_
_
_
_
Reportaje:Luces

A dobre desaparición de Roberto Blanco Torres

Os restos do poeta asasinado en 1936 non están onde agardaban os investigadores

O restos mortais de Roberto Blanco Torres -o político, periodista e poeta galego asasinado dun tiro no peito e rematado con outros tres, na madrugada do 2 de outubro de 1936- ficarán para a eternidade espallados nalgún osario do entorno do camposanto de Galez, en Entrimo (Ourense). Son irrecuperables. Xa non poderán recibir sepultura. A historia deu un xiro inesperado para investigadores e familiares. Tiñan a seguridade do lugar concreto onde se atopaban os restos de Blanco Torres. Pero 64 anos despois do crime político, os seus descendentes terán que continuar a vivir na incerteza, nunha espiral que non se pechará.

O pasado día 10, a viaxe á recuperación e dignificación dos restos de Blanco Torres bateu cos fuciños no paredón da realidade da meirande parte dos cemiterios galegos: a súa sobreexplotación. Tres arqueólogos profesionais comandados polo vicepresidente da Asociación para la Recuperación da Memoria Histórica, Santiago Macías, e acompañados por algúns familiares de Blanco Torres, asistiron expectantes, cunha grande "excitación emocional", a unha cata histórica que ía poñer o punto final a unha longa viaxe ao pasado a través dun arduo traballo de investigación. Pero aínda que tiñan o plano perfectamente detallado do tesouro, resultou que o cofre fora saqueado.

"Atopamos restos doutras persoas, non de Blanco Torres", di un activista
Os ósos perdéronse no cemiterio debido a enterramentos posteriores
Os cartafois da xustiza situaban o cadáver detrás do ábside da igrexa
"Vai ser imposíbel atopar nada", admite Macías, da asociación da memoria

O traballo de exhumación levounos exactamente ao punto de partida, no comenzo da viaxe. "Atopamos só os restos doutras persoas, ningún de Roberto Blanco Torres nin dos dous homes que foron soterrados con el", o mozo escribinte de 28 anos, Rizal Villamarín Iglesias e o ebanista de 43, Eulogio Vázquez, explica Macías a impotencia e a frustración. "Os veciños pensaban que non se lle tocara á sepultura, pero hai centos de soterramentos posteriores e posiblemente os restos de Blanco e dos outros foron a dar a un osario ou directamente ao lixo", aventura o vicepresidente do colectivo. "Alí non hai máis que unha caixa baleira".

O plano da sepultura non deixaba lugar a dúbidas. Unha dilixencia de soterramento da época ubica á perfección o lugar exacto no que foron soterrados os tres asasinados. Un peón camiñeiro descubriu, no mesmo ano de 1936, cando o golpe de Estado, nun punto denominado Corga da Videira, estrada que une de Ourense con Portugal, concretamente na parroquia de Galez, os restos de Blanco Torres, Villamarín e Vázquez e informou do achado no Xulgado de Bande. A instancia abriu dilixencias e informou a Comandancia militar. Os restos foron identificados e posteriormente soterrados.

Santiago Macías atopou hai xa anos -antes da chegada do Goberno bipartito á Xunta e da aprobación no Congreso da Lei de Memoria Histórica- no arquivo militar de Ferrol o plano detallado. "Nas dilixencias que se fixeron daquela de costas á familia, sitúase a Blanco Torres claramente no cemiterio de Galez, na parte posterior da igrexa, preto do ábside, non hai dúbida", sinala o experto. Tanto el coma os descendentes de Blanco Torres teñen a seguridade de que os restos foron retirados "para incluír cadáveres máis recentes, coa seguridade de que ninguén ía reclamar xamais os ósos deses descoñecidos".

A documentación recuperada por Santiago Macías inclúe a autopsia realizada polo forense de Bande, Ildefonso Santalices.Nos cartafois, que constitúen a causa 251 de Ourense aberta pola Asociación da Memoria Histórica, constan con todo detalle as causas da morte dos tres homes. A autopsia é clara. Dá conta de que o cadáver de Roberto Blanco Torres era o dun home "cuxa idade oscila entre os 40 e os 44 años, de complexión robusta e talla regular". E indica que presentaba na "parte media do arco superciliar do lado esquerdo" unha ferida de arma de fogo curta e outras dúas "na zona subauricular do lado dereito". O forense explica no seu informe que apreciou un "gran contido de sangue e perforación de meninxes con destrozo en masa encefálica na parte percorrido polo proxectil". Non foron os únicos disparos que recibiu o poeta galego. O parte da autopsia indica ademais a perforación do pulmón dereito na parte superior "de certa cantidade de sangue contido nesta cavidade".

Investigadores e familiares non teñen dúbida de como se desenvolveu a escena do crime. Como en tantos outros paseos, os asasinos disparaban ao corpo das vítimas para impediren que os represaliados fuxisen correndo. Unha vez no chan rematábanos con tres tiros na caluga. Así atopou a morte Roberto Blanco Torres.

"Vai ser prácticamente imposible atopar xa os seus retos", repite Macías. Non hai outro lugar no que buscalos. O vicepresidente da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica está convencido de que o mapa estaba perfectamente detallado e era exacto. Pero a historia xogoulle, unha vez máis, unha mala pasada aos familiares. Roberto Blanco Torres segue a estar desaparecido.

O descanso imposíbel

Un dos sobriños do poeta, Juan Luis Blanco Valdés, narra no seu blog Fragmentos da galaxia o desencanto que invadiu os familiares que o día 10 asistiron emocionados no cemiterio de San Fíz de Galez á que ía ser a exhumación dos restos mortais do seu devanceiro. Os descendentes do poeta pensaban dar repouso aos ósos do seu tío xunto os da súa muller, Julia, falecida en 1966 e soterrada no cemiterio da Peroxa, tamén en Ourense.

A familia planificara celebrar un acto íntimo no camposanto da Peroxa, "no que a través dalgúns poemas queriamos transmitir aos moitos nenos e mozos actuais da nosa prole o sentido da integridade e rigor que guiaron a vida de Roberto, o seu devanceiro". Blanco Valdés conta como na viaxe de volta dende a fracasada exhumación cismaba "en que son momentos como os vividos esta tarde os que se acubillan nos recantos máis túzaros da lembranza para se reiterar, consorte pasa o tempo, coa luz máis intensa da vida, a mesma vida que a Roberto lle furtaron". "Non poido ser", láiase. "Saiba Deus onde foron parar os seus maltreitos ósos", pregúntase Blanco Valdés no post titulado O humus inmóbil tanto tempo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_