Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Os traballos e os días

Un reconto da axenda de Neira Vilas e a ollada de Rodríguez Baixeras sobre o Brasil son as últimas contribucións ao xénero diarístico en galego

Talvez para construír a verdadeira crónica privada das nacións non abonde, como escribira Balzac, coa novela. E aínda que tamén talvez toda literatura sexa ademais testemuño, o campo de batalla da historia, literaria e non, ficaría incompleto sen a escrita restrinxida á etiquera literatura do eu. A este epígrafe poden responder a un tempo a correspondencia postal e o libro de memorias, a narración confesional e o dietario polo miúdo, o diario e o caderno de viaxes. Penúltimo dietario (Xerais, 2011), unha transcrición case literal da axenda de Xosé Neira Vilas, é unha das última achegas ao xénero facturada no mundo editorial galego. Hai máis.

"Nel fun rexistrando o máis sobranceiro da nosa andaina dende que asentamos de por vida neste verde e entrañable recanto occidental do continente europeo", xustifica Neira Vilas (Gres, 1928) nun proemio, en primeira persoa de plural porque inclúe nel á súa dona Anisia Miranda, a edición dun texto en que se suceden congresos, inauguracións, presentacións, plenarios da Academia e actos en escolas ao longo dos 16 anos que transcorren entre o un de xaneiro de 1993 e o 22 de outubro de 2009. Porén, o diario esixe, a maiores, outros materiais. É o caso de Alusión, unha escolma das anotacións que o profesor e poeta Arturo Casas (A Coruña, 1958) colocou no seu clausurado blog Lándoas.

"O blog configura unha variación sobre o vello diario", afirma

Casas 'Días do final', de Manuel Pereira, "é un dietario escrito con anos de retraso"

Baixeras: "Distingo entre o texto íntimo e aquel de carácter máis obxectivo"

Os consultados coinciden en salientar os diarios de Antón Tovar

"Este libro comparte co xénero diarístico o propósito e as funcionalidades da exposición pública dun eu máis ou menos ornado", explica Casas nun correo electrónico, "máis ou menos urxido por lograr algunha forma imprecisa de lexitimación social". O autor afirma, ademais, que o formato da bitácora informática "configura unha variación sobre o vello prototipo do diario, e actualiza outras". Por Alusión (Galaxia, 2011) desfilan contundentes análises do discurso político conservador, a deconstrución dun célebre cantar pop español, lecturas en tempo real, crítica complexa e contundente da política de "eloxio da alienación" de Feijóo ou modestas proposicións estratéxicas para unha cultura nacional autónoma.

"Os blogs", engade Arturo Casas, quen considera Alusión unha derivada de Lándoas, "serven para experimentar sobre os distintos planos que converxen arestora na idea de suxeito". E menciona o paradoxo da cinta de Moebius: o real como continuidade do finxido e viceversa. Nesa contradición dialéctica operan, por caso e de maneira explícita, títulos como New York, New York (Galaxia, 2007), que tamén fora blog e narración tinxida de aguda frivolidade dunha estadía na cidade estadounidense, ou o Diario dun nómada, que Positivas lle publicou a Xavier Queipo en 1993.

O caso de Días do final (Galaxia, 2007), de Manuel Pereira Valcárcel, é pero non é unha impugnación das lindes entre o real e a ficción que, ás veces, aparece na escrita de diarios. "Todo o que se conta e o que se narra é literatura", sostén Pereira Valcárcel (A Estrada, 1955) nunha conversa telefónica dende Madrid, "mesmo escribir unha carta é literatura, a posta en escena cambia respecto de falar na realidade". Días do final dá conta do tempo último do pai do escritor, o que pasou doente dunha leucemia terminal entre marzo de 1994 e o catro de agosto dese mesmo ano, cando morre. "Escribín o libro dúas veces: a primeira vez había demasiada implicación sentimental e refíxeno", lembra.

A diferenza de Futuro imperfecto (Galaxia, 2010), a redacción catártica de Xulia Alonso sobre a sida e o amor como antídoto potencial, todo vivido en propia pel e sen concesións literarias, Días do final ten traza externa de dietario. "Si, é un diario escrito con varios anos de retraso e de xeito liñal", esmiúza Manuel Pereira, "e malia a que a intensidade é inevitábel -estou falando da morte do meu pai-, trataba de evitar un exceso sentimental". Contra o melodramatismo, a intención deste rexistro do "abatemento" consistiu en "poñer a morte no seu sitio". Para Pereira, el mesmo poeta residente na Meseta e achegado á chamada poética da experiencia en Inventario de fragmentos, Todo morte ou Rosa íntima, finalmente o gume sobre o que camiña o escritor de diario é "até que punto está motivado polos acontecementos ou se en realidade pode exceder a anécdota que contas".

Antes de emitir xuízo, Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945) prefire cartografar sumariamente a cuestión. Tamén en Galaxia vén de publicra Brasil no centro, un híbrido entre dietario e libro de estampas producido a partir de cinco anos de residencia en Salvador de Baía. "Aínda que falemos de diarios literarios", apón, "existen moitas variantes; sobre todo distingo entre aqueles de carácter máis íntimo e os que tenden a un carácter obxectivo". Baixeras traduciu en 2006 unha das máis acabadas mostras do xénero, O oficio de vivir, do suicida Cesare Pavese. E a ese volume, que remata cunha atronante entrada -"Palabras non. Un xesto. Non escribirei máis"-, remítese unha vez e outra. "É un diario que se pode cualficar como íntimo e, ao tempo, obxectiviza fenómenos de alcance universal", opina.

Nesas coordenadas en que se moven, entre outros, os dous tomos recompilados por Anxos Sumai -Anxos da garda (A Nosa Terra, 2003) e Melodía de días usados (Galaxia, 2005)- a partir dun diario on line pendurado en Culturagalega.org, Rodríguez Baixeras vai situando outros referentes. "O diario de Witold Gombrowicz era íntimo", apunta, "pero o autor víao publicado no xornal cada semana; resulta difícil non imaxinar que, ao escribir, xa pensaba en que ía haber un lector". As fronteiras entre o público e o privado sempre resultan permeábeis e toda escrita, mesmo aquela destinada ao caixón, é un acto de comunicación. Brasil no centro participa tamén das dificultades de precisión e delimitación do xénero. O propio autor admíteo, e refuga, implicitamente, críticas á súa obra: "Iniciei o libro como un diario e logo introducín textos que se afastan do fluír do día a día; hai a quen lle pode parecer disperso, pero así é o carácter do traballo, peculiar". Nas últimas páxinas volve o relato xornada por xornada na vida brasileira entre 2007 e 2008.

Lonxe desa modalidade de artefacto, pero inscrito no intimismo radical e na honestidade existencialista -daquela, política- que tamén respira nos seus poemas, este ano viu luz diferida a Conversa Ultramarina de Lois Pereiro. Diario dunha enfermidade e dun tempo colectivo escuro, reverso en prosa da cara refulxente da moeda que é Poemas últimos de amor e enfermidade, trátase das dúas longas epístolas dietario que Pereiro remitiu a Piedad Cabo, a súa exparella, mentres esta estudaba en San Francisco. Póstuma, dura, inédita até o día que a Academia decidiu dedicarlle ao poeta de Monforte o pasado 17 de maio, a Conversa... non adquirira, porén, o estatuto mítico de diarios que existen pero non saen da gabeta. Caso emblemático, o de García Sabell. Ou os papeis de Ramón Piñeiro.

"É o vello caso da autonomía da escrita", responde Arturo Casas, teórico da literatura, preguntado pola escaseza de prosa diarística en galego, "o diario, baixo certas condicións sociopolíticas e culturais, é fácil que se vexa como concesión pequenoburguesa ou como flatus sentimental carente de proxección pública". Quitado o Diario de 1921, que Castelao escribiu tras viaxar por Europa, ou, de certo punto de vista, o propio Sempre en Galiza -testemuño dun exilio-, só comparecen por consenso entre os consultados os dous traballos de Antón Tovar, Diario sin datas (Do Castro, 1987) e Diario íntimo dun vello revoltado (Galaxia, 2001), ou as Follas de vagar (A Nosa Terra, 2009) de Eduardo Moreiras.

"Pode ser que haxa un exceso de pudor, porque escribir e publicar un diario esixe certa dose de blindaxe fronte ao exterior; amais, en Galicia somos poucos e escribimos a contracorrente, a actitude é máis ben desculpar as faltas e non nos mancar", puntualiza Manuel Pereira. A investigadora Cristina Martínez (A Cañiza, 1983), que pescuda nas cartas do galeguismo histórico, resume a tendencia: "Parece que se prefire reconstruír a posteriori a traxectoria e non tanto evidenciar os pasos do camiño".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 7 de octubre de 2011