_
_
_
_
Reportaje:Luces

"O lenzo é o lugar que habito"

A Casa das Artes de Vigo acolle 'O tempo é un círculo', a primeira grande exposición individual da artista Menchu Lamas na súa cidade

Unha das primeiras instantáneas que aparecen ao abrir unha monografía sobre a artista Menchu Lamas (Vigo, 1954), editada pola Deputación de Pontevedra en 1997, amosa a pintora cáseque no comezo da súa carreira, empoleirada sobre unha escada, de brincadeira con Antón Patiño, compañeiro de vida e de profesión. O mesmo ano da saída do prelo do volume editado pola institución provincial, desta volta para o catálogo bilingüe galego-castelán dunha exposición na galería madrileña May Moré, Lamas escribíu: "Como un procedemento de impresión arcaico onde a imaxe se desdobra na multiplicidade do eco, erosionándose na singulariedade que renova en cada pegada un pacto xerminal. A silueta, o debuxo recortado, a sombra proxectada sobre o muro como máxima economía de definición da figura".

"Hai variacións, pero na miña pintura non hai adiante e atrás"
Xa contra 1982, o crítico Calvo Serraller tildouna de "audaz e vibrante"
"Teño mala memoria e así, cando miro o pasado, penso que non cambiei"
Nesta mostra, quere dar conta da "pequenez" dos seres no espazo

"Sigo identificándome con esas palabras. Hai variacións, mais coido que na evolución da miña pintura non hai adiante e atrás", observa a artista mentres baixa, áxil e riseira, da escada móbil coa que revisaba os derradeiros detalles da exposición O tempo é un círculo, nas horas previas á súa apertura no edificio municipal da Casa das Artes de Vigo. É unha escolma de 26 pezas, máis extras recentes como un mural na parede e un audiovisual realizado con debuxos, datadas en dous momentos: na década dos noventa e do ano 2005 en diante. A ocasión é a gran primeira mostra individual na súa cidade (na Estación Marítima da Coruña expuxo Itinerarios concéntricos en 1997, e o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago dedicoulle a primeira retrospectiva en Galicia en 2006) da única muller integrante do renovador grupo Atlántica, cuxa traxetoria profesional comezou oficialmente naquela exposición fundacional da Praza da Princesa de Vigo, en 1976.

Era unha conta pendente cunha obra exposta en museos e galerías de arte de todo o mundo, desde Nova York a Manila, onde participa este verán nunha reinterpretación colectiva do Guernica de Picasso. De "audaz, desenfadada e vibrante" cualificou o crítico Francisco Calvo Serraller a súa primeira impresión sobre as obras de Lamas, a comezos dos oitenta. Con motivo da súa estrea nunha mostra individual en Madrid, na galería Buades (1982), asinou en EL PAÍS a reflexión O instinto e a sabedoría, a propósito dunha "das nosas pintoras novas de máis talento", na que afirmaba que "o segredo está en que posúe un orixinal e suxestivo simbolismo propio. En realidade, a súa pintura posúe todas as características dun bo facer nada medroso: cromatismo radiante, que ferve sobre unha riquísima cocción de mesturas, pinceladas amplas, rápidas".

Algunhas das súas series máis coñecidas, as lúas, as mans, os paxaros e as mulleres, están presentes nesta mostra, da que deliberadamente se deixou fóra á produción dos anos oitenta, "porque xa foi moi reproducida", xustifica a artista. Asegura que ten mala memoria e que esquece axiña os cadros rematados. "Por iso cando miro ao pasado penso que non cambiei tanto", ri. Permanece fiel á súa concepción da pintura como unha acción un tanto descontrolada e divertida, na que é doado imaxinala enchoupada de pintura, subida ás alturas para acadar os seus grandes formatos e creando os seus trazos espontáneos, tan característicos, coas mans. "A tea é o lugar que habito e no que libero o que teño dentro, en troques de ir ao psiquiatra", bromea. "Déixome levar polo sentimento e o pracer, déixome estar dentro; pero o máis interesante non é o momento de traballar, senón o de saír do estudo e comprobar que os cadros están vivos na ollada transformadora do outro".

Deste experimento expositivo o que lle interesa é confrontar formas frías e quentes, muros impenetrábeis con paredes con buratos. No fondo, Lamas quere dar conta "da pequenez" dos seres "dentro dun espazo". Para o seu propósito válese da xeometría, entendida como "o intento do home por controlar o espazo para non perderse". "O importante é a pintura, as formas son pegadas para dar unha referencia de escala, a síntese do que somos nós, e van evolucionando". "As súas obras son unha viaxe na que tan pronto recoñeceremos o noso propio rostro como nos enfrontamos co descoñecido. É como traspasar unha porta que, coa súa simultaneidade de saída e entrada, é caracterizada como o símbolo orixinario", reflexiona o comisario d'O tempo é un círculo, o crítico vigués Xosé Luís García Canido.

A tese que o xefe de crítica de The New York Times formulou diante do lenzo Cobra, adquirido despois por un coleccionista privado estadounidense, foi que o imaxinario popular galego era na obra de Lamas o que a paisaxe catalana na de Miró. O británico John Russell, falecido en 2008, albiscou esta cosmovisión ao descubrir a pintura da galega na colectiva Five Spanish Artists no Artists Space de Nova York, en 1985: "As súas imaxes de cores sólidas, monumentais e emblemáticas, prenden na nosa atención coa mesma forza coa que un brazo vigoroso cingue unha serpe no seu cadro".

Edición dun libro de artista

O tempo é un círculo permanecerá aberta ao público até comezos do vindeiro mes de xullo e unha das súas consecuencias xa pertence ao presente, na requintada publicación que, a modo de catálogo, editou o Concello de Vigo, patrocinador da mostra. Baixo a coordinación editorial de Rai Iglesias e Iria Sobrino, o exemplar constitúe un libro de artista que, amais de reproducións das obras en exhibición, aporta outras mostras creativas de Menchu Lamas, fotografías persoais e citas da pintora, textos do comisario e do crítico Miguel Cereceda e poemas dos escritores Alfonso Armada e Manuel Romón, do músico Julián Hernández, do cineasta Antón Reixa e do pintor Antón Patiño que tamén foron incorporados ao plan expositivo en sala.

"Estou rodeada de amigos", confirma Lamas. Agás Hernández, o cuarteto formado por Armada, Patiño, Reixa e Romón xa arroupara á artista nun catálogo anterior, Laboratorio de Sombras (1997), que tivo unha difusión limitada. Aqueles versos foron rescatados para esta edición, á que se lle engade un poema visual do líder de Siniestro Total. Todos eles permanecen unidos por lazos persoais e profesionais anoados desde os oitenta, a época de Atlántica, a etapa de Rompente na que Lamas e Patiño arrombaban cada libro do colectivo poético como unha obra única.

"Cando nos coñecimos, aburriámonos moito e puxémonos a facer cousas porque queriamos divertirnos. A parte positiva foi que todo tivo que nacer de novo, todo tivo que ser inventado daquela porque non había cartos nin lugares. Daba igual unha casa que un instituto que a rúa", evoca. "Despois, cadaquén seguiu adiante polo seu camiño coa mesma enerxía pero mantivemos as relacións co paso do tempo. Aqueles anos recórdanme a estes. Agora xa partimos da base de que non hai diñeiro, mais cómpre botarlle unha enerxía distinta! E se non hai financiamento, as institucións e os poderes públicos e privados polo menos deben deixar liberdade para que a xente que queira faga cousas e permitir ocupar espazos que están inutilizados".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_