Narrar a asemblea
As ópticas literarias para se achegar ao nacionalismo son diversas: épica, distopía, parodia, naturalismo
Imaxinen que, após a escisión do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras escribe unha nouvelle en que arremete, personaxes interpostos mediante, contra Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez. Pois algo así agocha Crónica de nós, o volume de relatos asinado por Méndez Ferrín en 1980 e que levaba por epígrafe un “viva a nación galega ceibe e socialista”. O escritor viña de abandonar a Unión do Povo Galego, a organización que contribuíra a fundar en 1963 e coa que pisou as cadeas franquistas, e a ruptura sacudía a esquerda nacionalista. Non hai axuste de contas literario equivalente ao conto Odiado amado incluído no libro: o daquela secretario xeral da UPG Pedro Luaces, transmutado en Amado Noia, é despezado politicamente pola máquina de escribir de Ferrín nunha narración violenta e memorábel.
Xa o fixera máis veces. O político e o escritor conviven no mesmo corpo. Retorno a Tagen Ata (1971) fundou a ficción política contemporánea nun escenario distópico en que o pactista Ulm Roam (Ramón Piñeiro) cae baixo a revolución nacional-popular encabezada por Rotbaf Luden. En Bretaña, Esmeraldina (1987), a súa novela máis acabada e ao tempo polémica e discutida, inventa un movemento de liberación que, segundo o investigador Anxo Angueira, manexa as coordenadas do nacionalismo independentista e comunista en que o autor militaba e milita.
A implicación directa de Ferrín na materia que logo, ou simultaneamente, empregaba na súa obra —a escrita como intervención— afasta o seu proxecto de tentativas lindeiras. Por caso, do Asasinato no Consello Nacional (2010) con que Diego Ameixeiras trazou os enredos intestinos do BNG e atinxiu a súa novela de maior repercusión. Con chiscadela a Montalbán no título pero en liga diferente pola menor profundidade ideolóxica, Ameixeiras pasou ao papel ruxe-ruxes, lugares comúns e informacións de prensa sobre o nacionalismo parlamentario e construíu unha trama prototípica do noir contemporáneo máis comercial. O seu éxito contrasta coas dificultades que atopou A perspectiva desde a porta (2009), de Patrica A. Janeiro.
A nación novelada
-Crónica de nós (Xerais, 1980)
-Retorno a Tagen Ata (Xerais, 1971)
-Bretaña, Esmeraldina (Xerias, 1987)
-Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010)
-A perspectiva desde a porta (Positivas, 2009)
-Rastros (Positivas, 1998)
-Xelamonite (Galaxia, 2006)
-Viaxe ao país dos ananos (Xerais, 1968)
-Casa Skylab (Xerais, 2003)
-Obediencia (Galaxia, 2010)
-O cervo na torre (Xerais, 1994)
-Informe bestiario (Laiovento, 1991)
A segunda novela de Janeiro tardou dous anos en resultarlle interesante a unha editorial, malia que fora finalista no Xerais. A novela tece, con prosa dócil, vimbios temáticos incómodos: os debates que, na esquerda nacionalista, desembocaron nunha vía armada, a soidade política e social dos presos independentistas, as teorías do entorno terrorista e a criminalización de opcións ideolóxicas. “Quería preguntarme que pasaría se un día espertamos coa ilegalización dun partido, dun sindicato ou co peche dun xornal, como pasa noutros lugares”, respondía a escritora nunha entrevista en Vieiros. Practicamente só Roberto Vidal Bolaño, pero na peza dramática Rastros (1998) en que un dos protagonistas cumpre condena por pertenza a banda armada, e Luís Paradelo, de maneira máis oblicua, en Xelamonite (2006), abordaron o recurso á violencia política explícita na etapa autonómica.
Pero non unicamente existen lecturas máis ou menos naturalistas. A parodia, a retranca, o escarnio, tamén funcionan. E talvez o ilustre antecedente foron os feroces poemas de Viaxe ao país dos ananos (1968), que enfrontaron a Celso Emilio Ferreiro non só cos emigrantes galegos, senón con exiliados da envergadura de Luís Seoane. Na Casa Skylab (2003), de Jaureguizar, dous siameses rexentan o pub Sempre en Galiza, onde custodian os lentes de Castelao, o chapeu de Beiras e os xamóns cantados por Otero Pedrayo. O xurado do premio Xerais consignou nela “unha interpretación mordaz e paródica do galeguismo”.
Como mordaz pode definirse a paisaxe que debuxa Obediencia (2010). Distopía de aires ballardianos e que toca nalgún extremo co Costa Norte/DFK (2008) de Xurxo Borrazás, a novela de Antón Lopo dialoga coa contradición Terra Ancha vs. Tagen Ata e sitúa os acontecementos nunha Galicia independente e de gobernanza autoritaria e confesional. Obediencia xoga, entre outros propósitos, a imaxinar o día despois á liberación nacional e a evidenciar os cadora máis sofisticados dispositivos de control social. O proxecto de Lopo tampouco é caso único. En 1994, Darío Xohán Cabana deu ao prelo O cervo na torre. Nela, o Estado é galego-portugués e as xentes preocúpanse pola “verdade social e son quen de unírense para loitar contra as concepcións perversas do mundo”. Utopías invertidas, ou non, tamén as trazou Ignacio Taibo en Informe bestiario (1991): Galicia como “república independente coas comarcas federadas e revolucións anarquizantes”.
Entre a escrita e ‘polis’
Na secuencia provincialismo-rexionalismo-galeguismo-nacionalismo, a literatura aparece a cada intre. Non por acaso, o galeguismo organizado politicamente no Partido Galeguista atinxiu representación nas institucións españolas —en concreto, nas Cortes— con dous escritores á fronte: Castelao pola provincia de Pontevedra e Otero Pedrayo pola de Ourense. As ataduras entre autores literarios e activismo político encadrado no nacionalismo non rematan na república. Nin moito menos.
Os patriarcas líderes das familias activas na esquerda nacionalista son o primeiro exemplo. Xosé Manuel Beiras, amais de ensaísta, traduciu a Camus o a Jean Anouilh. O secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, é unha das máis recoñecidas e agudas autoridades en Rosalía de Castro. Precisamente na fundación dese partido en 1964, autodefinido comunista e patriótico, asinaron dous poetas de sona: Xosé Luís Méndez Ferrín e Celso Emilio Ferreiro. A novelista e pensadora feminista María Xosé Queizán —que abandonou a organización hai décadas—, a investigadora literaria Pilar García Negro —que continúa na súa dirección— ou o poeta e narrador Lois Diéguez tamén formaron ou forman na U. Na outra banda das pólas que confluíron no BNG, o Partido Socialista Galego (PSG) de Beiras, atopouse a primeira hora —1963— o poeta de Tempo de Compostela, Salvador García Bodaño.
Sobre todo nos anos do cambio ao réxime autonómico, o prolífico Manuel María emerxeu como figura do nacionalismo popular. Nesa mesma época, Bieito Iglesias ou Xosé Miranda dirixían o estudantado nacionalista. E coa progresiva unificación do nacionalismo de esquerdas, as incorporacións de escritores sucedéronse: Avilés de Taramancos foi concelleiro en Noia, Xosé Manuel Millán Otero —poeta e accésit do Esquío— alcalde de Moaña até o ano pasado, Modesto Fraga xefe da oposición nacionalista en Fisterra, o poeta Rafa Villar lidera o Movemento Galego ao Socialismo e a ensaísta e narradora Teresa Moure vén de entrar no Consello Nacional do Bloque.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.