"Os investigadores, por antigo que soe, intentamos saber a verdade"
María do Cebreiro publica un ensaio sobre a figura da pantasma na poesía
Polo discurso de María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela, 1976) transitan e conversan, en comunidade de iguais, Karl Marx, Rosalía de Castro, Pierre Bourdieu, Jacques Derrida ou Xoán González-Millán. Coa noción de perda como hipótese de partida e a figura do espectro como fío para coser as súas reflexións sobre a literatura, a investigadora e poeta teceu o ensaio Fogar impronunciable. Poesía e pantasma (Galaxia). "Este libro pretende explorar o significado da aparición reiterada das pantasmas na poesía galega moderna", explica no limiar a propia autora.
Xa fóra do papel, Do Cebreiro afonda nas teses do seu segundo volume ensaístico -o primeiro, As terceiras mulleres, data de 2005. "A desaparición é practicamente o fundamental da literatura galega moderna", considera, "precisamente aparece para que a cultura galega non desapareza". No Rexurdimento, a aparición conxura a desaparición, resístese a ela. "Os galegos, se podemos falar nestes termos, non debemos perder a perda", engade. Máis alá de palabras cruzadas, a conciencia de trasmisión do pasado histórico resulta fundamental para non deformalo. E a literatura tamén ocupa unha posición cando se trata de non ceder á institucionalización as responsabilidades do que se deu en chamar memoria histórica.
"A literatura galega reaparece para que a cultura galega non desapareza"
"O nó entre o político e o poético, violentándose, é o que me interesa"
"O uso retórico da historia, a longo prazo, prexudícanos, porque as feridas repáranse coa verdade", sinala, "e os que investigamos, por moi antigo que soe, intentamos saber a verdade". A figura da pantasma -"que é unha apertura, que vén do pasado pero vai ao futuro"- si di cousas arredor da memoria e do verdadeiro. "O que implicaron, na historia recente, os desaparecidos latinoamericanos, ou no Estado español a reapertura de foxas dos republicanos asasinados", expón, "ilustra que as historias de pantasmas non afectan unicamente aos individuos, senón que teñen unha dimensión colectiva e, polo tanto, política".
Pero o que Fogar impronunciable coloca, antes de máis, no debate é a reversibilidade dialéctica entre o político e poético. "Ese nó, en lenta rotación, como os astros, que se está violentando continuamente, é o que me interesa". Recorre, para iso, á obra de Rosalía -na actualidade estuda o pensamento político e as teorías da xustiza na súa narrativa-, a María Mariño, a Alfonso Pexegueiro ou a Chus Pato. "O propio discurso cultural galego, e toda a poesía en particular, é espectral, resistente, supervivinte, intempestivo e, por esas cuestións, política", afirma. Un espectro que para Marx roldaba Europa e para Derrida se atopaba no tempo fóra de cacho (no time out of joint recollido de Shakespeare).
"A lectura que Walter Benjamin realizou sobre o fetichismo da mercadoría axudoume a asexar a pantasma na literatura galega", segue, "porque as cousas, os bens circulantes, producen no capitalismo contemporáneo un desacougo semellante ao da pantasma". A relación ambivalente do autor do Manifesto Comunista co capitalismo -para el, a burguesía resulta a clase máis revolucionaria até a comparecencia no escenario histórico do proletariado-, tamén. "A dúbida e o medo son, como no caso de Marx e a súa fascinación crítica polo capital, a condición de como tratamos co fantasmagórico", resume.
O xeito en que María do Cebreiro, que a comezos de ano configurou co deseñador gráfico Xosé Carlos Hidalgo un fermoso libro de tiraxe limitada e título Poema históricos, chegou a territorio fantolóxico ten algo, así mesmo, de espectral. "A incógnita da pantasma aparecéuseme en varias cousas que levaba tempo escribindo e entre as que parecía non haber conexión", lembra. Na introdución do libro, ofrece detalles cumpridos da reconstrución de traballos previos que deu pé a Fogar impronunciable: "Os ensaios do libro son tamén pantasmas críticas que tentan convocar (ou conxurar) cuestións como a identidade nacional, a resistencia poética, o uso público da memoria, a relación entre poesía, voz e silencio, a significación política dos espazos literarios, as funcións menos visibles da tradución ou a posibilidade dunha historia literaria inscrita nas coordenadas do presente".
Do Cebreiro empregou as súa lecturas do tratamento do fantasmagórico nas tradicións teóricas inglesas e francesas e aplicou "a pantasma como índice político" á literatura galega. "Aquí as aparicións foron estudadas como algo folclórico e eu pensei que o espectro estaba na nosa débeda e que cumpría aplicalo á nosa literatura", conclúe. Concibido como libro colectivo -"sono todos, en certo xeito, pero escribir é un exercicio de lealdade cara aos outros"-, Fogar impronunciable fíxose material durante unha estadía laboral da autora en Zurich, malia a imaxe convencional de Suíza, "a cidade onde naceu a vangarda". "Facelo fóra da casa, nun espazo de inmigración, non é unha casualidade se atendemos ao libro, que se beneficiou, ademais, de olladas estranxeiras como a do profesor Danny Barreto, de Puerto Rico, ou Kirsty Hooper, da Universidade de Liverpool", remata.
O editor de Galaxia, Carlos Lema, e os críticos Isaac Lourido e Ana Salgado presentaron Fogar impronunciable o pasado mércores na Libraría Couceiro de Santiago.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.