Reportaje:Luces

As vidas verquidas do tradutor Plácido Castro

O Día da Tradución lembra a figura do autor de Corcubión

As dúas vidas que percorreu Plácido Castro deron para moito. Na primeira foi xornalista, político, ensaísta. Na segunda profesor de instituto, columnista, locutor. Nas dúas, antes e despois de que a Guerra Civil fendese a súa traxectoria, Plácido Castro foi tradutor. Hoxe, Día Internacional da Tradución -e día de San Xerome, o primeiro en verquer a Biblia ao latín- lémbrase a figura dun autor de obra curta que non era profesional. Con todo, deixou traballos fundacionais na tradución ao galego e unha visión particular de como transformar textos.

Castro naceu en 1902 en Corcubión, nunha familia de máis que posibles que mandou o rapaz a estudar en Glasgow desde os seis anos ata completar a carreira de Filoloxía Inglesa. Alí, lonxe, educado nunha lingua allea, descubriu Galicia e o galego e comezou a colaborar, na distancia, con xornais e revistas da terra amosando unha visión liberal e internacionalista do nacionalismo galego. Nos anos trinta, xa de volta, implicouse no Partido Galeguista. Era, como o definiu o tamén tradutor Valentín Arias no congreso dedicado en 2005 á súa figura, un "burgués devido en galego e galeguizador de verdade".

É nesta primeira etapa da súa vida cando, inseridas entre os seus artigos, introduce traducións de poemas irlandeses, escoceses e ingleses, con especial predilección polos primeiros nunha época en que Irlanda viña de acadar a independencia e para o galeguismo era un espello. Moitos daqueles autores son descoñecidos hoxe fóra das illas británicas e outros só co paso do tempo se converterían en figuras clave da poética en lingua inglesa. W. B. Yeats, Christina Rossetti, William Blake ou Raftery cantaban entón en galego en El Pueblo Gallego, Diario de Pontevedra ou a revista Céltiga.

Son traducións de "pioneiro", expresión na que coinciden o presidente e o expresidente da Asociación de Tradutores Galegos, Xosé María Gómez Clemente e Xulián Maure, membros tamén da Fundación Plácido Castro. Clemente e Maure tamén coinciden en que a Castro, alén da súa reducida obra, "hai que valoralo na época na que vivía". Nesa época é salientable a súa inquedanza por impulsar, tamén a través de traducións, un teatro galego para espallar a cultura entre o pobo. Xa en 1928, aínda en Glasgow, verquera do castelán ao inglés Almas brujas, do compostelán Manuel Linares Rivas, entón dramaturgo de éxito. En 1935, en colaboración cos irmáns Vilar Ponte, cando pase do inglés ao galego, na Editorial Nós, Teatro irlandés. Dous folkdramas de W. B.Yeats.

Só un ano despois a guerra cortaría a súa primeira vida e obrigaría a Castro a inventar unha segunda. Condenado ao exilio interior, seguiu publicando en medios estranxeiros e instalouse varios anos en Londres. Alí foi locutor da BBC, na que contribuíu á primeira emisión regular en galego. É nesta a súa segunda vida cando Castro publica, en 1949 en Buenos Aires, na Editorial Alborada, Poesía inglesa e francesa verquida ao galego, en colaboración con Lois Tobío e Delgado Gurriarán. A finais dos cincuenta volve a Galicia traballar como profesor ata o seu falecemento en 1967. En 1965 vexa a luz, na revista Grial, ve a luz a primeira tradución do inglés ao galego de As Rubáiyat, obra cimeira da poesía persa composta no século XI por Omar Kayyam.

Pero Castro tamén teorizou. A súa visión: que a tradución poría o galego en igualdade co resto de linguas e potenciaría a primeira opción da disxuntiva que marcou as súas dúas vidas: "Cosmopolitas ou casteláns de imitación".

* Este artículo apareció en la edición impresa del 0030, 30 de septiembre de 2011.