclusivamente ao surrealismo, único no mundo. Unha fama que non xera diñeiro, pero si respecto e admiración. A súa exclusividade debería rendibilizarse doutro xeito.

P. Cal é entón o seu modelo de institución cultural para unha época na que o neoliberalismo considera produtivo aforrar en cultura?

R. A cultura sofre sempre en época de penuria económica, o deporte non... Nunca o entendín, porque a cultura manifesta o que somos e é o legado que deixamos para o futuro. Espero que esta encrucillada se inscriba na nova Lei de Mecenado en España. Vivín nos Estados Unidos moitos anos, e todos os museos xeran alí diñeiro de diversas maneiras, pero tamén reciben xenerosas doazóns da xente, do público.

P. Na época de Fraga as axudas á Fundación foron escasas, pero á inauguración da escultura do Auditorio viñeron ministros do PSOE. Aínda era o derradeiro Granell un home molesto para o poder?

R. O PSOE, cando tomou o poder na Xunta, iniciou unha boa colaboración coa Fundación. E compráceme dicir que a actual Xunta continuou esta boa relación. O meu pai sempre foi unha persoa moi controvertida... Foi antiestalinista, expresouse contra Alberti, Carrillo e a Pasionaria repetidamente. E non era nacionalista, pero isto non quere dicir que non amase Galicia, en especial Compostela. Non hai máis que ver os títulos de moitas obras, ou ler escritos como Memorias de Compostela e Lo que sucedió. Era universalista e loitou sempre pola igualdade. Era surrealista: isto abrangue todos os seus posicionamentos políticos, así como a súa loita pola liberdade, o amor e a poesía.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_