_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os músicos do país falan a lingua de Miles

O jazz galego gaña protagonismo grazas a un feixe de novos valores que aproveitan o ronsel dos pioneiros

Durante moito tempo a identificación entre Galicia e a música folk foi algo cáseque natural, porque a maioría dos grupos galegos que alcanzaban notoriedade fóra facían este tipo de música. Pero dende hai algún tempo, isto foi mudando e ultimamente xa non sorprende escoitar nun programa da radio pública estatal que o jazz que chega dende Galicia é do mellor que se pode atopar nestes momentos no panorama español. Diso son responsables músicos que non chegan aos 40 anos, coma Xacobe Martínez Antelo, Abe Rabade, Max Gómez, Xan Campos ou Virxilio da Silva. Pero non se pode esquecer que nos tempos en que o jazz en Galicia era unha rareza os que prenderon o lume foron xente coma Baldo Martínez, Alberto Conde ou Nani García.

Resultaría un "sinsentido" crear un estilo de jazz galego moi marcado
Martínez lembra os tempos nos que tocaban este estilo "catro gatos"
Xa non sorprende escoitar o son do jazz galego nunha emisora estatal
Galicia non é Nova Orleáns pero é indubidable que algo está a acontecer

Como adoita acontecer con este tipo de cuestións, os protagonistas do fenómeno non son quen de explicar as causas do mesmo. Algúns mesmo prefiren non calificar a situación actual coma dunha explosión do jazz en Galicia, senón que falan de que xurdiu toda unha xeración de "moitos e moi bos músicos", como sinala o contrabaixista Xacobe Martínez, quen salienta tamén o bo ambiente que existe entre os músicos de jazz galegos da súa xeración, cos que colabora en diversos proxectos. "O que noto cando tocamos fóra é que a xente se sorprende moito de que teñamos tantos músicos de jazz de boa calidade nun lugar sen tradición neste tipo de música. Acabo de tocar no festival de La Paz, que fixo a edición 25, e resúltalles abraiante que veñamos dun lugar coma Galicia", explica. O que bota en falla Martínez para consolidar o bo momento do jazz é unha maior profesionalidade por parte dos programadores culturais en Galicia. "O programador é importante, porque é quen debe poñer en contacto ao público coas cousas que se están escoitando no mundo. O que ocorre é que a maioría dos programadores non son profesionais e cando hai un valente moitas veces non obtén o apoio que necesita para desenvolver o seu traballo".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Baldo Martínez, tamén contrabaixista e fundador de grupos míticos coma Clunia ou Zyklus, sinala que o gran momento do jazz en Galicia responde a distintos factores, entre os que se atopan o traballo desenvolvido polos músicos máis veteranos e cunha certa facilidade coa que contan os galegos para producir música de calquera tipo. "Temos algo de particular que facilita o noso achegamento ao jazz. Por un lado somos aventureiros e tamén moi teimudos e por iso logramos o que nos propoñemos", indica Martínez, quen lembra os tempos nos que en Galicia os que tocaban jazz eran "catro gatos" e non contaban coas posibilidades de alcanzar unha formación axeitada neste estilo musical. Agora está ao alcance da man.

O músico ferrolán non ten moi claro que os músicos galegos podan consolidar unha marca jazzística propia coma ocorre en Escandinavia ou en Francia. Para el, o verdadeiramente importante é que os músicos conten cos medios axeitados para poder desenvolver a súa música. "O bo de todo isto que pasou nos últimos anos é que cada vez hai máis festivais e concertos nos que se escoita jazz", conclúe.

Un dos vencellos que unen aos pioneiros do jazz galego coas novas xeracións é o pianista Abe Rábade, quen por idade podería ubicarse no grupo dos novos, pero que conta xa cunha longa traxectoria que o leva a ocupar un lugar intermedio entre eles e os que abriron camiño. O pianista compostelán salienta o feito de que a explosión do jazz en Galicia non se limite aos instrumentistas senón que tamen chegue aos compositores. Sobre a facilidade coa que os músicos galegos chegan ao jazz, Rábade apunta que pode ter algo que ver o feito de que a música tradicional galega teña un carácter ternario moi marcado. "Iso pode influír dalgún xeito, aínda que tampouco hai que ponderar demasiado a presenza deste factor, xa que a exposición que temos nestes momentos á música tradicional é moi limitada, sobre todo nas cidades", indica Rábade, quen nestes días confesa sentirse emocionado ante a viaxe que vai emprender cara a Santiago de Chile nos próximos días para presentar no festival de jazz da capital austral o seu último disco, Zigurat.

Rábade explica que sería un "sensentido" tratar de construir un estilo de jazz cunha marcada identidade galega xa que "o jazz é impuro por natureza ao nacer en América como resultado da mestura entre a influencia europea e africana". De todos os xeitos, sí que cita exemplos nos que se mesturaron elementos propios do jazz cos da música tradicional galega, coma é o caso do que él mesmo puxo en marcha co proxecto Rosalía XXI. "O que si penso é que os pobos teñen un xeito específico de ollar cara ao mundo e iso reflíctese na música que facemos", di.

Un dos exemplos máis evidentes da mestura que sempre implica o jazz é a música composta polo pianista cangués Xan Campos, quen con tan só 23 anos presentou este ano Orixe cero, o seu segundo disco como líder do trío co que toca, no que están presentes as influencias da electrónica, a música clásica e o rock. Campos tivo o seu primeiro contacto co jazz no Seminario Permanente de Pontevedra, no que destaca a figura do organizador Luis Carballo, ao que atopou traballando alí xunto ao propio Abe Rábade e a Paco Charlín. Logo marchou a San Sebastián, onde foi o alumno máis novo en acadar o grao superior en jazz con 21 anos.

No País Vasco comprobou como a colaboración que caracteriza aos músicos galegos de jazz non é tan habitual noutros lugares: "A xente viña decirme que tiñan envexa polo ambiente que temos en Galicia entre os músicos de jazz". Sobre a aparición nestes últimos tempos de moitos músicos de jazz en Galicia, indica que semella un fenómeno que se retroalimenta despois de que nos últimos anos proliferansen os concertos e os festivais de jazz. "Un exemplo témolo en Cangas, onde dende hai dez anos se retomou un festival que xa existía nos setenta e que agora cada vez vai medrando máis na sua importancia", sinala o pianista do Morrazo.

O caso de Campos é moi indicativo da importancia que supón unha iniciativa coma o Seminario de Jazz de Pontevedra para achegar esta música aos máis novos. No que coinciden todos os músicos é que a aparición de máis salas e festivais nos que presentar os seus temas é a mellor forma de garantir que a actual colleita de bos músicos non quede aí e sigan xurdindo novos talentos. Galicia non é Nova Orleáns, pero é indubidable que algo está a acontecer para que o jazz feito polos músicos galegos soe con máis forza ca nunca.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_