A literatura hai dous mil anos
Novas traducións dos clásicos grecolatinos amosan, aínda, a influencia estética do mundo antigo - Os especialistas botan en falta un labor máis sistemático
A literatura clásica continúa a emitir sinais descifrábeis no tempo en que o capital non dá recuperado a taxa de gaño. Hai dous mil, tres mil anos, que Publio Virxilio Marón redactaba un poema, a cuarta bucólica, practicamente contemporáneo: "Xa chega o final dos tempos que Sibila agoirara / Un grande ciclo de séculos de novo comeza". E se Virxilio, aquel que guiou a Dante polo inferno, ecoa de novo en galego, é grazas ao labor de tradución de Xoán Fuentes Castro. O poeta escribiu as Bucólicas en latín 50 anos antes de que Xesucristo entrase no escenario da historia e agora, na edición que Toxosoutos vén de enviar ás librarías, conforman o último episodio do trasvase entre as letras grecolatinas do mundo antigo e o galego actual.
En Cataluña, a colección Metge publica os clásicos dende 1923
O Consello da Cultura abeirará un arquivo dixital de versións en galego
De Carlos: "Existe unha tradición e, malia todo, vémonos nos textos"
As eivas, di Gómez Pato, veñen de que "non houbo Renacemento"
Malia toda esa retórica trascendente que, por veces, envolve o traballo cos clásicos, Fuentes Castro (O Grove, 1932) escapa do funcionalismo. "Ás veces fanse cousas que non son necesarias, pero que nos dan unha visión diferente da vida, do que fomos e do que puidemos ser", expón. El, que xa pasou ao galego o Lingüística e colonialismo de Louis-Jean Calvet ou o Tractatus de Wittgenstein, confesa que si, que ama a Virxilio -de próxima publicación é a súa versión da Eneida e xa comezou coas Xeórxicas- pero que, porén, non o considera "o pai de Occidente". Si unha figura esencial na "configuración moral" de Europa. Tan esencial que o profesor Xosé Antón López Silva tamén ultima a súa traslación da Eneida e as traducións parciais ao galego do poeta campesiño sucedéronse dende que, en 1898, Florencio Vaamonde Lores abriu a billa.
"No meu labor de tradución tamén hai o aspecto de ser galego", xustifica Fuentes Castro, "porque, ademais, non hai tradución sistematica á nosa lingua". Co punto morto ao que chegou a colección Clásicos en Galego, titelada polo latinista Manuel Díaz y Díaz (1924-2008) e partillada pola Xunta e a editorial Galaxia, ninguén se ocupa de reinterpretar para o galego o susbtrato da cultura occidental. "En calquera outro país, proliferan as traducións de clásicos", explica a profesora da Universidade de Santiago Helena de Carlos (Cenlle, 1964). Mesmo en linguas sen Estado que as ampare: a serie Bernat Metge, fundada por Francesc Cambó, leva dende 1923 acollendo as versións catalás dos escritores da Grecia antiga e da Roma imperial. "En España, a situación só comezou a variar coas edicións de Gredos, que sobre todo son valiosas pola súa gran amplitude de textos", engade.
Ela mesma tradutora da Consolación da filosofía de Boecio -en Clásicos en Galego-, De Carlos codirixe, coa tamén docente Teresa Amado, a que será a versión dixital da iniciativa de Díaz y Díaz e que estará abeirada polo Consello da Cultura Galega. "Trátase de dar a coñecer unha literatura difícil, complexa, moi afastada da nosa realidade", anota, "pero na que segue habendo fíos con nós". Por caso, di, os poemas de Catulo aínda fascinar aos seus alumnos de latín. Desbocado, directo, sen veos, sexualmente materialista, Catulo existe en galego da man de Xosé Manuel Otero e de Clásicos en Galego. Igual que Aristófanes, Ovidio, Cicerón, Marcial ou Sófocles.
"Existe unha tradición literaria e, malia todo, recoñecemos cousas neses textos", insiste. Ao cabo, o mundo do que falan é moi o outro: "Debemos ter presente que se trata dun mundo previo a calquera idea dos dereitos humanos". E aínda así, viven. Constátao Raúl Gómez Pato (Ourense, 1966), que se encargou dunha rigorosa e completa edición de Safo. Cantos e fragmentos (Positivas, 2008) revela unha escrita do erotismo non normativo, construída entre o século VII e VI a.C. e en grego. "Os clásicos seguen vixentes", non dubida Gómez Pato, "e non podemos descoñecer ese elo". Profesor en secundaria, os seus estudantes, asegura, "len a Ilíada e a Odisea, e fano con gusto". Pon un exemplo: a adaptación co que o autor italiano Alessandro Baricco se colocou en 2005 no alto das listaxes de vendas, Homero, Ilíada. "A Ilíada é un libro coñazo", afirma con certa sorna, "e vai Baricco, adáptao e véndese moito".
Agora matiza unha antoloxía da Antoloxía Palatina, a célebre escolma de epigramas recollidos no período que vai da Grecia clásica á bizantina, para Libros da Frouma. Tampouco lle prace a inexistente política de tradución das literaturas grecolatinas. "En Galicia non houbo Renacemento e nin Século de Ouro, cando nas outras literaturas europeas se acometeron as primeiras versións dos clásicos", argúe. Non se subsanou a eiva e ao campo literario galego "fáltalle unha colección especializada, como existe noutras partes". El mesmo se ía encargar dunha liña editorial específica en Rinoceronte, pero o proxecto fica, de momento, paralizado. "Non pode ser, por exemplo, que os tres piares fundamentais grecolatinos só estean en meritorias versións, pero moi vellas e con pouco criterio filolóxico", opina. O Homero da Odisea e da Ilíada di en galego pola labor de Evaristo de Sela, en volumes descatalogados e no seu día publicados polo Consello da Cultura. A Eneida traduciuna fragmentariamente Florencio Vaamonde Lores. Os outros intentos que existen fican inéditos.
A situación empeora ao botar a vista contra o ensino. As humanidades caen en desgraza nos novos planos de estudos, virados ao economicismo e conectados co mundo empresarial, e non hai espazo para linguas sen uso oral. A editorial Rodeira xa non reedita o único libro de texto de latín en galego nin Baía o de grego antigo. Tampouco o tamén único diccionario Carracedo galego-latín. "É unha mágoa que se perdan materiais que xa existen", láiase Raúl Gómez Pato, "por falta de apoio".
Así o estado de cousas, a canteira de tradutores seca. Máis aínda en grego antigo. A titulación de Clásicas da Universidade de Santiago colleita seis ou sete licenciados por ano. E, segundo a profesora Helena de Carlos, "este traballo requiren unha certa formación". O cheiro a latín, esa apostila habitual na crítica á tradución dos clásicos, non resulta doada de evitar. "As estruturas lingüísticas son moi diferentes e hai que achar un compromiso entre os usos do idioma clásico e os usos da nosa lingua na actualidade". Porque se trata de fedellar no latín e no grego antigo como refrencias e non empregar, como acontece por exemplo co Banquete de Platón que publicou Xuntanza, coa edición en castelán de Gredos. "Que cultura occidental non ten os clásicos no seu idioma?", conclúe, cunha interrogación, De Carlos.
Do grego e do latín
- As Bucólicas, de Publio Virxilio Marón. Traducidas do latín por Xoán Fuentes Castro -quen anuncia xa a súa versión Eneida e que traballa nas Xeórxicas- para a editorial Toxosoutos, nas dez églogas que compoñen o libro falan pastores e apenas se manifesta o eu. Segundo o propio tradutor indica no limiar, "a poesía bucólica, máis que un xénero, sería quizais un fenómeno sincrético só identificábel polo ambiente campestre en que os personaxes se moven". Datan do século I a. C.
- Os Relatos verídicos, de Luciano de Samósata, foron escritos no século I d. C. O libro, publicado por Rinoceronte Editora (2010) e obra de Xurxo Pereira e Xosé Abilleira, tende á sátira e á parodia. Na propia introdución que Luciano colocou á fronte dos textos explica que "cada unha das historias agacha, sen carencia de comicidade, algúns dos antigos poetas, historiadores e filósofos que escribiron moitos relatos prodixiosos e mitolóxicos". Hai nove anos, Teresa Amado publicou Diálogos de Deuses. Diálogos de prostitutas, tamén de Luciano.
- Safo é, a día de hoxe, unha das escritoras da antigüidade -grega nesta caso- ás que máis recorren os poetas contemporáneos. Edicións Positivas levou ás librarías Cantos e fragmentos, en versión de Raúl Gómez Pato. Compostos no século VII a. C., os seus poemas, segundo o tradutor, "constitúen a fonte máis clara do sentimento erótico que unha muller podía inspirar a outra, así como a naturalidade coa que dita experiencia se vivía na época arcaica".
- Poesía Bucólica Latina traduciuno Fernando González Muñoz e saiu en Clásicos en Galego de Galaxia en 1993. Recolle "o corpus da poesía pastoril latina, dende Virxilio, o iniciador e principal expoñente do xénero, ata Nemesiano, epígono da fin do século III d. C.". Polo medio, os poemas bucólicos de Calpurnio Sículo e Einsiedeln nunha versión que a profesora Teresa Amado considera modélica.
- Helena de Carlos publicou en 2005, tamén en Clásicos en Galego, a Consolación da filosofía. Boecio escribiuna contra o final da súa vida, no ano 524 e mentres agardaba por que o executasen en pleno declive do Imperio Romano. No volume reflexiona sobre o destino e sobre o triunfo da maldade sobre a xustiza. O autor tamén se propuxera traducir ao latín as obras de Aristóteles e de Platón, mais non rematou o proxecto.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.