_
_
_
_
Reportaje:Luces

Un nacionalista na Transición

Valentín Paz-Andrade, a quen a Academia dedica o Día das Letras Galegas, representou a continuidade republicana do galeguismo na caída da ditadura

Fanse 35 anos desde que se constituíu a Comisión dos Dez, o organismo da oposición antifranquista que negociou con Suárez algunhas das claves que habían sentar a reforma democrática un ano despois da morte de Franco. Avanzando desde a lexitimidade republicana, Galiza estivo representada alí por un político que era tamén xornalista, avogado, economista, poeta, investigador e empresario, Valentín Paz-Andrade, o home das Letras Galegas 2012.

O 6 de decembro de 1976 reuníase a comisión por primeira vez en Madrid. Xunto a Tierno Galván (PSP), Sánchez Montero (PCE), Joaquín Satrústegui (liberais), Francisco Fernández Ordóñez (PSD), Jordi Pujol (CiU), Antón Canyellas (Democracia Cristiá) e Julio Jáuregui (PNV), sentaba Paz-Andrade, o máis veterano, o único que nacera no século XIX (1898). Nesa primeira xuntanza non puido estar Felipe González (PSOE) e máis adiante integráronse os secretarios de CC OO e UGT, Marcelino Camacho e Nicolás Redondo. A comisión era unha decantación dos organismos de oposición, Junta Democrática e Plataforma Democrática, que viñan de unificarse para servir de interlocutores de Adolfo Suárez no camiño que culminou o 15 de xuño de 1977 coas primeiras eleccións libres desde 1936.

"Fixo un gran servizo ao seu país", considera Jordi Pujol nas súas memorias
Algúns galeguistas non se fiaban da súa relación con xentes do PCG

A oposición antifranquista galega estaba daquela dividida entre as organizacións que se alinearon na Táboa Democrática, impulsada polo PCG, e o Consello de Forzas Políticas Galegas, que viña de quebrar en novembro de 1976 e no que se integraran durante 11 meses as principais forzas nacionalistas, a UPG e o PSG. Producíase así certo paradoxo, ao estar na reunión madrileña un nacionalista galego independente, que non conectaba nin co nacionalismo rupturista que consideraba superada o autonomismo non nato de 1936 e poñía na mesa as Bases Constitucionais, nin co galeguismo de Piñeiro, que non mantiña boas relacións cun Paz-Andrade que desde os anos cincuenta viña elaborando un galeguismo de corte máis socioeconómico que podía tomar como texto fundacional o libro Galicia como tarefa, publicado polo exilio. Algúns dos seus contemporáneos galeguistas non se fiaban da súa relación con xentes do PCG, como Fernando Alonso Amat. Escribíao recentemente o presidente da Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín: "Xuro que ouvín eu chamar comunista a Valentín Paz-Andrade, quen xamais se deixou anular no seo do Grupo Galaxia. E alguén volveu chamar comunista a Valentín no día en que el, con inmensa dignidade, formou parte da Junta Democrática de España como nacionalista galego".

Aínda que Paz-Andrade ten deixado nas súas memorias (Valentín Paz-Andrade, a memoria dun século. Tucho Calvo. Biblos 2011), testemuña deste tempo pre-democrático, é interesante rescatar as respostas que lle dá naqueles días a un xornalista do semanario Teima, que se manifesta escéptico sobre as posibilidades da comisión: "A política é negociación. Non sei o que pode saír das reunións, pero o importante é que Galicia estea presente, que non quedemos marxinados nin acochados nos nosos tobos mirando como a historia pasa por riba de nós". E sobre a carencia dalgúns apoios argumentaba "é un problema de cativeza política, resultado de 40 anos de ditadura". Paz-Andrade defendía que o pobo galego se autodeterminara unha vez no Estatuto de 1936, "e mentres non haxa outro acto de expresión popular e libre, o Estatuto virá porque é unha legalidade histórica apoiada no voto masivo dos galegos. Este é un argumento sagrado".

Con apoios demediados pero coa certeza de que a oportunidade pasaba pola porta e había que aproveitala, Valentín marchou a Madrid e estivo en todas as reunións celebradas aqueles meses, como antes participara nas celebradas en París e Estrasburgo de 1974 a 1976 pola Junta Democrática de España.

As reivindicacións da oposición. Contemplado 35 anos despois, o catálogo reivindicativo da Comisión dos Dez pode parecer de manual, pero o muro a escalar dunha ditadura que quería deglutirse sen ruptura custou moito sangue, tanto que a revisión do calendario de atentados, secuestros e mortos nas mobilizacións populares falan dun tempo no que a liña vermella do regreso ditatorial se estivo movendo como mecanismo de presión para limitar as conquistas democráticas. A Comisión dos Dez reclamaba a amnistía política, o recoñecemento de todos os partidos incluído o comunista, a concesión de autonomía ás nacionalidades históricas (Cataluña, Galicia e País Vasco), unha lei electoral con representación proporcional, o desmantelamento de todas as administracións franquistas con substitución dos concellos por xestoras e a convocatoria urxente de eleccións constituíntes.

O proceso de negociación con Suárez durou até abril. Alí o labor de Paz-Andrade, ademais do simbolismo de ostentar a representación de Galicia como nacionalidade, tivo que ver coa elaboración da proposta de lei electoral cunha representación mínima de dous deputados por provincia (finalmente foron tres) e coa idea de crear un fondo de solidariedade interterritorial. Disto finalmente faría bandeira Jordi Pujol, quen desde entón mantivo a amizade con Paz-Andrade, ao punto de dedicarlle palabras de recoñecemento especiais nas súas memorias, "a pesar dun sentimento galeguista que aínda era moi feble, Paz-Andrade fixo un grande servizo ao seu país mantendo vixentes os dereitos nacionais e a lembranza do Estatuto republicano. No trato ademais foi sempre todo un señor". (Memòries. Jordi Pujol. Proa, 2007).

Hai unhas semanas, en conversa co ex presidente catalán, este recoñecía o valor político da presenza galega na Comisión dos Dez. "Alí fundamentalmente Paz Andrade o que fixo foi preservar a lexitimidade do galeguismo e da autonomía galega. Moitas veces o importante non é falar moito, senón facer un xesto e tomar unha posición. Sobre todo cando el era consciente de que Galiza non estaba en condicións de erguer un movemento potente como se demostrou despois naquel primeiro parlamento de 1977. Paz-Andrade levaba consigo os activos do nacionalismo, do acadado nos anos dez, vinte e trinta, dos mártires do 36 en defensa de Galicia, de Bóveda ou de Castelao que rematou exiliado. Levaba a defensa da lingua galega e do Estatuto aprobado nas Cortes de Montserrat en 1938. Era como dicir, estou aquí lexitimando todos eses logros e representándoos".

Fraga atacábao por "multimillonario"

Paz-Andrade reivindica para si a recuperación da denominación Xunta de Galicia para o organismo que máis adiante se había formar previo á redacción do Estatuto e que tamén se decidiu na Comisión dos Dez. "Pensei en Reino de Galicia, que tiña antigüidade desde os suevos, pero supuxen que ía haber moita oposición e optei pola denominación que defenderon Solís e os outros Mártires de Carral cando o levantamento de 1846".

Nunha entrevista en EL PAÍS en 1977, cando a Comisión apuraba as negociacións sobre as nacionalidades, explicaba por que cataláns e vascos ían un paso por diante. "Galicia foi a máis castigada, a máis debilitada, a que viviu repartida entre o chan natal e outros países. Así perdeu a concentración de enerxías que, en troques, permitiron a Cataluña e o País Vasco producir os seus estados de rebeldía. Ademais das apetencias autonómicas comúns, Galicia ten unha conta de agravios moi copiosa fronte ao Estado español. Aínda que o centralismo someteu aquelas nacionalidades, non as empobreceu. A Galicia empobreceuna e fixo crónico o fenómeno da emigración".

A determinación de Paz-Andrade por actuar desde o xornalismo, o ensaio económico e a promoción empresarial vírase frustrada na política. En 1931 o roubo das actas en Lalín impediu que fose con Castelao ás constituíntes; no 33, as forzas de Lerroux e Gil Robles arrasaron a representación nacionalista e finalmente en 1936, incluído nas listas de centro de Portela Valladares, non saíu electo. Atravesou a ditadura sen renunciar ás súas conviccións democráticas e tivo que ser nunha Candidatura Democrática Galega unitaria cando por fin en 1977 exerceu dous anos como senador. Esa representatividade amolaba a un Manuel Fraga que se refería a Paz-Andrade e a Pujol cun descualificador "eses son multimillonarios". Paz-Andrade retrucou con dureza: "É evidente que se do seu voto dependera eu nunca podería estar desempeñando un mandato democrático. Quen só desempeñou cargos políticos conferidos a dedo, ¿que títulos ten para poñer en cuestión a lexitimidade das representacións que confiados aos demais? Un proceso que o movedizo vilalbés cando foi ministro de segunda fornada fixo canto puido para retardar. Con tantas enerxías físicas, financeiras e mentais é lamentábel que o noso paisano as consuma na estéril tarefa de erguer cadáveres políticos. Por de pronto, o franquismo, sistema que pretende converter en manancial que non cesa. Do manancial aproveitouse en vida do macroditador canto puido, como ninguén esquecería (...)".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_