_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A condición galega de Espriu

Monográfico do Centro de Estudos do poeta sobre a súa relación con Galiza

Os ambientes literarios de oposición á ditadura coñeceron unha versión da "tríade de escritores periféricos" que denunciou nos anos noventa Quim Monzó. Se na última década do século XX Madrid abría as portas con límites a un escritor de cada nacionalidade histórica, trinta anos antes non se pasaba polo centro. Celso Emilio Ferreiro por Galiza, Gabriel Aresti por Euskadi e Salvador Espriu por Cataluña estabeleceron unha alianza á marxe da capitalidade e arreposta contra o franquismo. O Centre de Documentació i Estudi Salvador Espriu vén de editar o segundo número do seu anuario Indesinenter, dedicado á relación do poeta catalán con Galiza.

Nove estudosos galegos e cataláns, entre eles Basilio Losada, Xesús Alonso Montero ou Jordi Cerdà, abordan dende diferentes ángulos o vencello do autor de La pell de brau (A pel de touro) coa cultura galega. Precisamente un monllo de traducións inéditas ao galego do libro de poemas emblemático de Salvador Espriu centran a colaboración en Indesinenter dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes. "Non se trata dun traballo conxunto", relata Villar Janeiro, parella de Rábade Paredes dende hai anos, "senón que coincidimos, cando aínda non nos coñeciamos, facendo un mesmo traballo".

Para Villar Janeiro, os descubrimento de Espriu adquiriu carácter de revelación: "Eu escribía poemas en castelán influída absolutamente por Juan Ramón Jiménez; con Espriu non só o descubrín a el, senón tamén a poesía galega, unhas literaturas que non tiñan que ver co castelán". Xesús Rábade Paredes, que presentou antonte a súa última novela, Mentres a herba medra, premio Blanco Amor, analiza a posición do catalán no campo literario: "É unha obra fundamental na poesía catalá, que logo foi ladeado mesmo a mala fe; agora estase a recuperar a súa figura". Rábade Paredes compárao con Álvaro Cunqueiro polas súa produción decisiva á hora de renovar as súas respectivas poesías nacionais.

O veterano crítico e tradutor Basilio Losada debulla a súa correspondencia co catalán, mentres Alonso Montero lembra a súa relación con el e escribe, en castelán, unha curiosa anécdota: "A primeira vez que ouvín falar do poeta Espriu foi en Kiev en xullo de 1962. Aconteceu na casa de Nicolai Baján, o poeta en lingua ucraniá máis coñecido". Xesús Alonso Montero tamén trocou cartas con Espriu.

A publicación do Centro Espriu inclúe unha listaxe dos libros galegos da súa biblioteca. Entre os volumes que o poeta de Semana Santa nunca esquecía figuraban a Gramática Elemental del Gallego, de Carvalho Calero; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, Gallego 2, editado polo ILG, e o dicionario de Eladio Rodríguez.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_