_
_
_
_

A orixinalidade literaria de Granell

Agora que se celebra o centenario do nacemento de Eugenio Granell, é hora de se preguntar pola importancia da súa obra literaria

Agora que se celebra o centenario do nacemento de Eugenio Granell, é hora de se preguntar pola importancia da súa obra literaria, do ensaio á poesía, do conto á novela. Unha obra literaria rica, variada, plural e excelente.

Críticos e estudos de Marra López, Paco Tovar, Estelle Irizarry, Vicente Lloréns, Fernández Santos ou Gonzalo Sobejano, son conscientes da orixinalidade da súa narrativa (tres novelas, La novela del indio Tupinamba, Lo que sucedió, El Clavo, e un libro de relatos: Federica no era tonta) e non saben onde incluír Isla cofre mítico. Para Paco Tovar, é un libro testemuñal; para Irizarry, é imposíbel definir o seu xénero, a un tempo poesía, estudo, divagación lírica, biografía. Ao cabo, a illa é lugar aberto e fechado por todas as partes, como mito, como falansterio, como utopía: o surrealismo como illa salvadora. E todos loan os seus ensaios e esquecen a súa poesía (Estela de presagios). Todos definen as súas novelas como relatos surrealistas cheos de humor negro, afirman, ou confirman, os presupostos bretonianos de Granell (mais coa marca do autor: segundo Tovar, “tan disposto a manter a súa independencia e tan próximo aos acentos galegos, a tradición española e o respecto pola historia…”) ou influencias de Gómez de la Serna, Valle-Inclán, o barroco español —sobre todo Baltasar Gracián.

Se Isla cofre mítico é un libro surrealista que se inscribe na esteira d’O amor louco, Arcane 17 ou Os vasos comunicantes, de André Breton; d’O campesiño de París, de Aragon. E un libro non só orixinal, senón único na literatura española: tamén cabe recordarmos que no Manifesto do surrealismo André Breton lanza unha carga de profundidade contra a novela, tan mal vista nos anos heroicos do surrealismo. Isto debe levar a nos preguntar se as novelas de Granell son surrealistas, deixando claro, antes de nada, que el era surrealista da única maneira que se é surrealista: pola acción e a participación nunha ética e unha estética. Noutras palabras, formando parte do movemento surrealista, como foi o caso. E esta é a pregunta que nunca se fixeron os críticos e estudosos españois de Granell. A resposta, avancémola, é positiva. Positiva e non porque aparezan “influencias” que os críticos non albiscaron ou obviaron: Raymond Roussel —os inventarios caóticos, os xogos de palabras, parecen saír directamente dos consellos do escritor frances (Como escribín algúns dos meus libros)—, Alfred Jarry —O Supermacho—, os contos de Benjamin Péret..., senón polas razóns que se darán.

As novelas e os relatos de Granell atravesadas por descricións rabelaisianamente grotescas e un feroz humor negro, gozan tamén duha profunda alegría onde o lirismo se converte en sátira e a sátira supera de tal maneira o seu obxecto que se converte en poesía. Porque a poesía nesta narrativa é capaz de facer aparecer a terríbel coherencia que liga as ideas, os homes e as cousas. É a poesía, xa que logo, o que converte as novelas de Granell en novelas surrealistas, mais non só. Se nas novelas da Guerra Civil se pode rastrexar, Paco Tovar dixit, a memoría biografía do seu autor e das súas angustias e os seus fantasmas; se, en palabras de Granell, a novela é “un intento de buceo do espírito, unha profunda inmersión no misterio do home”, non por iso se converten en novelas surrealistas. Son novelas surrealistas por outra razón: o importante non é a historia que se conta, nin os personaxes (ao cabo, existe o personaxe surrealista? O surrealismo procura a “explosión” do personaxe, cousa lograda na narrativa de Granell), senón a actitude do escritor: o surrealista que escribe novelas espera algo das novelas que vai escribir. A escrita da novela, como a escrita da poesía, por parafrasar a Breton, “como o abrazo carnal, impide toda escapada sobre a miseria do mundo”. Esta orixinalidade de Granell convérteo nunha voz senlleira na narrativa española do século XX: a única voz propiamente surrealista desa narrativa. E habería que engadir o intento, conseguido, de crear coas súas novelas de guerra unha posíbel épica surrealista.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_